CONSUELO MOURE ESPERÓN
CONSUELO

CONSUELO MOURE ESPERÓN

por Pablo Portas López

IES Ramón Cabanillas - 1º ESO

Consuelo Moure Esperón naceu en Caleiro, Vilanova de Arousa, o sete de xullo de 1948. Durante a súa infancia, Consuelo viviu nunha pequena casa de Caleiro pero moi ben coidada. Na súa casa vivían seis persoas: os seus pais, tres irmáns e ela. Os seus pais eran Consuelo Esperón, que traballou de modista ata case a súa morte; e o seu pai, Gumersido Moure, que era o dono dun ultramarinos ata o 1969. A súa familia tiña unha economía media, como case todos os seus veciños; eran tempos difíciles para todos, pero Consuelo recórdaos con moito agarimo e ledicia.

Estudou nun colexio de Caleiro, específico para mulleres, no que se permitía falar galego, pero non se daba a materia como tal. Xa aos doce anos comezou a traballar nunha conserveira e cando non estaba na fábrica era mariscadora. Gustáballe ler, e o seu libro favorito foi ‘O Chiquitín’.

Traballou na conserveira dende 1962 ata 1969. Con 18 anos coñeceu ao seu primeiro mozo, Manuel Portas Vázquez (natural de Corvillón, Cambados), que máis tarde se convertería no seu home, e despois no meu avó. Cando tiveron ao seu primeiro fillo, víronse obrigados a buscar traballo no estranxeiro e trasladáronse a Hamburgo, Alemaña, grazas ao seu cuñado, que traballaba alí e lles conseguiu un contrato laboral. Naquel país, máis tarde, nacería o meu pai. Ambos os dous fillos quedaron ao coidado dos seus avós en Vilanova na casa familiar, ata a volta dos seus pais, quince anos máis tarde. Este sería o episodio máis triste da súa vida, ter que renunciar ao coidado dos seus fillos para traballar noutro país.

En Alemaña, miña avoa traballaba nunha conserveira e máis tarde, nunha fábrica de metalúrxica, de moedeiros e máquinas “comecartos”. Durante estes anos aprende a falar alemán e ata foi quen de quitar o carné de conducir nese país, examinándose tanto do exame teórico como do práctico en Hamburgo. Durante os seus anos en Alemaña fai grandes amigos alí, moitos deles emigrantes coma ela; esas amizades aínda as conserva hoxe queréndoas como parte da súa familia.

Á volta de tantos anos de traballo e sacrificio, toda a familia se trasladaría a Cambados, á casa que estiveran a construír cos cartos que gañaban na emigración, no lugar da Veiga, en Corvillón.

Xa asentada en Cambados, Consuelo emprende o que sería o seu negocio ata a súa xubilación; monta un posto ambulante nos mercados, de roupa infantil; a miña avoa vendía a súa mercadoría nos mercados de Cambados, Vilagarcía, Vilanova, Caldas de Reis, Portonovo, O Grove, Pontevedra e Padrón. Con esta actividade, Consuelo encontra a súa vocación, os negocios e a atención ao público onde ela se moveu ‘coma peixe na auga’.

Anos máis tarde ocorre outro capítulo moi triste na vida de Consuelo, a morte da súa irmá Olga, que con 40 anos faleceu vítima de cancro, deixando dous fillos pequenos. Son anos moi duros e tristes nos que ela se fai cargo dos fillos da súa querida irmá.

Durante a súa mocidade, á miña avoa gustáballe ir ao cine; a entrada custaba dúas pesetas, e o cine estaba en Cambados, na avenida de Galicia. Ela recorda a súa última proxección, unha película chamada ‘Al borde del infierno’, que trataba dunhas aventuras de pilotos de aviación. O seu cantante favorito era Manolo Escobar, pero nunca foi a un concerto. Cando era moza, gustáballe o grupo musical ‘Los Brincos’.

Durante a súa infancia e mocidade nunca lle interesou a política, pois non a coñecía, dado que só se falaba de Franco. Ela o que lembra son tempos de moitas necesidades e carencias.

A miña avoa é unha muller moi activa que sempre tivo moitas afeccións e inquedanzas, sempre desexosa de aprender e emprender cousas novas; fixo e fai todo tipo de cursos de cociña, manualidades, labores, informática... Agora, xa xubilada, acode todos os días á piscina municipal onde practica o seu deporte favorito, a natación, así como ximnasia de mantemento. Polas tardes tamén forma parte de grupos e asociacións de palilleiras en Vilanova coas que acode a moitas mostras e exposicións.

Quere que dentro de moitos anos a recorden como unha boa persoa, que non lle fixo mal a ninguén, como boa nai e boa avoa .