BENITO ROMERO BETANZOS
NITO CARRACHO

BENITO ROMERO BETANZOS

por Alba Romero Fernández

IES Francisco Asorey - 3º ESO

Nun 21 de setembro de 1940, acabada a Guerra civil española e co comezo da II Guerra mundial. Nunha casa na Alameda de San Tomé, aínda en pé a día de hoxe, naceu un neno louro de rizos cuns brillantes ollos azul claro, fillo de Antonio Romero Agra e Ramona Betanzos Ramos. O segundo fillo dunha familia que sería de oito. Meu avó. Miña bisavoa pariu na casa coa axuda dunha matrona, Pepa. Xa que daquela, non había hospitais próximos e a situación económica non permitía ir a médicos de pagamento. O pequeno pronto recibiría o alcume da súa nai, Carracho, que acompaña a familia dende tempos pasados. Como o alcume é tan antigo, non se sabe ben a orixe, simplemente adoptárono, así sería coñecido polos veciños, como Nito Carracho. Veciños cos que tería unha gran amizade, todos se levaban ben, non había dúbida a hora de axudar aos demais. Había compañeirismo. Como di o protagonista “Fame con fame,non é fame”.

A familia, compartía a casa coa avoa do pequeno e co matrimonio da irmá de Ramona. Unha casa un tanto pequena para una familia de trece membros. A casa de pedra dividíase en dous pisos. Na planta baixa, os dormitorios do matrimonio e a anciá. Mentres que no piso superior, o cuarto estaba separado por un lenzo, nunha metade durmirían os seus pais, e na outra, todos os irmáns. Tamén arriba, estaba a cociña, cunha lareira, e o “comedor”.

O tempo que pasaban na casa consistía en durmir nun colchón de follato, feitos coas follas do millo, cheos de couza. Ou no chan, co maior coidado posible, xa que a madeira non estaba en boas condicións e en calquera momento podería afundir. Os pequenos estarían quentes grazas a roupa do mar que usarían o día seguinte, debido a que non había nin mantas nin lenzos do leito. Comer na mesa ó lado da cociña, miña bisavoa preparaba unha fonte moi grande para todos. Comíase sen coitelo e garfo, coa axuda de pan ou dun anaco de pataca para non queimarse. Todos gozaban da compañía dos outros, mentres, pouco a pouco, separaban as espiñas e a pel dos peixes cociñados. Ó lado da casa, encontrabas o pilón, onde collían auga tanto para beber coma para lavarse.

O tempo pasou e cumpridos os seis ou sete anos, Nito, comezou a acompañar a súa nai ata o peirao, alí compraban, ou máis ben dito deixábanlle o peixe fiado. O pequeno xunto coa súa nai, camiñaba descalzo, cargando cos trinta ou corenta quilos das bandexas de peixe ata Barrantes, para alí poder trocalo por ovos, especies, millo, patacas, ou venderllo a familias con algo de diñeiro que podían pagar o peixe. Despois, volvían o peirao, cargados, e con algúns cartos para pagarlle aos mariñeiros que lle deixaran prestado o peixe.
Dous anos despois, con oito ou nove anos, comezaría a traballar de mañá xunto co seu pai, armador e mariñeiro. O neno, vestido de tela de mahón xa que non había roupa nin as botas de plástico como agora, cos seus pantalóns rotos que pertenceran a xeración do seu pai ou á anterior, empezaría o oficio que desempeñaría durante toda a vida. A vida no mar, esquecéndose dos sábados, dos domingos, dos festivos… Todos serían días de traballo. O pequeno mariñeiro, traballaría no marisqueo a flote e na pesca, a bordo dun barco de vela. Comezou a utilizar un instrumento parecido ao raño, un rastro con copa de rede. Aprendería a escoller, e acostumaríase ao traballo duro.

