CLEMENTINA CHARLÍN PANADERO
CLEMENTINA

CLEMENTINA CHARLÍN PANADERO

por Rodrigo Tesán Oubiña

IES Ramón Cabanillas - 4º ESO

Clementina Charlín Panadero naceu o 14 de setembro do 1935 no barrio cambadés de Triana, nunha pequena vivenda da súa nai. O seu pai, chamado Manolo, tamén era coñecido como O Ghatito, xa que este era o seu alcume. Traballaba de mariñeiro e a súa nai chamábase Oristila e traballaba vendendo peixe polas aldeas. O nome da súa nai é o sobrenome da nosa familia, compartido con Lanseros.

Eran unha familia de 14 persoas, 12 irmáns e os seus pais vivindo todos na mesma casa, polo que a súa situación era bastante pobre e despois da Guerra Civil pasaron ben de fame, para alén de que súa vida estaba centrada no traballo. Tivo unha infancia bastante mala, xa que había moita escaseza e moita fame. Empezou a traballar de moi nova e nunca foi de vacacións. De nenos, ela e os seus irmáns, non saían moito de casa, só ía a ver algunha actuación de comedias que había no Concello, pero case nunca podían acabar de velas, pois tiñan que ir traballar.

Empezou a traballar con oito anos para poder axudar a manter a súa familia, dada a xa referida mala situación. Ela traballaba nunha fábrica, que eles chamaban «a do señor Amador», situada na Avenida de Galicia de Cambados. Nesta fábrica traballábase con peixe e marisco e tamén traballaban nela algunhas das súas irmáns.

Ela nunca estudou, só aprendeu a ler e a escribir cando tiña vintecinco anos, grazas a unha profesora que era veciña dela. Ela sempre falou galego, como toda a xente da súa contorna.

Non puido ter ningunha afección ao non ter tempo para nada que non fora gañar cartos. Gustáballe moito ir ao cinema, o teatro e a música. O cinema non o puido gozar ata os vinte anos, que empezou ir a un cine que había en Cambados, ía coas súas irmás con cadanseu mozo. O teatro gustáballe moito, pero só puido ir ás actuacións de comedia que se facían no Concello. A música gustáballe, pero non lle gustaba cantar, nin bailar. O seu cantante favorito foi Julio Iglesias e a súa canción favorita era “Me olvidé de vivir” case un himno para ela. Non foi a moitos concertos, xa que naquela época prefería gastar o diñeiro noutras cousas máis necesarias. Non lle gustaba ler, xa que lle custaba moito esforzo. Tampouco non lle gustaba a política, xa que non a entendía. Tamén non lle gustaba practicar deporte ao ser moi limitada fisicamente, iso si, gustáballe ver ao seu marido xogar ao fútbol.

Ela coñeceu a Ramón Cabanillas, a súa nai e a súa avoa, ao seren practicamente veciños. Este era unha gran persoa e moi amable e educado.
Para ela as partes máis importantes da súa vida son: cando casou, cando tivo os fillos e todas as veces que chegaba o seu marido de navegar, por diferentes lugares coma Lisboa, Barcelona e polo sur da Península Ibérica. O seu momento mais feliz foi cando casou e o seu momento mais difícil foi cando morreu o seu home.

Ela non lle gustaría ser lembrada como algo, ou por algo, senón que lle gustaría ser lembrada con todo o cariño pola súa familia.