ÁNGELES SOMOZA LOJO
ÁNGELES

ÁNGELES SOMOZA LOJO

por Mariña Chaves Rodríguez

IES Francisco Asorey - 4º ESO

Esta historia que de seguido vós contarei empeza o día cinco do mes de abril no ano mil novecentos corenta, cando Carmen Lojo Rodríguez e Jesús Somoza Taboada teñen unha filla chamada Ángeles Somoza Lojo. Eles vivían en Cambados, pero fóron cambiando de casa, dous dos lugares onde viviron foi O Castriño e en Fefiñáns. Chegaron a ser once irmáns dos que só sobreviviron sete, e só cinco viven na actualidade. Deses cinco, tres viven en Cambados contando á protagonista desta historia: Ángeles, Nita e Fina.

Ángeles empezou á escola aos 6 anos, no colexio de nenas de Fefiñáns, que estaba ubicado na parte baixa do actual Bar Torres, na praza de Fefiñáns, pero só estivo tres anos, nel só se estudaban as ensinanzas básicas, as vocais e un pouco de case nada, ela aprendeu a ler e escribir no colexio de monxas ao que ía polas noites despois de deixar o colexio de nenas de Fefiñáns. Non era de notas baixas, nin tampouco destacaba entre as demais, eran notas normais, tampouco e que aprenderan moito. Da escola de nenas non se lembra do nome da súa mestra, só se lembra de que era moi mala e de que agora está enterrada no cemiterio de Cambados. No colexio de monxas a súa mestra era sor Josefa. Ela non se metía en moitos conflitos, pero de vez en cando no colexio caíalle a propósito unha que outra pizarra na cabeza e ela tamén as devolvía, xa que antes non había libretas coma agora, se non que tiñan pequenas pizarriñas onde escribir e facer os exercicios. No colexio daban as clases en castelán, pero ela non lembra que en ningún momento nun lugar de Cambados lle prohibiran falar en galego. Pero, iso si, o galego non se daba na escola, senón que o aprendían polos seus pais ou na rúa. Ángeles non concluíu os estudos porque se tivo que poñer a traballar.

Mentres que ía á escola polas noites no colexio de monxas, polo día traballaba axudando na casa e recollendo marisco no Pombal, ela empezou aos oito anos, pero na casa xa axudaba dende pequeniña. Traballaba na fabrica dun matrimonio que eran veciños seus, ese matrimonio eran Os Ficos. Ángeles lembrase dalgúns dos nomes dos compañeiros, como por exemplo: Mucha, e as súas fillas, Joaquín, Benito, Vitorina, Fina. Non había moita xente, non máis de dez, a non ser que houbera moito marisco para recoller, pero non era o habitual. Alí na empresa estaban contentos con ela. Aos 16 anos empezou a traballar nunha empresa marisqueira, chamada Galbán. Ata que aos 21 anos marchou a Alemaña.

Mentres estivo en Cambados foi moi pouquiñas veces ao cine, sempre cas compañeiras do traballo, pero o que si que vía eran os titirireiros que andaban polas rúas. Os titiriteiros poñíanse nas rúas ou nas prazas e os nenos poñíanse ao redor mentres miraban e escoitaban a pequena representación dos titiriteiros, logo eles pasaban unha gorra por se alguén lles deixaba algún carto pola representación. Cando era pequena, aparte de ir á escola, traballar ou axudar na casa, tamén xogaba ás escondidas, o pilla-pilla... Tamén lle gustaba o deporte, pero non practicaba ningún deporte específico nin tampouco estaba en ningún equipo.

Cando eran as festas da vila gustáballe ir a bailar e a cantar, pero, evidentemente, non había as orquestras de agora, se non que habían os gaiteiros e pequenas bandas de música.
Algún que outro familiar coñeceu a Ramón Cabanillas pero ela non, só lle contaron algunhas cousas del pero non moito, xa que a súa familia non tiña relación con el nin tiveron nada con el, unha pena. A verdade e que que non lle gustaba ler.

Como xa dixen antes, Ángeles marchou a Alemaña cando tiña 21 anos, no mil novecentos sesenta e un, onde coñeceu a Manuel Rodríguez Marzoa co que se casou aquí en Cambados, xa que regresaron a Cambados para casaren. Aos dous ou tres anos de estaren casados, Ángeles quedou embarazada e tiveron que regresar a Cambados onde tiveron o seu primeiro fillo, chamado Manuel Ángel Rodríguez Somoza, pero tivérono que deixar aquí coa súa nai, Carmen, porque non podían levalo a Alemaña xa que eles dous traballaban e non podían coidalo. Cando decidiron regresar, viñeron coller ao seu fillo, que xa tiña catro anos, e marchar ao País Vasco. No País Vasco, tivo dúas fillas máis. Volveu definitivamente a Cambados no ano mil novecentos setenta e nove, con trinta e nove anos, xa que si que volvera, pero non se quedara, ela viña de vez en cando, nalgún que outro verán, pero naquela época ela vivía no País Vasco, concretamente en Elorrio situado en Biscaia. Cando volveu xa estaba casada e con tres fillos, os seu fillo maior tiña xa trece anos, súa filla mediana, María Gardenia, tiña oito anos e a súa filla pequena, Yolanda Rodríguez Somoza, tiña tres anos.. Eles pasaron a vivir nas casas baratas e logo na rúa da travesía do hospital. Ángeles traballaba limpando casas e algunha que outra oficina, pero Manuel, o seu marido, tivo que marchar a traballar a Suíza un ano despois de que volveran.

Logo de moito tempo, mudáronse Á Pedreira, en Vilariño, parroquia de Cambados. Onde vive actualmente co seu marido e a familia de súa filla mediana, quen está casada e con tres fillo. Deses tres fillos, a mediana e quen conta esta historia, a historia da estancia en Cambados da miña avoa: Ángeles Somoza Lojo, que actualmente ten setenta e sete anos.