ANA MARÍA OTERO BETANZOS
ANA MARÍA

ANA MARÍA OTERO BETANZOS

por Carla Rey Padín

IES Francisco Asorey - 4º ESO

Naceu o 25 de maio de 1951, en Cambados, no Pazo de Ulloa. O seu tío traballaba de xornaleiro nese pazo e deixoulles ós seus pais a casa para vivir alí. Estivo ata a idade de catro anos. Tiña una irmá maior pero súa nai tívoa de solteira e quixo quedar a vivir coa súa avoa e seus tíos en San Tomé, aínda así víanse todos os días. A vivenda era pequena, onde moraban os xornaleiros. No Pazo vivía máis xente e chamábase a Casa da Xenerala. Un ano despois, seu pai marchou a navegar nun barco de pasaxeiros, a compañía chamábase TRANSMEDITERRÁNEA. Cos cartos que gañou puideron facer unha casa na Alameda de San Tomé nun terreo que lle deron seus avós a súa nai. A idade de 4 anos trasladouse a vivir alí co seu pai, súa nai e súa irmá. A súa avoa vivía o carón nunha casa grande cun patio e alí xogaba coas súas primas: facían bonecas de trapo e zapatillas con solas que atopaban tiradas na praias e elas poñíanlle unhas tiras para atar nas pernas.

Seu pai seguiu navegando e súa nai ía á fábrica de conservas e a mariscar. Cando ela cumpriu cinco anos, como súa nai tiña que traballar foi a unha escola particular que se chamaba “a de dona Pepita” estaba preto do asilo e era de pago porque ata os seis anos non se lles permitía ir á escola pública. Nesa idade, morreron nun naufraxio un irmán de súa nai, un cuñado (home dunha irmá de súa nai) e tres irmáns do cuñado. Isto foi un feito que marcou a toda a familia e a toda a vila. O máis maior só tiña 25 anos. Dos cinco que morreron só se recuperou, ós vinte días, o corpo do irmán de súa nai. Lembra a súa avoa chorando todos os días e cun pano negro na cabeza que xamais sacaría. A ela tamén lle puxeron loito e lle ataban as trenzas do pelo cuns laciños negros. Foron tempos difíciles. Súa tía quedou viúva con só 25 anos e preñada dun mes (neses intres aínda non o sabía e por suposto o seu home tampouco). No mesmo naufraxio perde a seu irmán xemelgo e tres cuñados. Esa tía foi unha loitadora e conseguiu saír adiante co embarazo, criar a súa filla e facer a súa casiña. Vivía o lado da súa casa e sempre estiveron moi unidos a ela. Cando ela cumpriu 7 anos seu pai volveu moi enfermo de navegar con problemas de pulmón e non se podía mover da cama e como súa nai traballaba e súa irmá maior atopábase en Barcelona cunha tía, ela tivo que coidalo en todo o que podía: darlle a merenda, collerlle o que precisase... Cando seu pai sanou, montou unha tenda de comestibles no baixo da casa onde vivían.

