EVARISTO SERÉN FALCÓN
EVARISTO SERÉN

EVARISTO SERÉN FALCÓN

por Tania Casás Serén

IES Ramón Cabanillas - 4º ESO

Boas, chámome Evaristo , e vou contarvos un pouco de min... Teño setenta e un anos.

Vou comezar dende o principio, coa miña infancia. Dende pequeno vivín en Covas de Lobos, Cambados, nunha casa que construíu o meu pai. Gustábame moito xogar aos trompos e facer carros cos paus e cousas que encontraba polo camiño. Respecto á miña familia, Os Seréns, o meu pai chamábase Manuel e a miña nai, Dolores. Teño que confesar que sempre fun máis de nai, xa que era coa que máis pasaba o tempo, porque meu pai tiña que ir traballar fóra para poder mandarnos diñeiro para que puideramos comer, os dous eran labregos. Tiña trece irmáns, dos cales só quedaron vivos cinco, catro homes e unha muller. Eu de pequeno sempre fun un traste, xa que faltaba á escola para ir xogar cos meus amigos ao balompé, e sempre lle gastabamos bromas aos profesores, inda que despois tiñamos que pagar as consecuencias.

A situación económica da miña familia era crítica, xa que daquela vivíase das terras e dos animais e iso non chegaba, ás veces, para darlle de comer a sete bocas. Porén, malia isto, eu considero que tiven unha infancia feliz. Eu empecei a traballar moi cedo, aos dez anos, botando o gando a pacer e traballando nos eidos, o pouco diñeiro que gañaba ía destinado a axudar á miña familia.

No meu tempo libre gustábame moito montar a cabalo e ir polo monte adiante, ou ir á praia e montar co cabalo pola beira da auga, para min ese era o mellor momento do día, pero, en troques, non me gustaba nada estudar ou ler, pois esas dúas cousas nunca se me deron ben, é a verdade e hai que dicila.

Canto ao traballo, despois de estar varios anos afiliado ao réxime da agraria, metinme no mundo do mar; un mundo do que nunca me esquecerei. Comecei a traballar no mar debido a que casei coa miña actual muller, que se chama Esperanza, e queriamos construír unha casa onde vivir, e de seguir cotizando pola agraria, non me darían os cartos para poder pagar a obra. Ao final, despois de moitos anos traballando no mar, conseguín construír a casa. Na miña vida como mariñeiro tiven que viaxar a moitos sitios coma por exemplo: Alemaña, India, Hamburgo, Rotterdam, Holanda, Francia, Canada…

Unha anécdota que me marcou moito entre todos os viaxes que fixen aconteceu na India. Cando inda era moi novo e estaba traballando alí caín dun remolcador dende catro metros de altura e levín unha porrada moi forte na cabeza e estiven inconsciente un par de días, polo que a miña muller, que estaba en Cambados, tivo que vir correndo á India xunto miña, sendo francos... un pouco máis e non vivo para contalo, xa que se a pancada fose un pouco máis para riba quedaba no sitio, pero por sorte estou aquí, san e safo.

Agora imos a falar un pouco mais sobre a actualidade ou sobre hai uns poucos anos atrás: casei aos 22 anos, e tiven ao meu primeiro fillo aos 24 anos, ao que decidimos chamarlle Carlos; despois, aos 29 anos, tiven a miña segunda filla, chamada Begoña. Os dous seméllanse moito a min, sobre todo o meu fillo maior. Cando eu só tiña 48 anos fun avó, pois o meu fillo Carlos tivo un fillo chamado Iago, que actualmente ten 22 anos. Seméllase moito ao seu pai, e aos 55 anos fixéronme por segunda vez avó, neste caso a miña filla Begoña tivo unha filla co seu home, Francisco, e decidiron chamarlle Tania e esta seméllase moito á miña muller. Sempre que a miro recórdame á miña muller nos seus tempos mozos.

Agora mesmo estou vivindo nunha das dúas casas que fixemos, vivo coa miña filla, a miña neta, o home da miña filla e a miña muller. Na outra casa vive o meu fillo.

A min, se agora mesmo alguén me preguntase cales son as tres palabras que definirían a miña vida diríalle: HISTORIA: a miña vida contada é unha auténtica historia chea de sorpresas e innovacións, por exemplo á hora de viaxar vin cousas que nunca imaxinei que podería chegar a ver. ALEGRÍA: son feliz, porque teño unha familia á que quero e que me quere e penso que nunca lles faltou de nada. DIFICULTADES: tiven que pasalo mal para ter que comer e tiven que viaxar a outras partes do mundo e afastarme da miña familia para ter cartos e poder construír as casas que temos agora e todo o que fomos facendo.

E, por último, quero falarvos un pouco da miña vida en xeral e sobre as preguntas que algunha vez se me pasaron pola cabeza e me formulei. Para min, o momento máis feliz da miña vida e cando estou xunto da miña familia, xa que polo traballo non puiden estar tanto tempo como desexaría con eles, pero nos momentos nos que estou con eles síntome o home mais feliz do mundo.

Por outro lado, o meu momento máis triste foi cando ía traballar e non podía estar coa xente que quería ou cando morreron os meus pais, pero dese tema prefiro non falar e centrarme un pouco máis no feliz que fun. Por exemplo un momento no que fun moi feliz foi cando foi o casamento coa miña muller. Pareceume moi bonito ver a alegría e a felicidade que tiñan todos, e recórdoo como se fose un momento esencial na miña familia. Amais, teño un recordo moi bonito de ir a todas as festas do barrio, as verbenas e os bailes da parroquia xa que sempre fun moi festeiro.
CONTRA!!!! Case se me esquece contarvos como coñecín á miña muller. Fora á súa casa a devolverlle a bicicleta ao seu irmán, petei e cando ela me abriu a porta sorprendeume vela, porque non sabia que o meu amigo tiña unha irmá. Desde aquel momento souben que esa muller alta, delgada coma un fío, morena, coa pel branca como a súa pureza, e eses cabelos longos tiña que ser para min. Ao día seguinte vina no baile do pobo, e ela achegouse a min confiada para que fora soltar un pé con ela, xa que había un mozo que quería saír con ela, pero como ela non quería... abeirouse a min para tirar ao outro pesado de enriba. Comezamos a bailar e foi como se nese momento estiveramos os dous sós. E despois, a miúdo, comezamos a vernos máis... e máis.

Por último, quero dicirvos que sempre quixen que me lembrasen como un médico importante ou como un arquitecto, pero xa que non puiden ser así gustaríame que me recordaren como un bo mariñeiro e como un bo pai de familia.