CLEMENTINA PORTAS VÁZQUEZ
Clementina Portas Vázquez

CLEMENTINA PORTAS VÁZQUEZ

por Sofía Duymovich Parada

IES Ramón Cabanillas - 4º ESO

Clementina Portas Vázquez é a miña avoa. Naceu o 7 de marzo do ano 1943, en San Miguel de Deiro, e viviu alí a súa infancia e adolescencia. Ela asegura que o día máis feliz da súa vida, despois do nacemento das súas fillas, foi o día que foi a Bruxelas a visitar a súa filla máis nova cando cursaba o seu último ano da carreira de arquitectura, xa que ao baixar do avión recorda a cara de felicidade que puxo súa filla nada mais vela chegar.

Lembra estar en moitos eventos sociais, mais o que máis lle gustou foi un curso floral en Barcelona, ao que asistiu coa súa filla mediana.

Clementina viviu en San Miguel de Deiro moitos anos xunto aos seus pais e irmáns. A súa vivenda era de pedra, ampla, tiñan una horta moi grande onde criaban vacas, galos, galiñas...

Os seus pais chamábanse Benito e Carmen, tamén coñecidos como “Os Pataquiños”, ese alcume viña dos seus devanceiros, pois como apañaban moitas patacas vendían os excedentes. O seu pai era mariñeiro e a súa nai coidaba dos seus fillos e vendía no mercado moitos froitos e hortalizas que cultivaban na finca.

A súa familia era unha familia numerosa, na súa casa vivían ela, os seus pais e seus cinco irmáns. A pesar de que foran moitos na familia todos afanábanse en traballar e axudar aos seus pais para ter unha mellor situación económica. Vivían en Fragua, os seus veciños eran Esmeralda e Enrique. Ela traballaba para o pazo de Xil.

Clementina recorda a súa infancia como un momento moi feliz, cando tiña tempo libre xogaba á saltar a corda ou ás agochadas cos seus irmáns, pero case todo o seu tempo empregábao axudando á súa nai cos animais e coa recolleita dos froitos, tamén ía a clases de coser debido a que traballaba de nena como costureira.

Nunca chegou a ir de vacacións cos seus pais e familiares. Cando era pequena, só ía ás festas populares do lugar ou de aldeas veciñas e ten un momento que ela recorda como un dos máis bonitos da súa vida, que foi cando asistiu a unha festa en Corvillón cos seus pais, onde seu pai ensinoulle a bailar, foi un momento moi importante para ela, xa que tan só tiña dezaseis anos, un mes máis tarde falece seu pai por unha leucemia.

No tocante aos estudos, non ía a escola pública ao existiren moi poucas. Ía coas amigas a un home moi coñecido na contorna chamado José de Diego, onde lles ensinaba todas as disciplinas dun xeito moi precario e escaso comparado coas escolas de agora, pero moi amplo comparado cos estudos que había antes. Nunca tivo ningún conflito na escola, tanto cos profesores como cos compañeiros. Clementina asegura que era unha rapaza moi tímida e calmada.

Ela falaba galego en todos os ámbitos e aínda que nesa época estaba mellor visto falar en castelán nunca lle prohibiron falar galego. Estudou ata os catorce anos e nese período de tempo sacaba moi boas notas, pero despois tivo que deixar os estudos para axudar a súa nai co resto dos seus fillos, pois eran moitos e Clementina era a maior de todas e súa nai necesitaba mais a súa axuda ao quedar viúva.

En relación co ámbito laboral, de crianza traballaba como costureira na casa pero o seu primeiro traballo formal foi como envasadora de peixe en cristal en Alemaña, á idade de dezaoito anos na empresa Warut Clase, onde traballaba coas súas compañeiras de residencia, as cales tamén eran galegas, é máis, de lugares achegados do Salnés como Vilanova, A Illa de Arousa...

O seu xefe tiña máis fabricas de envasados. Era un home moi traballador e unha persoa moi amable, xa que tratou a esas rapazas de dezaoito anos, que estaban ben lonxe das súas casas, de moi boa maneira. Non tivo ningún problema nunca, era unha muller moi traballadora, seria e responsable, levantábase ás catro da mañá para entrar a traballar ás sete, xa que a empresa estaba a moitos quilómetros da residencia, e saían de traballar ás sete da tarde, dalí xa ían de volta á residencia por cansazo e así poder descansar ben para renderen ao día seguinte.

No capítulo das afeccións destacar que lle encantaba ir á misa e pasear polas rúas. Lembra que a súa primeira película foi no cine da Illa de Arousa chamada: A Violetera (1958). Era unha historia dunha muller que ía vendendo flores pola cidade e cantando cancións populares, cuplés e chotis. Levounas a súa xefa de costura, a ela e ás compañeiras, Clementina di que o cinema naquel momento era para maiores de dezaoito e como aínda eran mozas tiveron que quitar os calcetíns dos pés para pareceren algo mais vellas.

Sempre lle gustou o teatro pero nunca asistiu a ningunha obra ata non ser xa maior por falta de tempo e polo traballo, ao igual que lle pasou coa música.

Iso si, encantáballe tamén ler libros e lembra ler Cantares gallegos de Rosalia de Castro, que foi unha das súas lecturas preferidas. De pequena nunca estivo en ningún equipo deportivo, pero encantáballe correr.

Clementina quere ser recordada como unha persoa traballadora e cariñosa, unha persoa que dedicou súa vida sempre en axudar aos demais, iso é o que de verdade merece.