A súa irmá retornou de Barcelona. Os seis anos empezou na escola pública en San Tomé, estaba situada moi preto da Torre de San Sadurniño, e logo cambiaría para o lado da súa casa (onde está hoxe en día o parque de San Tomé). O horario era de 9:30 a 12:30 e de 15:00 ata as 17.00. A súa mestra chamábase dona Sara, era de Pontevedra, vivía de aluguer en Cambados. A media mañá dábanlle vasos de leite en po e pola tarde queixo. Ela, como seus pais tiñan tenda, levaba un cucurucho de papel con cacao dentro para botarlle ao leite e compartía con moitas nenas o cacao. Alí ensinábanlle a sumar, restar, multiplicar, coser e ademais a bordar e facer vainicas. As nenas pequenas usaban pizarra e pizarrín e cando xa sabían escribir empregaban a pluma con tinta. A profesora era moi recta e tiña unha vara india coa que castigaba ás rapazas que se portaban mal, tamén lles poñían libros nas mans e de xeonllos enriba da area. Na escola eran de 90 a 100 alumnas de idades comprendidas entre os seis e doce anos para unha única mestra. As escolas non eran mixtas. Había catro niveis: párvulos, primeiro grao, segundo grao e terceiro grao. O chegar a escola tiñan que dicir “Ave María purísima” e “buenos días ¿cómo está usted?” sempre que estaba a mestra dentro. Se non o dicías tiñas que saír e volver a entrar ata que o dixeras. A primeira escola tiña un patio pequeno onde facían o recreo. E na segunda escola non había patio, facían o recreo na escalinata de San Tomé se non chovía. No recreo xogaban á corda. Fixeran unha excursión andando ata Castrelo (a aldea do lado), comeron nun piñeiral, xogaron e voltaron. Polas tardes despois do colexio xogaba coas súas amigas á corda, ás agachadas, ás bólas, á billarda, ó truquel, a faceren teatro...

Nas vacacións de verán a súa nai mandábaa a un taller de costura todo o día para que non estivese “tirada pola rúa”. Non había coches na vila. A xente desprazábase andando ou en bicicleta. Había un só taxi, e máis tarde algún máis. As viaxes facíanse no autobús (coche de liña) a lugares próximos (Vilagarcía, Vilanova, Pontevedra) pero se tiñan que ir a Santiago, Vigo ou A Coruña xa non había autobús, tiñan que facelo en tren dende Vilagarcía. Tampouco había teléfonos, só había en Fefiñáns unha centraliña telefónica ,“a de Milagros” a onde acudían cando precisaban facer algunha chamada. Polo Corpus facían unha alfombra moi grande e bonita, de flores e follas, na alameda de San Tomé, colaboraban todos os veciños, grandes e pequenos. Ó final da alameda poñían un altar, un ano puxeron un altar en forma de barco feito con madeira por un veciño que era ebanista e facía marabillas.

Tódalas familias tiñan un alcume, o da miña avoa era os “chapusos”. Ela sentíase unha privilexiada porque nunca pasou fame nin gañas de cousas xa que collía na tenda o que lle apetecía para comer. E vivía nunha casa cómoda. Non podían dicir o mesmo moitos dos seus veciños que si pasaban fame e vivían apiñados en casiñas moi pequenas. Na casa había luz pero non auga corrente, ían á fonte de San Tomé, que estaba pegada a súa casa, a coller auga. Tiñan baño, pileta e unha bañeira de cinc. Había moitas casas que non tiñan cuarto de baño, usaban os ouriñais e logo baleirábanos no mar ou en “congostras” que eran lugares agochados e onde non vivía ninguén e se usaban para verter desperdicios.

Había xente que non tiña horta e criaban animais nas casas, andaban entre as hortas os porcos e as galiñas, tamén polas rúas e gardábanas ás noites á calor das lareiras.
Daquelas a xente mercaba na tenda de seus pais e ían pagando ós poucos, anotábaselle nunha libreta o que levaban e cando podían pagaban. A xente mercaba os produtos por gramos: arroz, pasta, fariña, azucre, cacao, aceite... O turrón por cuarteiróns, partíase a tableta en catro anacos e vendíase un cuarto. O aceite un cuartillo, a cuarta parte do litro, ou medio litro como moito. Para a lixivia viñan as clientas cunha botella a buscar dous reais, un real era a cuarta parte de unha peseta, dela. Tamén se vendía media ducia de piñas para prender o lume. Todo se mercaba en poucas cantidades.

