ELADIO CANCELO BAÚLO
O DO MONTE

ELADIO CANCELO BAÚLO

por Uxía Gestoso Cancelo

IES Francisco Asorey - 4º ESO

Meu avó naceu o 15 de febreiro do ano 1943; na vila de Barrantes, onde estivo gran parte da súa vida. Chámase Eladio Cancelo Baúlo.
A súa vivenda era pequena e de dous andares. A cociña era ampla e nela destacaba unha lareira de pedra, que empregaban para cociñar e quecer no inverno. Os cuartos eran pequenos e cun mobiliario sinxelo, xa que daquela os mobles eran caros. Os colchóns facíanse coas follas superficiais do millo ou incluso con area, polo que eran moi duros. Para os rapaces e os maiores, enchíanse da lá das ovellas. Tampouco había inodoro dentro da casa. En vez diso utilizábase unha vacenilla, que se colocaba debaixo da cama. E no exterior da casa, construíase unha latrina.

O seu pai era Elisardo Cancelo García e dedicábase á agricultura. A súa nai chamábase Ilda Baulo Abal e era cociñeira no colexio. O alcume da familia era O do monte e proviña de seu pai, xa que a súa casa estaba rodeada de árbores. Tiña dous irmáns, Jaime e María Teresa. Jaime era o irmán mediano e o que máis se parecía a seu pai. Teresa, sen embargo, parecíase máis á nai e naceu moito despois, cando meu avó tiña 18 anos. Na casa familiar eran oito persoas, contando a seus avós. Naquela época, gran parte da poboación labrega era pobre, e por consecuente, a familia de meu avó tamén. Nunhas familias a escaseza era maior que en outras, pero en conxunto ninguén se podía permitir grandes luxos.

Chegou a escoitar que unha muller tivera que vender un tenreiro para poder mercar un saco de cereal, necesario para o pan. Os máis pobres, que carecían de terras, cultivaban as dos iglesiario, pero a cambio debían entregar unha parte da súa colleita. Esta entrega adoitábase facer algún día da Semana Santa.

A alimentación estaba ligada ás estacións e aos cultivos. Só en ocasións especiais comíase carne de tenreira ou peixe. En época de frío, facían caldo, que duraba para moitos días. E no resto do ano cociñaban legumes e moitas verduras. Daquela aproveitaban todos os seus recursos para vivir un pouco mellor. A vaca proporcionaba alimento, e o sobrante vendíase a unha cooperativa, que ía polas casas cunha cisterna. O mesmo pasaba coa horta, xa que ademais de cultivar para eles e para o gando, algunhas persoas vendían na praza o excedente para sacar unhas pesetas máis. Isto estaba fomentado pola agricultura minifundista, de maneira que cada familia destinaba as mellores terras a un determinado do cultivo.

Co tempo moitos das especies que daquela eran case imprescindibles, fóronse deixando de plantar. Un exemplo disto eran os terreos dedicados ao trigo, ao centeno, e incluso ao liño. Chama especialmente a atención o caso do trevo, que agora é considerado unha mala herba, pero que antano plantábase para dar de comer ás vacas. Cando xa estaba seco, segábase e levábase para á casa, onde se reunía toda a familia para levar a cabo o ripado . Durante este proceso retirábanse os grans do corpo da planta.

Os aparellos de labranza tampouco estaban moi evolucionados. O sistema que se empregaba era moi sinxelo. Tratábase simplemente de dúas vacas ou bois , suxeitadas por un xugo de madeira e coiro, ao que se axustaban diversos dispositivos segundo a tarefa que se quixese realizar. Había moita variedade segundo o lugar, polo que o seu nome tamén variaba. Algúns deles eran a sembradora, a cavadora, o canizo, o arado, a escarpadeira, a grade...

