DOLORES RIAL CORES
DOLORES

DOLORES RIAL CORES

por Ana Castro Barral

IES Ramón Cabanillas - 4º ESO

Vou falarvos da vida da miña avoa Dolores, unha gran muller, traballadora, coa vida peculiar da súa época, do seu tempo.

Eu pregunteille cales eran as tres palabras que mellor describían a súa vida, pero nin ela mesma sabía responderme esa pregunta. Pensou que a palabra axeitada era cambios, xa que as cousas poden mudar por completo dun día para outro.

Un dos momentos máis bonitos que recorda é o nacemento da súa única neta, e pasouno co seu marido e a familia; e un dos momentos máis difíciles foi criar as súas fillas, xa que as dúas naceron en tempos próximos, con apenas dous anos de diferenza e fíxoo practicamente sen axuda (agás a do seu marido, que traballaba moito).

Tamén lembra a voda da súa filla pequena, “unha preciosa cerimonia en Soutomaior” dicía ela. O que máis lle gustou foi estaren reunidos a familia e mais os amigos e pasalo ben todos xuntos.

Dolores naceu o doce de agosto de 1955 na aldea Sisán, que pertence ao concello de Ribadumia. Viviu alí dende pequena, nunha casa non moi espazosa, pero feliz, cos seus outros tres irmáns e os seus pais, Avelino Rial Abraldes e Avelina Cores Silva, que traballaban no campo.

Non tiñan ningún alcume en concreto; habitualmente referíanse a eles como “os de Avelino” ou “os de Avelina”.

Cando ela era nena, tiña unha vida normal; ía un pouco ao campo, outro pouco á escola e encargábase dos labores da casa. Isto era moi común naquela época, pois apenas se lle daba importancia á escola e era prioritario traballar e axudar na casa, onde sempre había moito que facer.

Adoitaba xogar cos seus amigos, a maioría veciños, preto da casa. Os xogos eran sinxelos, coma ás agochadas, saltar á comba, o “pilla-pilla”... Pero ningún deses brinquedos era como o balón, porque case ninguén o tiña.
Ía á escola ao colexio Julia Becerra Malvar en Barrantes, Ribadumia, e os seus compañeiros da clase eran os que vivían polos arredores. Acórdase moi ben das súas mestras, dona Concha e dona Pilar; non tivo máis de dúas.

Daquela non se estudaba o galego, pero tampouco o prohibían nin impoñían castigos por falalo, como se facía en tempos anteriores. As materias máis importantes eran historia, matemáticas e pouco máis, xa que como dicía a miña avoa: “había un libro e listo”. Cada ano collías un novo para todo o curso.

Non era moi boa estudante, admite ela; as súas notas eras regulares, nin boas nin malas, pero repetiu un curso e deixou de estudar con catorce anos.

Non concluíu os estudos, porque non lle gustaba estudar e pensaba que tampouco lle servía para nada. Daquela, o que non quería estudar deixaba a escola sobre esa idade.

Pero por moito que deixara a escola, non quería dicir que non fixera nada, xa que as horas que non estaba na escola, pasábaas traballando.

Casou moi nova, aos vinte anos, con Feliciano Barral Martínez. Dende esa, trasladouse á casa onde el vivía, en Ribadumia tamén.

Sempre traballou nos labores da casa e no campo; non é que fora un traballo moi recoñecido, pero non era fácil, porque tiña moitas leiras que labrar.

Os únicos pasatempos que tiña eran ir ao ximnasio e ir a camiñar. Encantáballe andar polas beiras do río Umia, sobre todo en primavera, cando xa comeza a facer caloriña e as plantas estaban fermosas; o son da auga relaxábaa moito, e, de vez en cando, podía ver unha familia de parrulos baixando polo río.

Recorda ir ao cine de Vilagarcía, Cambados e Vilalonga; ía de moza, pero máis de casada que de solteira. O que si que non lembra é canto custaba exactamente, sobre unhas 100 pesetas.

Ela non era moi seareira do teatro, nin formou parte en ningunha representación teatral, pero si que ten ido ver algunha representación. Agora vai máis a miúdo, á casa da cultura ou ao auditorio de Ribadumia.

A música tampouco era algo que lle fascinara moito e non lle gustaba cantar porque dicía que non o facía ben. No entanto, gústalle a música clásica e a galega. Juan Pardo era un cantante galego que soia escoitar moito; encantáballe a súa canción “Anduriña” que cantaba na época que fixo dúo con Junior. Juan Pardo deu un concerto en Ribadumia, ao que, por suposto, a miña avoa asistiu entusiasmada.

Intentou ler varios libros, pero non lle gustaba, porque carecía de concentración e distraíase moi rápido.

Cando lle falei de Ramón Cabanillas, cre velo na súa casa, falando co seu pai, mais non estaba segura de se era el ou un curmán cercano, xa que ela era moi pequena.

Por último, pregunteille como lle gustaría ser lembrada, pero ela respondeume cun “pois non che sei dicir.”

O único que me deu foron algúns consellos para as novas xeracións, como que hai que ser boas persoas ante todo; que había que recuperar a unión coa familia, algo moi importante que nunca debe perderse; e que as vidas de antes non teñen nada que ver coas da agora, así que temos que aproveitala, vivir a nosa, a que nos toque a cada persoa.

Este é o resumo da vida da miña avoa; a primeira vista pode parecer simple, aburrida e moi común, pero foi unha vida dura, chea de cambios, emocións e conseguiu ser feliz, que é o que no fondo, todo o mundo intenta conseguir.