ANTONIO CHAVES SERANTES
TUCHO CHAMIZO

ANTONIO CHAVES SERANTES

por Manuela Sagrario Chaves Pérez

IES Francisco Asorey - 4º ESO

Antonio Chaves Serantes, máis coñecido como Tucho, naceu o 30 de Novembro do 1934, na rúa do Brexo. Habitaba nunha casa de labradores, cun cuarto para cada un, un para seus pais, outro para el, outros dous para as súas dúas irmás (Sita, o diminutivo de Alfonsa e Tita), outra para seus avós ata que faleceron, e un para o seu tío, que tempo despois de morrer os avós, trasladouse a outro domicilio. Nesa casa vivían nove. Tiñan unha boa economía, xa que traballaban moito para poderen manterse e sacaban beneficios, aínda que non chegaban ao punto de riqueza. Tiñan moi poucos veciños xa que a zona onde habitaban era máis de comercio que vivendas. Os veciños que lembra son a señora Elena, da familia das Berulas, e Buceta. Levábase ben con eles, boa veciñanza, pero non mantiñan ningunha relación de amizade.

Describe a súa vida, por un lado, como mala, xa que de pequeno levaba unha vida moi ocupada. Comezou a traballar no campo ós cinco anos, tiña que saír da escola e ir para a leira correndo porque se chegaba tarde o seu pai berráballe e de vez en cando caíalle algunha que outra tunda. Por outro lado, di que a súa vida comezou a mellorar cando volveu da mili, nese instante xa a destaca como sobresaliente e boa, xa que o traballo era máis leve, tiña outro tamén, como mecánico, era algo que lle gustaba e non lle custaba ir traballar. Foi unha etapa de alivio para el. A súa vida baseábase en traballo forte e só descansar os domingos.

Non ten un único momento feliz, senón que ten xustamente, nada máis e nada menos, nove momentos felices, que corresponden con cadanseu nacemento de todos os seus fillos e fillas.

Os peores momentos que destaca son as tundas que levaba cando era pequeno. Argumenta que era inxusto que a un neno de apenas seis anos lle pegaran polo simple feito de chegar cinco minutos tarde a traballar cando viña da escola, e non de estar xogando, que polo que lembra, os momentos nos que podía xogar eran moi escasos.

Comezou a estudar con cinco anos, no colexio de dona Pastora. Estivo alí ata os oito anos, nesa idade, seu pai cambiouno con don Felipe e dona Balbina, onde estivo catro anos, que volveu a cambiarse con Fernando na escola da Ponte de Castrelo. Tempo máis tarde, seu pai quería mandalo a estudar cun amigo seu que era profesor particular, meu avó negábase pero tivo que aceptar e rematou facendo un trato co profesor, el tería que pagarlle a cambio de que lle dixera ó seu pai que traballaba moito e que facía todo moi ben. Non tiñan materias como tal, impartían as clases de matemáticas, álxebra, e do resto non daban nada, se facían algo era moi simple e case nada. Nunca falou galego na escola, e os mestres que lle ensinaban tampouco o falaban, nin sequera o ensinaban. Tampouco había notas de cualificacións como tal, se o facías ben non che dicían nada e se o facías mal pegábanche, “a letra con sangue entra”. Non chegou a rematar os estudos xa que tiña que traballar e non había nin tempo nin posibilidades para seguir estudando nin facer unha carreira.

En todos eses anos tivo moitos compañeiros de clase e non consegue lembrarse de todos, pero os que máis recorda, como non, son os seus amigos: Benito Costa López, Luis Trigo, Benito Fernández, Ricardo, “Suso” e José Luis.

Comezou a traballar ós cinco anos no campo por necesidade e por obrigación. O seu labor no campo era cachar, facíao ata as seis da mañá e acto seguido marchaba a traballar ó taller, onde comezou sendo ferreiro, logo pasou a traballar coa fragua, limpar motores e pezas e finalmente pasou a reparar motores. No taller os seus xefes eran Antonio Molares Domínguez e Constantino Silvoso Prego, tratábano ben pero pagaban pouco, mal. Co tempo pasou a ser o seu propio xefe. Gonzalo González García, Benito Portas Vidal, Benito Santos e Vieira traballaban con el. Nunca tivo problemas con ningún deles.

