CARMEN MUÑÍZ PADÍN
A TORNILLEIRA

CARMEN MUÑÍZ PADÍN

por Aida Otero Álvarez

IES Francisco Asorey - 3º ESO

Miña avoa naceu en Castrelo 14 de xuño de 1946, nun fogar no que se vivía do campo. Ela considérase unha persoa afortunada xa que nunca pasou fame e nunca tivo graves problemas financeiros. Non tiveron a mesma sorte outros moitos rapaces do seu tempo. Súa nai era a única solteira entre os seus irmáns e sempre quedou na casa familiar cos seus pais. Miña avoa tamén quedou nesa casa xa que sempre viviu coa súa nai que faleceu hai uns anos. Na casa criáronse miña nai, miña tía, miña avoa, seus irmáns e miña bisavoa.

Cando meu avó se mudou a esa casa, decidiron restaurala e levantarlle un andar. Para iso tiñan que recadar cartos. Por iso meu avó foi a Francia a traballar coa intención de volver, logo tamén foi a Alemaña (onde botou mais tempo).

Mentres tanto, miña avoa compraba de comer cos cartos que gañaba cada día mariscando. Así viviron tres anos miña avoa, miña tía, miña bisavoa e miña nai. Ata que meu avó non chegou, non se comezou a reformar a casa. Volveu cando xa recadara os cartos dabondo. El foi o que fixo a reforma da casa, cunha pouca axuda.

Cando volveu a Castrelo, trouxo unha televisión en color de Alemaña, onde xa se fabricaban. Volveu en autobús coa televisión en brazos, xa que non lle permitían levala no maleteiro do autobús xunto coa súa maleta, porque viaxaban durante moitas horas. Naquel momento, eran os únicos que tiñan unha televisión en color. No resto das casas, as televisións eran en branco e negro, mais había xente que nin sequera tiña televisión. Tras a reforma, quedou a cociña vella abaixo, actualmente aínda se utiliza, e fixeron outra nova no andar superior, no de arriba. Ademais, no de abaixo quedou un baño, onde está a lavadora e os dous conxeladores, unha sala que agora se usa de cuarto de coser, onde cosen miña tía e mina nai, que son costureiras nunha fábrica téxtil. Tamén está a adega, onde teñen o viño tinto da vendima. Na de arriba hai catro cuartos, onde durmían meus avós, miña tía, miña nai e miña bisavoa, un deles era o de invitados; polo tanto, miña nai e miña tía durmían xuntas. Agora, un deles ten dúas camas e chámaselle o “das camas xemelgas”. Nunha dormen meus avós e, nas dúas restantes, non durme ninguén. Hai un salón que se volveu reformar hai uns anos e un baño tamén reformado, ademais da cociña, mencionada anteriormente. Despois tamén esta o ático. Aínda que nesa casa só viven eles, non soen estar sós porque imos comer nós case sempre pola semana, despois de clase, os seus netos, é dicir, meu irmán, meus dous primos e mais eu. Tamén as súas fillas. Eu e mais meu irmán soemos quedar na casa un par de horas despois de xantar.

Volvendo atrás, á súa infancia, miña avoa comezou con oito anos na escola e deixouna aos trece. Ela foi á escola en Castrelo, na Bouza, que era só de mulleres. Segundo ela mesma di, era moi boa estudante. Gustáballe moito ir a clase, onde aprendía pronto. A súa mestra era María Luísa González Raposo. Na súa clase eran mais ou menos trinta rapazas. Na parte de diante había unha fileira de seis mesas, onde ela sentaba de primeira. Había mais mesas pero agrupadas de dúas en dúas. Algunhas das súas compañeiras eran Dolores Álvarez Meis, Pilar Argibay Pena, Carmen Muñíz Alfonso, Rosa Padín Rodríguez e moitas outras mais. Na escola non había comedor. Para almorzar dábanlles na aula leite en po que tiñan que preparar elas. Comían na casa e logo volvían a clase. Para merendar había que levar unha barra de pan para facer un bocadillo co queixo e a manteiga que lles daban. A nai da miña avoa sempre quixo que seus fillos fosen á escola o máximo tempo posible, xa que moitos rapaces e rapazas facían só tres ou catro anos e logo xa se poñían a traballar e ela non quería iso para os seus fillos, por iso pagáballe á miña avoa as clases da señorita Amelia que eran polo verán.

Desde os nove anos comezou a traballar de mariscadora. Cando deixou a escola con trece anos, comezou a traballar no campo coa súa nai, cousa que nunca lle gustou demasiado pero tiña que facelo. A súa irmá Palmira era modista e o seu irmán Vítor empezou como albanel. Ela é mariscadora de toda a vida, botou ata a xubilación.