O canizo era un peza rectangular feita con bimbias trenzadas que se utilizaba para alisar a terra. A escarpadeira era un aparello de ferro, con arcos rematados en punta, que araban a terra. A grade era un artiluxio rectangular de madeira con puntas de ferro, que desfacían os terróns de terra. O primeiro paso para a preparación da terra era o abonado. O esterco podíase obter dos animais, xa fosen vacas ou galiñas, ou incluso das algas que devolvía o mar . Logo labrábase e pasábase a grade. E por último, o canizo. Desta maneira a terra quedaba lista para sementar. O pan tamén se facía na casa. Antigamente, aínda que nunha etapa anterior á do meu avó, o muíño da parroquia era repartido entre os veciños, de maneira que a cada un asignábaselle un determinado período de tempo para que puidera moer. Sen embargo, isto foi mudando e o muíño asignouse a unha persoa soa, que repartía a fariña entre os veciños que a precisaban. Logo de ter a materia prima lista, amasábase na artesa, un moble de madeira, con catro patas e unha tapa. Nela tamén se gardaban outros alimentos, para mantelos a salvo dos animais.

A roupa era algo que, como a maioría de cousas, estaba tamén feita na casa. Cando chegaba a época, esquilmábanse as ovellas e coa cardadora obtíñase algo co que traballar. Para ocasións máis especiais mercábanse as teas, pero non era o habitual. Ás veces, incluso facían teas co liño que cultivaban. Sen embargo, non en todas as casas había alguén que supera coser, polo que se chamaba a algunha veciña ou a unha modista que se dedicaba a ir de casa en casa. A vida naquela época era moito máis familiar e veciñal.
Antes, as persoas do mesmo rueiro xuntábanse para celebrar calquera festa, pero tamén para axudarse uns aos outros. Era unha especie de vida comunitaria. Este carácter familiar podíase observar con claridade en ocasións coma a matanza do porco. O sistema sanitario era moi deficiente. O servizo hospitalario era de pago, e ir para alí case significaba a morte. Non había ningún tipo de centro de saúde , e se alguén se atopaba mal, había que chamar a algún médico privado. O máis preto que había era o de Cambados. Pero para algunhas doenzas menores ou para persoas con moi poucos recursos, chamábase ao boticario, que ía polos montes recollendo herbas, para facer remedios caseiros.

Galicia era un territorio maioritariamente labrego, con pouco desenrolo industrial e baseado no minifundio, que impedía a creación de grandes extensións. Isto repercutiu na chegada de novas tecnoloxías, que era case nula. Ademais, o réxime franquista tampouco supuxo unha mellora. Era moi difícil coñecer noticias, tanto políticas como económicas, pola inexistencia de xornais accesibles ao pobo. Para ser sabedor dunha mínima parte do que ocorría fóra de aquí, era necesario ser moi amigo do alcalde ou do cacique, figura que seguiu sendo de gran importancia. Estas persoas tiñan moi poucos escrúpulos e só buscaban o enriquecemento propio. Aproveitábanse dos pobres, que algunhas veces precisaban das súas artimañas, e logo, a cambio do seu labor, pedíanlle unha pago moi grande, de maneira que o labrego non podía corresponder. Esta débeda era hereditaria e remataba co cacique apoderándose dalgunha propiedade da familia ou con algún membro dela pagando as represalias.

As viaxes non eran moi frecuentes. Limitábanse a algunhas curtas a Pontevedra para mercar algo que non se podía obter na vila, é dicir, algo moi especial, ou incluso algunha visita a algúns amigos que viviran preto. Daquela só os ricos se podían permitir un automóbil para eles sos, de maneira que a única opción posible era o autobús. A liña era moi deficiente e non soia ser puntual. O autocar era un vello vehículo de Monbus, que ía a unha velocidade bastante baixa, polo que unha viaxe de vinte minutos podíase converter nunha aventura real dunha hora.
En Barrantes, preto da casa onde vivía meu avó, estaba o famoso pazo. Alí viviu unha das persoas máis importantes e influentes da comarca e da época. Tratábase de Xulia Becerra Malvar, “condesa” de Barrantes, aínda que de condesa tiña pouco porque nin sequera existía ningún título nobiliario con ese nome. Na época de poda, a condesa chamaba aos rapaces dos arredores para que recollesen os restos da poda, que os maiores ían deixando no chan. Aquilo convertíase nunha aventura, porque en realidade non ían a traballar se non a xogar. Entre estes rapaces estaba tamén meu avó, que logo construiría o colexio que levaría o nome desta ilustre muller. Xulia Becerra só quería que a nosa terra evolucionase acorde con outras zonas de Europa. Este afán levouna a realizar unha xuntanza con diversos artistas recoñecidos da época, entre os que destacan Ramón Cabanillas, para o impulso da cultura galega. Esta reunión chamouse “ Pacto de Barrantes”, en consonancia co tamén coñecido “ Pacto de Lestrobe”