Non axudaba nos labores da casa xa que de pequeno iso facíano a súa nai, e cando estaba casado facíao a súa muller, Elvira, porque ela non traballaba, decidiu ela mesma dedicarse a coidar ós seus fillos e máis os labores da casa.

Di que a súa infancia foi moi sinxela, dedicábase a estudar na escola, correr ó traballo, rematar nese e ir cara ó taller, e case nunca podía xogar, así que non chegou a gozar realmente da súa infancia. Nunca viaxou, nin de pequeno nin cando casou, a única vez que saíu de aquí foi cando tivo que marchar á mili. Na vila tiñan dous alcumes, Charela, por parte de nai (non lembra a procedencia deste) e Chamizo, por parte de pai. Antonio explica que o alcume de chamizo vén de cando seu pai traballaba limpando as chemineas, quedaba con toda a cara cuberta de negro, pola cinza e a sucidade. Un día despois de traballar foi á taberna sen limparse e seus amigos comezaron a chamarlle Chamizo en ton burlesco pero todo dende o respecto e a broma, e así quedou para sempre.

Comezou a ter tempos libres xa de adulto. Ía á Cultural a ver partidos de fútbol ou ben xogar ás cartas cos seus amigos, adoitaban xogar ó chinchón, á brisca, á escoba e moitos máis xogos de cartas. Ó principio xogaban apostando cartos, poucos, unhas cinco pesetas, un peso, pero co tempo deixaron ese costume porque as súas mulleres lles berraban. Non tiña outros pasatempos xa que non había tempo libre, e se o tiña xogaba ás cartas cos seus amigos na Cultural.

Foi dúas veces ó cine. Unha primeira vez na Xuventude e outra no Cervantes, que hoxe ven sendo un banco. Os dous cines eran pequenos, dunha planta con butacas e con outro andar onde se proxectaba a película. A primeira película que veu foi “La corona de hierro” que ía de Tarzán e o seu fillo. Foi cos seus amigos e as entradas custáranlles tres reais por persoa, pero dependendo da sesión e película, as entradas podían custar unha peseta ou dúas.

Nunca foi ó teatro, non había moitos naquela época aínda que non lle interesaban moito. Tampouco lle importaba demasiado a música, el o único que quería era bailar e pasalo ben, iso si, cantaba moitas serenatas.

Ler libros aburríao, cando os lía eran de vaqueiros que eran o único que lle interesaba pero tardaba moito en lelos porque sempre quedaba a durmir. Unha novela que conseguiu ler enteira sen durmir foi unha de Marcial La Fuente Estefanía, era de vaqueiros.

El mesmo chegou a coñecer a Ramón Cabanillas, aínda que non lembra moito del. Di que era un señor moi educado, que adoitaba ir vestido cun sombreiro, bastón e todo de negro. Tamén chegou a coñecer ao escultor Francisco Asorey.

Non lle gustaba a política, todo o que sabía dela era o que escoitaba nos medios de comunicación que non era moito e o que lle escoitaba falar á xente. Argumenta que nunca lle interesou porque tiña moi malos recordos dela, pola culpa da política morrera moita xente, así que asociábao conque a política era mala e non quería ter nada que ver con iso.

De deportes só vía fútbol. Intentou xogar unha vez, pero metéronlle unha pancada e lesionárono, así que nunca volveu a xogalo, dedicábase a velo, e iso contentábao. Gustaríalle que lle recordaran tal e como é, como Tucho, o humilde mecánico, paciente, tranquilo, pacífico, divertido, alguén en quen se podía confiar. Como el realmente é. E podo asegurar que vai ser así, non coñezo a mellor persoa ca o meu avó, é un gran exemplo a seguir.