CARIDAD NÚÑEZ PUIG
CARIDAD

CARIDAD NÚÑEZ PUIG

por Sabela Padín Baúlo

IES Francisco Asorey - 4º ESO

Miña avoa paterna, Caridad Núñez Puig, filla de Domingo Núñez Calviño e Leonor Puig Miguez, naceu o catorce de Xaneiro de 1935. Como podedes comprobar pola fecha naceu xusto un ano antes de que comezara a guerra Guerra civil española. Meu bisavó foi astuto e fíxose o parvo para non participar na guerra, xa que aínda acababa de ter a súa primeira filla (miña avoa) e non quería deixar a Leonor soa cun bebé.

O que lembra dos seus pais é que eran unhas persoas moi traballadoras. Vivían nunha das casas tradicionais na zona rural de Santiago de Compostela: tiñan os animais no piso de abaixo para que desprenderan calor xa que, nesa zona, os invernos son moi fríos, e o chan ao ser de madeira facilitaba o paso da calor á vivenda. Eles durmían no andar de arriba, nun único cuarto para toda a familia. Na casa viviron en total dez persoas, pero non ao mesmo tempo, é dicir, viviron os pais e oito irmáns, pero non todos viviron no mesmo periodo xa que cando naceran algúns, outros xa morreran. Estes son todos os irmáns: Caridad (miña avoa), Manuel (meu tío avó que vive na Arxentina), Xosé (outro tío avó, pero este segue vivindo en Santiago), Antonia (segue viva pero non tratamos con ela, xa que ela e a miña avoa non se levan), Florinda (miña tía avoa que vive nas illas canarias), Maruja (morreu cando era nena de difteria), Juanito (morreu cando era neno de difteria igual que Maruxa), e Juanito (morreu aos meses de nacer de enfermidade, puxeronlle ese nome por o outro Juanito, recentemente morto). A difteria é unha doenza infecciosa aguda provocada por un patóxeno que afecta ó nariz, á gorxa e á larinxe e produce febre e causa moita dificultade ao respirar. Morrer de enfermidade era o que se dicía antes cando non se sabía a causa da morte.

Tiñan vacas, bois, besta, unha porca parideira, porcos para mataren, galiñas, coellos... basicamente todos o animais tradicionais do agro en Galicia. O mais parecido a un electrodoméstico que tiñan era o salgadoiro, que era onde se mantiña antigamente a carne sen que podrecerá pronto. Non había cociña, cociñábase nunha lareira, que era unha fogueira na que poñías un tres pés donde poñías enriba a pota.

De pequena os xogos que mais lembra son: A raiola e a petanca. A súa mellor amiga da infancia chamábase Gumersinda e aínda segue tendo trato con ela xa que o ano pasado foille dar unha visita a súa actual casa de Pontevedra. Miña avoa lembra unha historia que lle aconteceu cando tiña mais ou menos 12 anos. Resulta que ela fora a levar as vacas a pacer como adoitaba facer cada día e un home (que era un criado dunha casa da aldea) que tiña unha leira preto da miña avoa (un home que era moi metido coas mulleres) foi dicindo que a miña avoa se deitara con el cando nin sequera lle tiña falado na vida. Acordase moito desta historia daquel bocapodre porque resulta que estivo nas faladurías de toda a aldea durante algún tempo.
Tamén lembra cantar e tocar a pandeireta coas súas irmás cando ían de comida familiar. Só lembra un anaco dunha canción:
“Este pandeiro que toco
non é meu que é de María,
que llo pedín prestado
na Romaría”

Foi á escola moi pouco, en días soltos. Chamábase Ponte Vilar. Lembra que o que mais facían era un silabario. Tamén recorda haber lido un libro. Era escola mixta, na que tiñan unha única aula para todo o alumnado. Había dende rapazada de seis anos ata catorce anos pero tanto os pequenos como os maiores estaban aprendendo o mesmo. Eran sobre uns trinta en total. Había días que non ían porque quedaba moi lonxe da casa e inda por riba non tiñan quen os achegase e tiñan que ir andando todos os días, por iso os días de moito temporal, frío ou neve, xa non podían ir. Tamén adoitaba faltar por ir levar as vacas pacer, ir apañar o millo ou as patacas. Miña avoa entrou aos once anos e deixouno con catorce. Só saía de festa cando había as funcións nas parroquias (co de funcións refírese a cando ía unha orquestra tocar á parroquia celebrando algún santo, unha festa, ou cousas dese estilo). Adoitaban comezar pola tarde. A moda nas mulleres eran as saias polo xeonllo, xa que se algunha muller poñía algún pantalón estaría en boca de todo o mundo.

Caridad emigrou a Venezuela, a Caracas, aos vintecinco anos porque en Santiago queríana casar cun home que non lle gustaba nada e, para fuxir dese casamento, marchou para alá, para unha zona onde antes xa emigraran moitas galegas e galegos. Alí traballou limpando casas. No seu primeiro traballo, como era para experimentar pagábanlle uns 300 bolívares (a moeda venezolana). Alí foi onde foi ó cine unha única vez (só foi unha vez en toda a súa vida), viu a primeira película de Julio Iglesias. O cine chamábase Hollywood. Cando se mudou alí tamén había unha ditadura (golpe de estado de Pérez Jiménez, 1958). “pero era unha boa ditadura” dixo ela “mellor que a de agora”. “Viñan os gardas e dicían: Señorita, ¿tiene miedo?, ¿quiere que la acompañemos? Era unha ditadura boa”. Cando vivía alí foi cando viu a televisión por primeira vez, xa que en todas as casas nas que traballou, o cuarto que lle daban para vivir tiña televisión. Na súa parroquia ningunha casa tiña televisión, as que tiñan algúns cartos pode que tiveran unha radio.