Miña avoa e mais meu avó, Xosé Álvarez Cacabelos, Pepe da Fonte, eran veciños da parroquia e xa se coñecían dende pequenos. Botaron dous anos de noivos antes de casaren. Casaron catro ou cinco meses despois de que meu avó llo pedise. Cando casaron miña avoa tiña 21 anos e meu avó 25. A voda foi o día 6 de xaneiro do 1968, polo que andan nestas datas celebrando as vodas de ouro. A festa do casamento foi na casa o día da voda e mais o día posterior. Acudiron cento trinta convidados. O menú estaba composto por: sopa, caldo, ensalada, carneiro e tenreira, que criaran e mataran especialmente para o casamento, de sobremesa tiñan torta e biscoito. Foi unha celebración humilde xa que non foron a ningún sitio como un restaurante, senón que foi na casa e a comida foi preparada por eles. Ademais non tiveron lúa de mel. Ese mesmo ano naceu a súa primeira filla (na voda xa estaba embarazada), Ana (miña tía), o 22 de maio e catro anos mais tarde naceu miña nai, Mari Carmen, o 10 de agosto de 1972.

A primeira vez que os meus avós tiveron luz na casa foi no ano 1960. Compraron unha cociña de gas, por primeira vez, cando naceu Ana para poder quentarlle o leite, por exemplo. Meus avós sempre tiveron vacas, tamén cando xa miña nai e miña tía naceran. Elas tamén lles axudaron con elas cando medraron. Antes de que elas naceran, obtiñan o leite das vacas e tiñan que levala andando dende a casa ata a leitaria, que estaba bastante lonxe. Mais tarde, xa facía o camión indo recollelo polas casas para comprar o leite. Tamén tiñan porcos, galiñas e cans. Hai uns poucos anos aínda tiñan porcos, pero agora xa non. Na actualidade aínda teñen galiñas, das que obteñen ovos e ás que matan para comer; contan cunha pequena horta con amorodos, patacas e leitugas. Tamén teñen unha pereira e unha laranxeira. Ademais tamén teñen viñas de uva na eira da casa e noutras terras que vendimamos tódolos anos.
Contoume cousas moi interesantes da súa infancia como os xogos aos que enredaban. No patio da escola xogaban a moitas cousas:

O XOGO DO DESCANSO: había debuxado no chan unha especie de circuíto dividido en cadros e, saltando á pata coxa había que mover co pé un cacho de tella e pasala dun cadro a outro sen saír do circuíto e sen pasar dous cadros á vez ata chegar o final, chamado descanso. A este xogo adoitaban xogar as rapazas, os rapaces apenas o xogaban.

A CHINA: este xogo consiste en que tes tres pedras nunha man e tes que tirar unha e antes de que volva á túa man, tes que tirar outra, e así seguidamente, evitando que che caian ao chan. Era un xogo moi difícil.

A PENLA: amárrase unha corda polos dous lados e faise coma se fose un columbio. Os rapaces e rapazas desa época divertíanse moito xogando a este xogo, xa que podían estar moitos á vez.

A CORDA: é a actual comba e trátase de saltar unha corda. Hai distintas variedades, como por exemplo unha que consiste en que dúas persoas collen unha corda longa, cada unha por un extremo e fan que dea voltas, de maneira que cando entras, saltas e despois a corda pasa por riba de ti antes de volver a chegar o chan. Nesta variedade, pódense poñer moitas persoas a saltar. Tamén se pode facer un só collendo unha corda mais curta e amarrando coas dúas mans os dous extremos. Ademais tamén se poden engadir complicacións segundo se vaia aprendendo.

AS AGOCHADAS: unha persoa ponse a contar ata cincuenta e os demais téñense que agochar. Cando o que conta remata de contar, ponse a buscalos. Se encontra a un ten que correr ata o punto onde contou e berrar “por Adela!” (por exemplo, usando o nome da persoa que atopaches). Para librarse hai que chegar antes ca o que busca e berrar: “por min!”.

O PILLA-PILLA: trátase de que un ou unha pilla e se lle toca a outra, tócalle a esa persoa e pillar. Sóese xogar con moitas persoas e ás veces mais dun é o que pilla.

A POLA: comezan dándoche nas costas e saes correndo para evitar que te pillen. Se a persoa que ten que pillar o consegue, faino volvendo a darche nas costas.

ALERTA: é parecido a xogar as agochadas, pero con moito máis recorrido.

