CARMEN GONZÁLEZ OUBIÑA
GONZÁLEZ OUBIÑA

CARMEN GONZÁLEZ OUBIÑA

por Pablo Reboeiras Falcón

IES Ramón Cabanillas - 4º ESO

A entrevistada é miña avoa, Carmen González Oubiña. Naceu en 1938, o 1 de outubro, en Deiro, Tremoedo, onde viviu toda a vida. Os seus pais eran Rosa e José, eran labregos, e tivo tres irmáns. Casou con Manuel Falcón Tourís, fillo dun carpinteiro e dunha modista, e tiveron dúas fillas chamadas Carmela e Nieves.

Naceu nunha vivenda pequeniña e pobre, primeiro traballaban as terras, pero máis tarde abrirían unha taberna na súa casa. Recorda que a súa nai, cando ía ás feiras de Santiago, traía alimentos agochados na súa roupa porque tiña catro fillos que alimentar. Eran coñecidos como “os taberneiros”, pois o seu pai tiña unha taberna. Este alcume vén de fai dúas xeracións atrás. A situación económica na que vivían era de pobreza, aínda así, o que caracterizaba a súa familia era a honradez.

Ela sempre viviu en Tremoedo, debido a que a súa casa estaba afastada da zona rural, case non tiñan veciños. A maior parte do seu tempo empregábao na leira, como xa contei, pero sempre había tempo para xogar cos seus amigos á billarda. Era o único que lles alegraba a tarde.

Naquela época case non había tempo para ir á escola. Esta era unitaria e estaban separadas as mulleres dos homes. Conta que o único que lle ensinaban era a sumar e restar e pouco máis. Aprendeu a escribir en dúas semanas, cando ía polas noites a un colexio distinto. No colexio, os alumnos sempre falaban galego, pero os mestres, castelán. Non tiñan notas; tampouco chegou a acabar na escola, xa que foi traballar moi pronto para o campo.

É o tempo que máis recorda. Aos 9 anos recén cumpridos deixou a escola e dedicouse plenamente a traballar no campo e botando as vacas a pacer. Cando xa era unha mociña empezou a traballar na taberna dos pais, que abriron despois de casar. Alí estivo, alternando tamén cos labores da terra. O que máis lle gustaba a ela era bailar. En cada voda, festa ou mesmo nun momento puntual, dábao todo bailando. Á miña avoa non lle gustaba ir ao cine, pero das poucas veces que foi, recorda que sentaban en cadeiras de madeira e vían a película nunha pantalla pequena. Tampouco había teatro e aínda así non lle gustaba, o único que había dese estilo era uns pequenos espectáculos que habían na aldea con cabras, titiriteiros e pouco máis.

A música gustáballe, e realmente é polo que máis amosa ilusión xunto, como xa dixemos, con bailar. O seu paso favorito era o pasodobre e o seu cantante, Manolo Escobar.
A ela gustaríalle que a recordasen como unha persoa amable, cariñosa, traballadora e loitadora ante a súa familia.