Os nenos divertíanse xogando ás bólas, á comba, á raiola... Xogaban nas rúas, que apenas tiñan tráfico. Meu avó recorda con algo de medo as súas partidas de billarda con todos os nenos do lugar. Nunha delas o seu primo Chicho perdeu un ollo, cando o extremo en pico da billarda impactou sobre el. O ocio non era moi variado. Podía consistir en algunha visita ao cine, a algunha pista de baile... O cine situábase tamén no centro de Barrantes. Era unha sala pequena e acudía moita xente de diversos lugares. Non había taquillas e a entrada de xente era un tanto descontrolada por unha gran porta principal. Meu avó, xunto con algún veciño ou amigo, metíase entre as pernas dos maiores e conseguíase coar dentro da sala. A entrada custaba un par de pesetas, aínda que tamén dependía da película ou do día. Normalmente tratábase de algunha longametraxe estranxeira, que chegaba moitos anos despois aquí. O número de estreas nacionais era moi reducido pois todas as películas debían pasar o forte filtro da censura. O baile adoitábase realizar en xornadas de festa, normalmente relixiosas. Era a oportunidade perfecta para coñecer ás mozas da vila. Bailaban danzas tradicionais ou bailes estranxeiros, coma algún valse sinxelo.

A relixión tiña unha gran importancia na vida dos labregos. Acudían a misa todos os domingos como bos cristiáns, aínda que moitas veces só o facían para non dar que falar entre os veciños. Seguían ao pé da letra todos os ritos e dogmas do igrexa. Moitas das oracións facíanse en latín, pese a que o pobo descoñecía o seu significado. Visitábanse os camposantos todas as semanas, poñendo sempre flores frescas nos nichos. A figura do sacerdote era moi importante na comunidade.

A emigración era unha cousa aínda presente nas familias. Seguía pasando e era rara a familia que non coñecera a algún emigrado. Algúns familiares de meu avó instaláranse en Arxentina e sempre que viñan de visita, amosábanlles a vida que levaban alí, con moitas máis facilidades. Sen embargo, emigrar non era unha cousa doada e aínda menos co réxime franquista implantado en España. Para poder conseguir os permisos era necesario a axuda do cacique do pobo, que pagaba a moi alto prezo os seus servizos. Cando unha visita era imposible, comunicábanse por epístola, que era un medio de comunicación sinxelo e barato. sociedade era moi desigual e incluso un tanto estamental. Só os fillos dos ricos podían estudar, viaxar, desfrutar de luxos, ir a concertos... Pero ademais o férreo control por parte das autoridades impedía calquera forma de expresión que non fose a prol do réxime, que oprimía á xente e evitaba que a cultura e o idioma galego se puidese expandir libremente. Desta maneira todos os medios de comunicación estaban moi vixiados e non se permitía a formación de partidos políticos. Case calquera persoa podía ser acusada de roxa aínda que as probas contra ela non fosen moi claras. Moitas veces estes xuízos estaban promovidos polos caciques a modo de vinganza. Estendían o medo pola poboación para evitar todo tipo de revolucións.

