CARMEN CRESPO GONZÁLEZ
CARMOTA

CARMEN CRESPO GONZÁLEZ

por Carmen Crespo González

IES Ramón Cabanillas - 4º ESO

Carmen González Martínez é a miña avoa, a nai da miña nai; ten oitenta anos e naceu en Cambados o día 5 de febreiro de 1937, o lugar no que viviu toda a vida.

A súa infancia foi moi feliz, sen ter en conta que a situacion económica da súa familia era moi mala, xa que non tiñan cartos para comer. Neses anos de pobreza pasou os peores momentos da súa vida.

Miña avoa tiña catro irmáns, dúas mulleres e dous homes, dos que só permanece vivo un. Vivían nunha pequena casa na rúa Carballeira formada por dous cuartos e unha cociña, habitada por seis persoas: a miña avoa, os seus irmáns e os pais, que eran moi traballadores. Nela non dispoñían nin de luz nin de auga; esta última collíana nunha fonte próxima en caldeiros ou bañeiróns. O seu pai, chamado Severino, traballaba de mariñeiro e a nai vendía o peixe que Severino recollía.

Cando ela era unha rapaciña, ía pasar o tempo libre cos seus amigos con xogos tradicionais coma o truquel, a corda de saltar ou o vai. Como lembranza recorda que mentres xogaban, os rapaces comezaron a chamala Carmota, alcume que lle quedou ata hoxe.

A primeira escola á que foi era unha para rapazas pequenas; a súa profesora era coñecida coma a Caghapendóns e era moi mala.

A miña avoa tivo un conflito nesa escola, xa que un día a profesora lle pegou na cabeza e comezou a sangrar; entón a miña bisavoa tivo que ir falar coa mestra para pedirlle explicacións.

Despois estivo estudando nunha escola que estaba xunto á capela do Hospital. Ela non recorda ás compañeiras, xa que cada día ía xente distinta. A súa profesora chamábase señorita Gelines Magariños. Non daban ningunha materia, tan só tiñan unha pizarra e pizarrín, un lápis e un libro no que daban o máis básico, para saber escribir, sumar, restar, multiplicar e dividir.
Tanto ela coma os mestres falaban galego e non tivo ningún problema nin nunca lle prohibiron falalo, máis ben, a maioría da raparigada daquela época apenas sabía falar o castelán.

Contoume que na escola non tiñan notas nin exames, unicamente ías alí para aprender. Había xente que sabía máis cousas ca outras, polo que se dicía que eran máis intelixentes e cultas.

Con tan só nove anos a miña avoa comezou a traballar de mariscadora e atando redes para os mariñeiros porque tiña que achegar cartos á casa. Tamén traballou unha época nunha fábrica de conmserva, a de José Peña. As súas compañeiras de traballo eran Chelo a Castreleira, Carmucha a Chinchina, Muja a Fanada e Pichuca, que tamén foron as súas grandes amigas.

A miña avoa pouco tempo libre tiña, xa que sempre tiña que facer traballos na casa coma lavar a roupa no río, acarrexando a auga da fonte, lavar a louza, limpar, coller unha morea de leña do monte e levala para a casa na súa cabeza etc. Aínda así, cando podía, dáballe ao baile, que lle gustaba moito, e se lle daban algunha peseta, o domingo ía ao cine.

O cine estaba en Cambados e agora xa non existe; chamábase Cine Cervantes, pero era coñecido coma cine do Cobertoreiro. Tamén había outro chamado Cine de Juventud, no que valía dous reás a entrada (equivalente a media peseta). Ela foi ver bastantes películas coas súas amigas. A maioría dos filmes eran de vaqueiros ou de mexicanos.

Sobre os trece ou catorce anos, a miña avoa e as súas amigas comezaron a ir ao Baile do Seguro, que empezaba ás cinco e acababa ás oito da tarde cada domingo de verán. A súa música preferida é o vals e tamén lle gusta bailalo. Nesta época coñeceu ao meu avó, e tempo máis tarde namorou del.

Tamén lle gustaba moito cantar e ata fai dous anos, cantaba nunha coral de Cambados. O seu cantante preferido é Antonio Machín.

Casou co meu avó Ramiro aos vinte anos e foi o momento máis feliz da súa vida. Hoxe seguen sendo moi felices. O día da voda, a miña avoa levaba un vestido negro moi bonito, e para celebrar o casamento tomaron un chocolate con leite acompañados dos seus familiares, xa que non tiñan cartos para facer máis festa. Non foron de lúa de mel.

Aforrando e con moito exforzo e traballo fixeron unha casa que primeiro foi de planta baixa e despois ampliáronna facendo dúas plantas, é a casa na que viven actualmente.

Tivo catro fillos, dous deles xemelgos; as miñas tías naceron na casa, mentres que a miña nai e o meu tío, que son os xemelgos, naceron xa no hospital.

Mentres estaba embarazada dos xemelgos, a miña avoa ía igual traballar ao mar e encargábase das tarefas da casa; non paraba nin un minuto. Naquela época, o meu avó estaba traballando nun barco alemán que navegaba por todo o mundo. Pouco despois volveu para casa definitivamente para traballar de mariñeiro. O meu avo xubilou moi novo debido a que tivo un accidente e ela foi a que seguiu traballando para manter a familia, pois a pensión do meu avó era moi baixa.

Os meus avós coñeceron a don Ramón Cabanillas. Dixéronme que sempre paseaba polas rúas do centro de Cambados e que estaba moito tempo sentado tal e coma o monumento que hai del nun banco da Praza do Concello.

Nas primeiras festas do Albariño de Cambados, a miña avoa serviulle viño a Ramón Cabanillas, Álvaro Cunqueiro, Xosé María Castroviejo, Fraga Iribarne… e moitas máis persoas coñecidas nunha comida que tiveran de inaguración da festa, na casa da nai de Ramón Cabanillas.

Para concluír teño que salientar que ao finalizar esta “aventura” coa miña avoa, comentoume que lle gustaría ser lembrada coma unha persoa normal, mais vai ser imposible, xa que todas as persoas que a coñecemos sabemos que será rememorada como unha persoa moi querida, que sempre se preocupou polos demais máis ca por ela mesma e que sempre está atenta a todo; é moi cariñosa; unha muller moi traballadora e loitadora.

Na actualidade vive co meu avó e cando a casa se lle enche de fillos e netos, é a muller máis feliz do mundo. Encántame ir xunto dela.

Para min será lembrada coma unha das persoas que máis quixen e quererei na vida, é o meu exemplo a seguir.