O SOCORRO: é como xogar a roda-roda, ten unha canción propia:
“Oh socorro, caballero,
Oh socorro, escuchar.
Una niña que nació en Sevilla,
que canta y que baila con mucho primor,
zapatitos, como son bonitos,
niña recelada, los cogeré yo.
Arroz con leche, me quiero casar
con la señorita de este lugar,
que sepa coser, que sepa bordar
y que sepa tirar las arenas al mar.”
As cancións que cantaban eran case todas en castelán xa que naquel momento estaba prohibido falar en galego pola ditadura de Franco. E falando da ditadura de Franco, mirade que cancións tiñan que cantar daquela antes de entrar na Escola:
"Viva España, alzar los brazos,
hijos del pueblo español,
que vuelva a resurgir.
Gloria a la patria
que supo seguir
sobre el azul del mar
y caminar del Sol.”
Pero había outras das que aínda se acorda…
“Tres hojitas verdes
tiene el árbol ¡jeh!
Tiene el árbol ¡jeh!
Tiene el árbol ¡jeh!
Tres hojitas madre
tiene el árbol ¡jeh!
Tiene el árbol ¡jeh!
Tiene el árbol ¡jeh!
Dos en la rama
y tres en el pie
¡jole! ¡jole! ¡jole!”
“Malucha esta mi muñeca,
“que anteayer se resfrió
porque jugando sudó
y después bebió agua fresca.
Toda la noche delira,
se le ha subido el calor
que siente cuando respira.
Mi hermana María Luisa
de doctora se ha vestido
y a visitarla ha venido
corriendo a toda prisa.
Después de larga visita
y de auscultarle la espalda,
ha exclamado:
¡Dios me valga!,
mal esta la muñequita.
La muñeca estaba inquieta,
llorando llora que llora
y al terminar, la doctora
me ha dejado esta receta:
cada hora seis bombones,
para bebe: naranjada,
al mediodía: turrones
y mañana está curada.”
E tamén lembra esta outra que se refire a unha galiña e os seus pitiños
“Pían, corren, buscan,
vienen, van.
Se pelean como locos
por un pedazo de pan.
La señora Clueca
los vigila sin cesar,
los defiende de los gatos
y los saca a pasear”.

Cando foi á escola apenas tiña tempo libre. Só os domingos pola tarde, cando ía o Rosario. Todo o ano estaba ocupado coa escola e o traballo, mais na Semana Santa facía o Vía Crucis. Só podía quedar algún domingo para xogar a Alerta.

Cando súas fillas eran xa maiores e ela andaba arredor dos cincuenta anos, xa tiña un pouco mais de tempo e, como lle gustaba moito pintar, xa desde a escola, pintou algún que outro cadro. Na actualidade, eses cadros están polas paredes da casa. Tamén calcetaba e ganchillaba, tal e como aprendera na escola, xa que alí non só tiñan materias como matemáticas ou castelán, senón que tamén tiñan clases de costura, de pintura... Agora aínda continúa indo a clases de manualidades nunha asociación que fai moitas cousas en Castrelo.

No seu léxico hai palabras que agora úsanse pouco, como curmán que é unha palabra correcta en Galego, existente na actualidade, pero que apenas se usa, antes empregábase moito. Ou buelita que é como se lle chamaba antes a avoa, agora non é utilizada. Ou cullara que usaban para chamarlle á culler.

Aos meus avós gústalles moito viaxar. Mais non sempre puideron facelo, mais ben tardaron moito tempo en facer a súa viaxe primeira. Na actualidade viaxan moito. Por exemplo van a ir a Tenerife de novo, e como poderedes apreciar, xa fixeron moitas viaxes arredor de España e incluso foron a Portugal e a Francia. A única viaxe escolar que fixo miña avoa foi ir con nove anos ao cinema que había naquel momento en Cambados. Tamén fixeron moitas viaxes coas mulleres rurais e co Imserso, a Benidorm, Menorca, Tenerife, Murcia, Valencia, Lisboa, Barcelona, Castellón, Córdoba, Granada, Sevilla… Nas viaxes do Imserso sempre fan amigos xa que meus avós son moi sociables e logo sempre van a visitalos. Normalmente son eles os que van a visitalos a novos amigos, pero algunha vez tamén os traen a comer á súa casa.

Miña avoa apenas saía de festa. Cando comezou a ir as festas de verán tiña catorce anos. Ía coas súas amigas andando ata Dena ou Cambados de festa. Levaban zapatóns postos e uns zapatos bonitos nunha bolsa, para poñelos ao chegaren, xa que os camiños eran de terra. Mais tampouco ía ata moi tarde, saían da casa ás sete ou oito da tarde e as doce da noite tiñan que estar devolta na casa. Podía ir ás festas con catorce anos porque súa irmá Palmira, catro anos maior, acompañábaa. Mais ela non tivo a mesma sorte e nunca puido saír con catorce anos, xa que non tiña a ninguén que a levara. Con dezaseis anos tamén saía no entroido e no nadal. Ían súas amigas e mais ela ao baile das festas.

