GUMERSINDO MÁRQUEZ GULÍAS
O MESTRE

GUMERSINDO MÁRQUEZ GULÍAS

por Sofía Vilanova Paz

IES Francisco Asorey - 4º ESO

Sindo era o meu bisavó. Acórdome moito del a pesar de que era moi pequena cando morreu. Aínda hoxe, malia o tempo que pasou, faime graza o recordo que teño del asubiando cos dedos na boca. Eu sempre quería que o fixera. Cando o vía intentaba imitalo pero como non era capaz de facelo gritaba e el contestábame co seu fermoso asubío. Recordo tamén a libreta pequena atada coa goma e o bolígrafo que sempre levaba no seu peto. Nela apuntaba as matrículas dos coches, refráns e todo tipo de cousas que lle chamasen a atención. Unha das cousas das facía que máis me chamaban a atención era que cando iamos xuntos no coche lía as matrículas de tódolos vehículos que nos cruzabamos e despois pechaba os ollos e as repetía do dereito e do revés. El dicía que o facía para non perder a memoria.

Gumersindo Márquez Gulías naceu no ano en que xurdiron as Irmandades da Fala (1916) un 13 de xuño nunha pequena aldea chamada Millerada que se atopa en Forcarei. El sempre dicía que nacera no día de Santo Antonio. Seu pai, Agapito, emigrara a Cuba, máis tarde a Francia e por último a Andalucía xa que o campesiñado nesa época era empobrecido, xa que as terras eran da Igrexa e dos fidalgos. Ademais eran seis fillos (Gumersindo, Manolo, Aurelia, Araminta, Pepe e Dina) na casa (todos estudaron e cinco deles foron profesores). Cando puideron, compraron unha vivenda nova en Mourente e foron a vivir para alí. Nesta casa tiñan horta e Sindo, ao ser o maior dos irmáns, tiña que axudar coidando aos animais e noutras tarefas antes de que se fora a estudar. Sempre se levantaba moi cedo, un costume que nunca perdeu. Seu pai, Agapito, decidiu non volver a marchar da casa cando volveu de Andalucía e un dos fillos, como non o coñecía, non paraba de chorar e non o deixaba entrar na vivenda. Así que buscou traballo e o atopouno de condutor de tranvía en Pontevedra. Tamén traballaba de buzo amarrando as primeiras bateas e construíndo a ponte da Toxa. Empregaba unha escafandra que pesaba 25 quilos que se atopa no museo de Pontevedra. Pouco a pouco o nivel económico da familia foi mellorando. Así, Gumersindo estudou maxisterio empezando unha nova etapa da vida que lle gustou moito. Cando rematou a carreira foi á mili e, cando xa se ía a licenciar, o 17 de xullo de 1936 comezou a Guerra Civil e tivo que ir a loitar. Participou na Batalla de Brunete e tivo a sorte de saír con vida, xa que nela morreron máis de 37.000 persoas. Tamén estivo atrapado na estación de ferrocarril de Vargas que, ao estar preto da fronte bélica, quedara illada recibindo numerosos impactos de artillaría. Estivo na batalla de Belchite que se produciu en Zaragoza entre o 24 de setembro e o 6 de agosto. Tamén tivo moita sorte porque morreron máis de 5.000 persoas en menos de quince días. Este era un tema do que non lle gustaba falar. Sempre que contaba algo dicía que pasara os anos máis tristes da súa vida e só contaba anécdotas positivas. Tamén contaba que era o tempo máis mal invertido da súa vida. Entre as anécdotas que soia contar estaba a seguinte:

Unha noite, facendo o recoñecemento, pasaron por unha granxa de porcos e ocorréuselle coller un para cear. Botaron tódolos capotes enriba do porco para poder collelo pero o animal facía moito ruído. Colleron máis capotes e levaron ao porco para o cuartel. Ceárono e estivéronse rindo da divertida ocorrencia.

O meu bisavó foi nomeado Sarxento provisional de Artillería pola orde do 10 de abril de 1939. El sempre contou unha anécdota que a min me facía moita graza. O capitán mandárao ao economato a buscar un uniforme de sarxento. Ao chegar alí el viu que tódolos uniformes eran vellos e xa foran usados. Como non lle gustaba ningún pediu un grande e o soldado que se atopaba no economato deulle o máis grande que tiña todo enfadado. Dixéralle que el era pequeno e que lle ía quedar enorme pero Sindo non lle fixo caso. O meu bisavó presentouse ante o capitán xa vestido de Sarxento e este pregúntalle a onde vai con esas pintas e dille que fará rir aos soldados cando lle de as ordes. Sindo contestoulle que, como era moi pequeno, non había traxes da súa medida. O capitán mandoulle ir ao xastre para que lle fixeran un a medida. O meu bisavó saírase coa súa, xa que el era moi presumido e o que quería era estrear un traxe novo.

