JOSÉ M. BETANZOS SANTOS
O CHAPUZO

JOSÉ M. BETANZOS SANTOS

por Laura Betanzos Núñez

IES Ramón Cabanillas - 4º ESO

José Manuel Betanzos, O Chapuzo, naceu en Cambados en 1946 e viviu en San Tomé, un dos portos de Cambados. A súa vivenda era moi pequena, tendo en conta os oito membros que habitaban nela; non tiña servizos nin cuartos para todos, senón que había un no que durmían os seus pais e a súa irmá máis pequena.

Os seus pais eran unha parella moi coñecida en Cambados; seu pai dedicábase ao mar e a súa nai coidaba os seus fillos e facía as tarefas da casa. Eran coñecidos como os ‘Chapuzos’ dende xeracións anteriores e nunca tivo a oportunidade de saber a orixe do alcuño. En canto á situación económica, naqueles tempos, era moi baixa e a súa vida era moi dura. De neno só puido ir á escola de San Tomé até os oito anos porque despois xa tivo que empezar a traballar. Con todo, aínda que traballaba, algún día ía a escola pola noite, pero non puido ir moito tempo ao non ter horas de descanso. Tampouco tivo a sorte de viaxar moito, ou nada, coa súa familia, a súa economía non era moi doada.

No seu tempo libre, aínda que non tiña moito, xogaba cos seus curmáns e amigos aos xogos que había daquela. Un destes entretementos era o trompo, que era como un tipo de buxaina cunha punta de ferro e cunha corda, a brenza, enleada ao corpo do trompo. Tirábase ao chan e, se a buxaina bailaba e non saía dun redondel pintado no chan, gañabas o xogo, no que tamén tiñas que procurar botar fóra do redondo aos outros trompos. Outro dos xogos era o turra-soga ou tiro da corda, no que compiten entre eles dous equipos que puxan dunha corda, cada un por un extremo, intentando arrastrar ao equipo contrario; o primeiro participante que pasara da marca pintada no chan, perdía o xogo.

Como dixemos anteriormente, comezou a traballar aos oito anos porque lles facían falta os cartos na casa para alimentar aos seus irmáns pequenos, que non eran poucos, traballando como mariñeiro nunha dorna cambadesa de vela, e cando non ía vento facíano a remos; chamábase Insuiña. O seu labor era tirar o aparello e marcalo cunha boia para distinguilo de cada embarcación e, cando se metía o sol, tiña que recollelo para coller o peixe que pescaran. Aos doce anos o seu labor xa era levar un barco chamado Volver porque o seu pai fora retirado do mar por unha grave enfermidade e el tivo a responsabilidade de ser o patrón dun barco de pesca que herdara del. Antes de ter o Volver tivera varias dornas e barcos como, por exemplo, o Brigantium, que deu lugar ao topónimo Betanzos en latín, que é o seu apelido; tamén tivo o ‘Ecuador’, que era máis estreito e pequeno que o Volver; e, por último, foi o Sirena del mar. Hai uns anos, os seus fillos, mandados por José Manuel, mercaron un novo barco ao que lle puxeron o nome de Buxarelo, mais non era para o peixe, senón para as bateas. Así correron os tempos e adaptáronse as xentes do mar en Cambados...

O xefe, antes de ser José Manuel o patrón da embarcación, era o seu pai. Daquela, aínda que foras da familia, trataban moi mal aos traballadores. Algúns dos compañeiros eran familiares, mais outros eran amigos coñecidos que aínda hoxe en día manteñen boa relación.

Con todo, non era só traballar, tiña un pasatempo moi importante para el que era xogar ‘‘a partida’’ cos amigos; tamén lle gustaba o cinema e o que máis frecuentaba era o de Vilalonga. O lugar era un recuncho pequeniño, pero moi acolledor, onde pasaban os filmes en branco e negro. Eran os tempos do cinema mudo. Gustábanlle os de medo, pero José Manuel non se lembra do nome de ningunha delas. No entanto, si que lembra as entradas do cinema polo baratas que eran, se as comparamos coas de agora, porque daquela custaban poucos céntimos de peseta.

O teatro era outra das súas paixóns, pero nunca tivo a ocasión de ir a ningún porque non se facía tanta representación como arestora. A súa música preferida era a de Manolo Escobar, que era a máis coñecida naqueles tempos. Ao único concerto que asistiu foi ao de Julio Iglesias no ano 1992, que estivo en Cambados e dera o seu concerto na Praza de Fefiñáns pola festa do Albariño. Había moita xente porque era un músico moi coñecido, e pagáballe a Xunta por facer de embaixador do Xacobeo.

Tamén lle encantaban os libros, pero non tiña tempo para iso e só sabía ler o básico. O deporte era parte da súa vida; xogaba ao fútbol como afeccionado, mais nunca puido xogar nun equipo de verdade. Só o facía na rúa, cos distintos grupos de rapaces que había daquela e que se formaban entre amigos. Hoxe en día aínda lle gusta moito este deporte, e só é dun equipo: o Real Madrid. A política daquela non era unha cousa que lle chamara moito a atención, só o que escoitaba, pero agora encántalle e está afiliado a un partido político.

Un dos momentos máis felices que tivo na súa vida foi o nacemento do seu primeiro fillo, e o momento máis complicado que lle marcou o resto da súa vida, e a da súa muller e a da familia enteira, foi o falecemento do seu fillo pequeno por un accidente de tráfico. Dos eventos sociais que máis o chamaron, as antigas festas do Albariño, porque daquela eran festas de amigos e de veciños para xuntárense e pasalo ben, e agora son festas de rapaces que non saben gozar delas nin as van lembrar no futuro.

E para concluír esta pequena biografía, salientar as tres palabras que mellor o describen: traballo, familia e amigos, porque son o seu día a día e os que lle axudaron a seguir adiante nos seus tempos complicados. Nun futuro gustaríalle ser lembrado como unha persoa boa, tanto para a familia como para os amigos e veciñanza en xeral, agradable, sentimental, leal, preocupado pola xente que o rodea día a día e, sobre todo, porque porque foi moi honesto.