A súa infancia foi feliz, aínda que con algúns momentos duros. Con só nove anos estivo a punto de morrer a causa do tifo. Estaba moi grave e durante un longo período permaneceu inconsciente. A súa nai mandara chamar ao médico, pero este, logo de varias visitas, alegou que non tiña máis menciña para lle dar e dixo que a partir de aí sería o que deus quixese. Desesperada, Ilda conseguiu contactar cun parente boticario, que lle preparou unha menciña. Sen embargo, sufriu numerosas secuelas. Esqueceuse de todo o aprendido na escola, non podía falar , andar nin ver e tiña o corpo cheo de marcas. Pero pouco a pouco foise recuperando.

A escola naquel tempo situábase no centro de Barrantes, onde agora só hai unha casa. Era pequena e algo fría. Alí congregábanse moitos rapaces de todo o concello. Tiñan que asistir pola mañá e algunhas veces pola tarde, e a xornada lectiva era maior que actualmente. Entrou con seis anos e rematou con doce. As clases eran impartidas todas en castelán. Aprendían as cousas máis básicas: ler, escribir, operacións matemáticas sinxelas, algo de xeografía... Tivo que deixar a escola cando comeza a aprender as raíces cadradas. O temario estaba dividido en tres libros, o Raia 1, 2 e 3. Para poder escribir empregaban un pizarillo e só o profesor usaba pluma e tinta. Durante a súa etapa educativa tivo tres profesores: dona María, don Paco Pedrosa e don Ramón Escudeiro. Este último era moi fachendoso e obrigaba aos rapaces a traballar nas súas terras. Un día que meu avó se atopaba na leira do mestre, seu pai atopouno alí e berroulle moi duramente, advertíndolle que non o volvera a facer. Pero o próximo día na escola, don Ramón volveu pedir aos rapaces que foran traballar. Meu avó alegou que seu pai non lle permitía ir e o profesor púxoo na mesa dos torpes, onde estaban os rapaces que aprendían máis lento ou que tiñan unhas necesidades especiais. Ademais este profesor era moi bruto cos alumnos, sobre un en especial, que tiña problemas na pronuncia e sempre levaba os golpes mais fortes por parte do mestre. Por iso sempre se coñecería a don Ramón como un “animal vestido con traxe”.

Con só doce anos deixou a escola e púxose como aprendiz dun dos mellores albaneis que había na comarca, por mediación dun coñecido de seu pai. O soño de meu avó era ser mecánico, pero a súa familia non tiña cartos para que puidese estudar. Seu pai dixéralle que se tiña que aplicar, porque tiña unha boa oportunidade para aprender un oficio e gañar a vida. O seu salario mensual eran só catorce pesetas, pero sentíase honrado porque conseguía axudar algo á economía familiar. Co tempo aprendeu o oficio e pasou de ser un bolseiro a ser por fin un traballador. Logo, con xa dezaoito anos, foi contratado por unha empresa, coa que viaxou por moitos lugares de Galicia. Con esta empresa foi cando conseguiu o seu primeiro automóbil. Ata daquela ía a traballar nunha pequena Vespa, pero o seu xefe, ao decatarse que non tiña carné de conducir, adiantoulle os cartos para que puidera ir á autoescola e mercar un coche. A empresa finalmente quebrou e meu avó, xunto con algúns dos seus compañeiros de traballo, fíxose autónomo. Construíu moitos edificios en Barrantes, case un a continuación do outro, pero os clientes demorábanse moito no pago e non puido aguantar máis. Estivo unha tempada na casa e un tempo despois foi chamado por outra empresa. O xefe facíao traballar moitas horas nun posto de gran responsabilidade. Chegaba á casa moi tarde e estaba exhausto. Pediu unha subida salarial, porque o seu soldo era baixo en comparación co traballo que facía, pero o xefe negouse e meu avó deixou o traballo. Foi contratado por outra empresa, coa que traballaría ata a súa xubilación, aínda que crebou pola morte do dono uns anos antes. Meu avó contoume unha anécdota moi singular de seu traballo. Unha noite de forte tormenta na que se fora a luz, levantouse para ir traballar moi cedo. Vestiuse e puxo os zapatos con dificultade, xa que a súa habitación estaba escura e non tiña ningunha candea á man. Subiu no coche e dirixiuse á obra onde estaban traballando. Pero cando baixou do coche decatouse de que levaba dous zapatos de pares diferentes. Foi a risa de todo día na obra. Tivo que ir a unha zapataría para mercar outro par de calzado. A vida de meu avó mudou cando se casou con miña avoa, Josefa Martínez Padín . Comezou a vivir noutra casa e tivo que adaptarse aos seus costumes, porque como se di “cada casa é un mundo”. O seu sogro era zapateiro. Tiña a súa pequena tenda preto de onde está agora o centro médico de Ribadumia. A súa sogra dedicábase ao campo e a atender a casa, como a maioría de mulleres na época. Grazas á mediación de Ilda, a súa muller conseguiu un posto de cociñeira na escola.