Cando rematou a guerra volveu a casa pero os estudos que fixera non se sabía que ía a pasar con eles. Dixéronlle que tiña que esperar pero el decidiu volver a facer a carreira e matriculouse por segunda vez en maxisterio. El sempre contaba que era mestre dúas veces. Pensou que non podía perder máis o tempo xa que o malgastara bastante coa mili e coa guerra. Ao terminar foi, directamente, a dar clase na Escola Unitaria de Corvillón. Estivo dando clase alí durante dous cursos (1941-1943). Estaba solteiro e vivía na pensión “Encarnación la Cortiza”. Coñeceu a unha moza de Cambados que será a súa muller. Casouse con Maruja o 19 de marzo do 1943 e foron a vivir a Corvillón a unha casiña de aluguer onde naceu a súa primeira filla.
Máis tarde tocoulle, definitivamente, dar clase en Oubiña en xaneiro do 1944. Exerceu de profesor 25 anos durante os cales nacen o resto dos seus fillos. Ten cinco en total. (Maruchi, Moncha, Carmela, Jose María e Ángeles). Comezou o seu labor de docente con ganas xa que estaba a facer o que lle gustaba. A escola estaba nunha aldea pequena e non estaba en boas condicións. El só pensaba nos rapaces. Encantáballe ser mestre así que non lle importaba que o colexio estivera en malas condicións. Nunha das visitas que lle fixo o inspector don Rogelio no ano 1946 díxolle que ía a clausurar o centro educativo durante unha tempada. El non quería deixar aos rapaces sen clases e pediulle que lle buscara outro lugar para facer o seu traballo. O inspector negouse pero Sindo conseguiu seguir dándolle clases aos rapaces na súa casa. A escola estivo pechada durante dous anos. Construíron unha nova casa-escola e Sindo regresou ao seu posto de traballo moi feliz. Marchaba ás oito da mañá para preparar as leccións e ler ata as nove, hora á que entraban os nenos. Pola tarde tamén había clases. Preparaba aos rapaces de Bacharelato por libre ata as dez da noite. Durante todo ese tempo foise ampliando o número de persoas con estudos que había na parroquia. Pero a maioría da xente, como non sabían nin ler nin escribir, ían a xunto del e pedíanlle que escribise cartas aos familiares que se atopaban emigrados. A el ocorréuselle a idea de impartir clases a toda esa xente para que no dependesen del e para que puidesen expresar todo o que sentían naquelas cartas, xa que Sindo non sabía nada dos sentimentos que había entre eles. Un día unha señora pediulle que lle escribise unha carta ao seu fillo que emigrara a Arxentina. Sindo contestoulle que o rapaz non ía a saber que a carta era da nai e a muller díxolle que non se preocupara porque cando a rematara poñía a pegada do seu dedo e xa estaba. Ensinaba ás persoas maiores desinteresadamente a ler e a escribir xa que para el era unha satisfacción ver que a xente xa non precisaba a súa axuda. Marchou a dar clases a Valladolid para que os seus fillos puideran estudar. Naquela época os mestres gañaban moi pouco. Como di o refrán: pasa máis fame que un mestre de escola. Cando se despediu, con moita pena, dixo que deixaba unha pequena aldea cunha gran familia, pero que a vida era así. En Valladolid estivo dous anos. Tivo moita morriña e nostalxia. Ademais estivo enfermo. Volveu para Galicia e deu clase durante catro anos no colexio Santiago Apóstolo de Santiago de Compostela. Por último vai para Móstoles, para o colexio García Lorca. Para que os dous fillos máis pequenos puideran estudar dereito e arquitectura en Madrid. Está alí durante 17 anos ata que se xubila o 13 de xuño de 1993 aos 77 anos.

Un momento moi importante da súa vida foi o 20 de marzo de 1993, cando na antiga casa-escola de Oubiña inauguran o centro social “Mulleres Rurais” poñéndolle unha placa que dicía: Centro recreativo-social “Mestre Gumersindo Márquez Gulías”. Ese día, moi feliz por aquel recoñecemento, agradece aos compañeiros, veciños, ex-alumnos e familiares a súa presenza no acto. Xa xubilado vive en Pontevedra e pasa moito tempo en Cambados, onde vive a miña avoa Maruchi.

Gustaríame contar unha última anécdota. Nunha viaxe que fixo a México para ver ao seu fillo coñeceu a un home que facía ioga e dende aquel momento el tamén empezou a facelo. O meu bisavó Sindo levantábase ás seis da mañá e facía unha hora de ioga tódolos días e despois ía a ver a saída do sol á torre de San Sadurniño mentres se bañaba no mar fora verán ou inverno. Sempre nos dicía que tódolos poetas falaban da posta do sol pero que ninguén mencionaba o bonito que era ver o amencer. Tamén pasaba horas lendo, xa que era a súa paixón.