Ós 10 anos naceu súa irmá pequena. Nese momento tivo que deixar a escola para coidala, xa que a súa irmá maior comezou a axudar a seu pai no negocio e súa nai seguía traballando no marisqueo e na conserveira. Aínda que se apuntou na escola de noite, tivo que deixalo tamén porque non tiña tempo. Non puido acabar o terceiro grao. Fíxose cargo dela ata que comezou a andar e súa avoa puido coidala coa axuda da súa irmá maior. A ela mandárona a aprender a atar redes, para ser redeira porque súa tía era a xefa das atadoras e aprendeu con ela. Cando non había redes para atar, ía mariscar con súa nai, á idade de 12 anos. Cargaba na cabeza os sacos de berberechos como as persoas adultas. Con 15 empezou a ir á batea de mexillóns e ostras, ata os 16. A esa idade foi traballar a unha fábrica de conservas e mariscos onde non había un horario fixo e na que se traballaba as horas que fixeran falta segundo o que houbera que enlatar.

Con 15 anos empezou a mocear e os lugares que tiñan para divertirse eran o cine e “o baile da tranca”. En Cambados había dous cines: o Cervantes que era o máis antigo (chamábanlle o cine vello), situado onde está Montblanc, preto do Concello, e o cine Avenida (o cine novo) situado onde está agora o Eroski , preto da praza de abastos. A ela non a deixaban ir moito ó baile, ía ás agachadas finxindo que ía á segunda función do cine e tan pronto acababa o cine ía para casa. As verbenas facíanse con gaiteiros e con bandas de música, máis tarde xa viñan orquestras a tocar nas festas.

No Nadal comían produtos do Nadal típicos que tiñan na tenda (galletas, polvoróns, turrón) pero os Reis Magos viñan moi pobres, traíanlle unha moneca de cartón, calcetíns, bragas ou roupa. De pequena nunca tivo unha bicicleta e soñaba coa bici que tiña unha veciña. Lémbrase que os primeiros pendentes que lle mercaron custaron 25 pesetas. O primeiro reloxo que tivo botáronllo os reis cando xa tiña 16 anos, atopou o agasallo agochado un mes antes e polas noites collíao e durmía co reloxo no pulso e pola mañá volvía a gardalo onde o agocharan. Ninguén se decatou.

O 18 de xaneiro de 1970 casou con meu avó en Cambados embarazada da súa primeira filla. Tiña 18 anos e levaban tres anos de noivos. Non puido casarse cun vestido longo porque estaba embarazada e non era “pura” segundo lle dicía a familia. Celebraron a voda en “Casa Rosita”, un restaurante que aínda existe pero que cambiou a localización. Daquelas estaba no centro do pobo. Foron a vivir para unha casa de dous pisos que fixeran seus pais ó lado da súa casa. Eles habitaron o piso de abaixo e súa irmá maior o de arriba (casara 6 meses antes que ela). Tiveron que acabar de arranxalo por dentro. Deu a luz de miña nai o 4 de Xuño dese ano e tivo que deixar o traballo porque non había garderías e súa nai non podía facerse cargo dela tan pequena. Un ano despois, o meu avó marchou para Alemaña a traballar e ela retomou o traballo na fábrica, xa a súa filla camiñaba e entre súa nai e súa avoa botábanlle unha man para coidala. Meu avó só botou tres anos en Alemaña. No ano 1974 nace o segundo e último fillo. Durante os tres anos seguintes non puido ir á fábrica por coidar ó rapaz, pero aproveitaba para ir a mariscar cando alguén llo podía atender.

Volta de novo a traballar na conserveira ós tres anos de nacer o neno. Nesa época, coa chegada da democracia, xa había un horario fixo na empresa e uns dereitos para os traballadores. Ela e meu avó traballaron arreo e conseguiron mercar un terreo e facer unha casa no Brexo, preto de onde vivían.

Con 49 anos comezou a ter problemas na columna debido ós esforzos no traballo que fixera ó longo dos anos, e tivérona que operar. Nove meses despois volvérona a operar para “fixarlle a columna” o que se chama unha artródese. Non poido seguir traballando na fabrica e prexubilárona. Dende ese momento ata hoxe, dedícase a facer traballos do fogar e axudar a coidar ós seus netos.