Antes ter moita roupa non era unha prioridade. Mais ben, era algo secundario. A principal preocupación era ter comida, por iso comprábase comida dabondo durante todo o mes e demais necesidades básicas e, se sobraba algo, mercábase algunha camiseta, algúns zapatos... Segundo me contou, só tiña dúas mudas para ir á escola, polo tanto, todos os días lavábase a roupa no pilón, para poder usala no día seguinte. Ademais a roupa usábase o máximo tempo posible, ata que xa non entrara o corpo nela. Se un pantalón rachaba, cosíase, ou botábaselle un remendo, e seguíase usando.

A miña avoa tamén ía traballar, polo tanto, necesitaba outra roupa. Tiña outras dúas mudas para cando traballaba. Para saír tiña un vestido que cambiaba cada ano. Ese vestido ou traxe estreábase pola Santa Cruz e o resto das escasas veces que saía nese ano, ou nun período de tempo mais grande, poñía a mesma vestimenta.

“Creo que a vida de antes e a vida de agora son completamente distintas porque, por exemplo, antes traballábase moito de maneira manual e agora hai moita maquinaria. Antes a vida era moi disciplinada, tíñaselle moito respecto aos pais e á familia, se os teus pais che mandaban facer algo, tiñas que facelo e sen protestar, e agora hai moita liberdade. Non se pasaba ben xa que sempre se tiñan os cartos xustos para comer e apenas se compraba roupa, aproveitábase todo o máximo posible, cousa que na actualidade apenas acontece. Os rapaces de hoxe en día queren de todo, nunca lles vale co que teñen, se teñen moita roupa, queren mais porque din que xa está pasada de moda e desperdician a comida sen pensar na xente que non ten cartos para comer. As relacións coa familia e os coñecidos eran moito mais estreitas, non como agora que apenas se fala. Antes para quedar cuns amigos, falábase na escola bastantes días antes de quedar, mais agora os rapaces despídense no colexio e despois falan polo móbil para quedaren esa mesma tarde.

Hai moitas cousas na vida actual que me gustan moito e que me gustaría que xa pasasen antes. Como o papel que ocupa a muller na sociedade que, aínda que segue habendo diferenzas entre homes e mulleres, como diferenzas salariais, a muller está mellor valorada na actualidade. Na mina época, o papel mais representativo tíñao o home, calquera cousa familiar era responsabilidade do home, como por exemplo no boletín das notas da escola, na parte baixa poñía: Firma del padre, non como agora que pon: Sinatura do pai, nai ou titor legal. Na mina época a vida era: estudar uns anos, traballar, casar e ter fillos. Agora dáselle mais importancia a estudar e menos a casar, os mozos pasan moitos anos estudando e van á universidade para conseguir un bo traballo. Outro punto é a moda, que se toma moi en serio entre os adolescentes e adultos. Antes cada un vestía como podía pero agora se hai unha moda hai que cumprila. Os adolescentes queren levar as modas estritamente e se hai algo no seu armario que xa está pasado de moda, non o queren poñer. En fin, a vida de antes e a de agora son polos opostos que non se atraen.”

Tamén ten opinión sobre a importancia das novas tecnoloxías: “son un gran avance pero que a xente en xeral úsaas sen responsabilidade. O primeiro que non me parece boa idea e que os rapaces xa teñan teléfono móbil desde os once anos ou antes, xa que non o usan ben. Eu penso que os pais que lles compran os móbiles os seus fillos tan pronto son irresponsables. Os rapaces, na miña opinión, non necesitan para nada ter un teléfono, o móbil só crea problemas. Os mozos distráense dos seus estudos por mor do móbil e das redes sociais. Eu non estou en contra de que poidan ten un teléfono móbil, pero na miña opinión deben ter un horario para poder usalo, ou incluso só poder usalo nas fins de semana.

Antes non había cámaras nin teléfonos móbiles para facer fotografías. Para facer imaxes había un fotógrafo. Ese fotógrafo ía polas vilas e petaba nas casas preguntando se alguén quería facer algunha foto. As instantáneas eran bastante caras pero ese señor fotografo gañaba a vida facendo fotografías. Para facer algunha imaxe, por exemplo para unha data especial como unha voda, unha festa, había que ir á súa casa “para avisarlle”.