Tamén, comezaría unhas clases particulares. A súa nai sempre lles dicía “Vós habedes de saber ler e escribir, que para non saber ler e escribir xa estou eu, aínda que teña que pagarvos a escola”. As clases eran nocturnas, e custaban de 25 a 75 céntimos de peseta que eran moitos cartos na época. Pagabas iso todos os días que ías. Nas clases, foi onde Nito aprendeu a ler e escribir, pero cos métodos antigos. Coma dicía a súa mestra, Elvira Fernández “A letra con sangre entra”. Alí, levaría algún que outro golpe no lombo cun longo vimbio ou unha “cana india”. As clases estaban na rúa Borrón. Os sete ou oito nenos, de diferentes idades, que ían de noite, xa que traballaban de mañá, aprenderon sentados nunhas cadeiras apoiando os cadernos (chamados “raias primeiras”) nas pernas, escribindo o que dicía o mestre ou mestra. Ou cantando: España limita al norte con el mar Cantábrico, los montes Pirineos que nos separan de Francia. Al este con el mar Mediterráneo, al sur con el mismo mar, con el estrecho de Gibratar…

Os anos seguiron pasando, traballando, indo a escola, e xogando. Xogos coma a billarda, as bolas, ”roubar froita”, o truque, os trompos… Este último, xogábase de forma que o perdedor tamén perdía o xoguete. Lanzábanse as peonzas e a que primeiro deixara de xirar, romperíase coa punta afiada da buxaina do contrincante.

Quería engadir unha pequena anécdota do protagonista. Con 8 anos, cando fixo a comuñón, súa nai mercáralle uns zapatiños para a ocasión, foi descalzo todo o tempo e con eles na man, unicamente púxoos para tirar a foto. Deixou as clases aos once ou doce anos e seguiu traballando no mar, pero en varios barcos, moi diferentes. Cumpridos os catorce anos, comezaron as guerras entre bandos de Cambados, os xefes das pandillas acordaban horas e lugares nas fronteiras. Chegado o momento recollían canelas dos caneleiros, e comezaban os golpes. No caso de San Tomé e Cambados (Triana), o punto de encontro era onde está a farmacia dos catro camiños.

Tamén, era aspirante a mozo de acción católica, pouco despois, xefe de acción católica. Polo que, tiña un grupo de sete ou oito mozos, que levaba todos os días ante “Cristo Rei” a rezar o rosario. Xa con dezaseis anos, o neno, xa non era tan neno, e comezaría a darse conta dalgunhas cousas, do que podía ou máis ben do que lle deixaban. A ditadura, marcaba e limitaba todo o que podías facer, cada paso que dabas ou cada cousa que dicías ou preguntabas. Non podías ler a prensa. As noticias chegaban mediante un ministrel, este cantaba as noticias o pobo, mortes nos pobos veciños, etc… A literatura estaba prohibida polas súas ideas, e tamén o idioma galego, negando lecturas como as de Rosalía de Castro ou Castelao.

As poucas radios do pobo, estaban en lugares públicos e sempre controladas pola Garda civil. Para que todos escoitaran só os programas favorables ao réxime. Pero tamén, había unha emisora, “A Radio Pirenaica”. Esta emisora era a dos exiliados da Guerra Civil, que fuxiran atravesando os Perineos. Na que falaban da súa posición política, de Franco, dos militares… Vivíase rodeado de tabús. Nito, escoitouna varias veces, pero o medo a ser descuberto recorría o seu corpo. O protagonista conta que non foron poucas as veces que tivo que botar a correr da Garda Civil. A cal era moi temida. Sempre que os saudabas respondíanche “A autoridade non se lle saúda”, e polo contrario se non saudabas, “Veña vostede aquí, por que non saúda vostede a Garda Civil?” ou incluso podías recibir un golpe como aviso. As posibilidades de seguir adiante eran moi complicadas como xa citei antes, a ditadura limitaba absolutamente todo. Case todo era privado, e non podías destacar. Non podías chegar a ser avogado, ou mestres. Case ninguén podía saír da clase menos favorecida.

Con dezaoito anos, o matrimonio que durmía no piso inferior marchou, deixando o cuarto ó meu avó. Xa con moza. Chegaron os cines, ós que ían os domingos. E os bailes, organizados cada dúas semanas, nun garaxe, cos coches ou autobuses. Coa orquestra ó lado, bailaban polo barro coa sorte de que non chovera.

Pouco despois, foi á "mili", a Ferrol. Alí tamén fixo cursos, onde aprendeu mecánica e moitas das cousas que nós actualmente aprendemos nas escolas. Finalmente, de volta a Cambados, coa "mili" rematada e cos vinte catro anos xa cumpridos. Cun permiso do Generalísimo Franco, tivo a posibilidade de marchar a traballar a Alemaña.