Dous anos despois de estar alí quedou embarazada dun veciño da aldea de Santiago que atopou alí. Despois de quedar preñada o home non quixo saber nada mais dela. Cando se decatou de que estaba embarazada chorou moito, pensou que lle caía o mundo enriba, sentía que aínda non estaba preparada para ser nai. Sentíase soa estando alí. Axudárona moito uns curmáns que tiña alí e un matrimonio portugués que a levaron a un sitio chamado Junquito (un sitio de galegos) durante un tempo e fixéronlle a situación mais levadeira. Volveu embarazada a Galicia, onde tivo a unha rapaza chamada Marinieves (aínda que adoitaban chamala Nieves). Tivo ese nome porque foi bautizada por unha tía avoa que se chamaba igual. Non sabía como puido vir esa meniña ao mundo ben de saúde xa que ela pesaba moi pouco antes de estar embarazada (40 quilos) e pesar iso con 27 anos non é nada saudable. Estivo aquí oito meses criándoa e cando pretendeu volver a Venezuela, coa súa filla, seus pais non lle deixaron (antigamente os maiores da familia mandaban moito) e ela tivo que volver sen a súa filla de oito meses para Venezuela a seguir traballando de limpadora de casas. Ela non quería marchar pero xa rematara os cartos aforrados e dáballe vergoña pedirlle aos seus pais. Nieves foi criada polos seus avós maternos e a súa tía Antonia principalmente. Durante todos os anos que estivo alá mandoulle cartos a Nieves pero a nai e a tía collían os cartos e non lle dicían que eran da súa nai para ela. Cando viaxaba de España a Venezuela, moitas veces ía en avión, pero tamén foi tres veces en barco cruzando o océano Atlántico. Eran viaxes longos de quince días do que só lembra atoparse mal e estar sempre mareada. Pode que custe mais o billete de avión, pero son só nove horas de viaxe.

Ao volver coñeceu ao meu avó Manolo, que era de Sisán (era galego tamén). Víronse por primeira vez nunha Praza á que ían moitos galegos de festa cando tiña 28 anos. Foron presentados por unha amiga que tiñan en común que era de Cambados. Logo el tivo que ir ao interior a traballar durante seis meses e cando volveu, volvéronse ver nesa praza e comezaron a ser mozos. Despois diso miña avoa e meu avó pasaron a vivir nun piso de pensión xuntos. Estiveron vivindo así dez anos de noivos ata que co nacemento (que este si que foi desexado) do meu pai decidiron empezar a vivir nunha casa. Ao meu pai chamáronlle José Manuel, nome elixido polo meu avó). Despois do nacemento do meu pai casaron cunha voda un pouco improvisada á que só asistiron os padriños do meu pai e o seu fillo, que non tiñan onde deixalo. Nin sequera asistiu meu pai, tiña meses e o deixaron cunha amiga da miña avoa. Despois de cinco anos volveron a Galicia e construíron unha casa en Sisán. Regresaron a Venezuela e estiveron vivindo alí tres anos máis. Cando meu pai tiña oito anos decidiron volver meu pai e miña avoa xa que alí meu pai non estaba ben de saúde, devolvía moito e estaba demasiado delgado, xa que era mal comedor. Meu avó por cuestións de traballo tivo que quedar alí vivindo durante oito anos mais, volvendo unha semana de cada verán. Unha das veces que se foi aos quince días operaran a miña avoa e, aínda que tivo que facer un esforzo moi grande volveu para coidar dela.

Cando estaban vivido alí viviron un terremoto, pero por sorte non se atopaban na zoa onde mais afectou. Onde caeran os edificios fora nun lugar preto onde vivían os ricos. Non lembra en que ano foi. “Se o teu avó seguira aquí... el saberíao, pero eu non che sei miña filla” díxome. Eu e a miña irmá estivemos facendo cálculos e chegamos á conclusión de que sería hai uns 50 anos, cunha marxe de erro de cinco anos.

O recordo mais feliz que ten foi ter ao meu pai, e o mais triste deixar a Nieves aquí e marchar. Chorou moito. Estivo 3 meses alá durmindo co berce ó lado da cama para sentir que estaba durmindo coa súa nena ó lado. Bota de menos, aparte do meu avó (ó que bota moito de menos), aos seus pais e os seus irmáns (que xa están mortos), ao seu irmán Manuel que vive en Arxentina e a súa irmá Florinda que vive en Canarias. A Manuel hai moitos anos que non o ve e a Florinda foi a visitala hai uns anos a Canarias. De vez en cando Xosé (o de Santiago) vén á nosa casa e fan unha vídeo chamada por Skype con Manuel.

Aquí nunca estivo oficialmente contratada en ningún traballo. Ela principalmente traballaba as leiras, vendimaba, etc.

Recorda algunha travesura do meu pai. Lembra que nunha comida familiar e meu pai, un curmán e outra curmá estaban facendo o xantar e o mecheiro non daba chama, non acendía. Entón o curmán do meu pai dixo: “eu teño unha lata de gasolina, e xa verás como si se fai a comida”, botaron a gasolina arredor dunhas pallas e case arde o alprende onde se atopaban. Non chegou a ser nada porque a xente veu rápido a apagalo, pero levaron todos un susto.

O meu avó Manolo morreu con 75 anos por causa dunha operación do corazón da que non puido recuperarse. Morreu hai catro anos e dende entón a miña avoa está de loito pero, pouco a pouco a familia, estamos intentándoa axudar a que volva a vestir de color.