Unha das afeccións favoritas de meu avó era a pesca. Gustáballe ir ao río os domingos pola mañá en busca das mellores pezas. Ás veces ía só ou acompañado de amigos. Tiña todo tipo de aparellos de pesca e estaba moi orgulloso dese hobby. Capturaba troitas e anguías sobre todo. Todos desexaban que volvera cedo da súa xornada lúdica a beiras do río Umia para ver que pescara, pero sobre todo para poder cociñar as súas capturas. A súa sogra Rosa era unha excelente cociñeira que sorprendía a todos coas súas novas e sorprendentes receitas. Pero sen dúbida o deporte que máis bos recordos lle traerá será o fútbol. Foi xogador do Umia FC na posición de lateral esquerdo, aínda que algunhas veces tamén xogou como porteiro. Era un moi bo equipo, que conseguiu gañar moitos trofeos. Quedaron en posicións espectaculares na táboa. Xogaron contra unha morea de equipos de moitos lugares de Galicia: Pontevedra, Vigo, Redondela, A Coruña...

O servizo militar era obrigatorio. En moitos casos chegaba a arruinar a vida de moitos rapaces. Meu avó conseguiu librarse de entrar na mili, xa que foi operado dun oído. O médico que o interveu era militar e douno por inválido para servir no exército. En moitos aspectos a mili non era algo bo pero moitos homes aprenderon a ler e escribir, e incluso algún oficio. Un amigo de meu avó, que foi á mili, aprendeu a fabricar radios, televisores, e grazas a isto conseguiu abrir a súa propia tenda. A primeira radio que mercou meu avó, ao igual que a televisión, foi fabricada por este amigo.

Cando lle expuxen este proxecto a meu avó, pareceulle un pouco esaxerado darlle tanta importancia á vida de alguén, pero logo de ter comezado, animouse cada vez máis. É unha persoa de poucas palabras e de moitos actos, polo que custou un pouco que afondase na información tanto como era preciso. Vía que estaba a facer un gran esforzo por recordar algunhas anécdotas ou momentos da súa vida. Revivía os seus mellores momentos, pero tamén aqueles nos que non lle gustaría ter estado. Para min foi unha gran experiencia facer este traballo, xa que é unha maneira de afondar moito nas raíces de un. Aprendín a ter máis en conta aos maiores e a saber apreciar outro tipo de cousas. Durante este traballo involucrouse toda a familia, buscando información e compartíndoa cos demais. Conseguimos coñecer aspectos da vida de meus avós que apenas ninguén coñecía, e que a verdade sería unha pena telos esquecido. Despois de rematar o traballo, que foi duro pero reconfortante, todos fixemos unha gran reflexión dos feitos pasados, da súa evolución e do presente, para poder aproveitar o tempo e mellorar no futuro. Logo disto podo dicir que meu avó debería de ser recordado como un home que soubo adaptarse aos numerosos cambios da súa vida e do seu tempo, que nunca tivo medo de nada, e aínda menos do traballo. Unha persoa que sempre viviu para a súa familia. Un home, que como moitos, fixo fronte ás adversidades persoais, sociais e económicas, sen esquecerse de ser feliz e agarimoso. Nunca poderei devolverlle todo o que fixo por min.