JOSÉ REBOREDO COSTA
JOSÉ REBOREDO

JOSÉ REBOREDO COSTA

por María Núñez Figueiras

IES Ramón Cabanillas - 4º ESO

José Reboredo Costa naceu o dezanove de marzo de 1930, no Cruceiro, parroquia de Vilariño, en Cambados. Toda a súa vida xirou e xira arredor da parroquia cambadesa que o viu nacer.

Foi o sétimo de dez irmáns, nado no seo dunha familia dedicada á venda de peixe, madurou moi pronto, coma tódolos nenos que naceron nos anos de 1930. Foi á escola en Sameiro e deulle clases don Enrique Barreiro. Cando se lle pregunta que lle ensinaron, conta “a ler, a escribir e as catro regras: sumar, restar, multiplicar e dividir”. Con esa formación e con só trece anos, era o mozo dos recados da “Ferretería Lemón”, que actualmente ten a súa sede na rúa Pardo Bazán en Cambados. Como el mesmo afirma “facía de todo: despachaba, ía aos recados… alí botei cinco anos traballando”. E respecto ao seu salario, lembra que “gañaba unhas catrocentas pesetas ó mes, que fun aforrando para pagar os materiais cos que facer a miña casa”.

Con 18 anos, inicia a construción da súa casa e abre a súa primeira tenda, ”A de Reboredo”, no lugar do Cruceiro, coa esperanza de quitar de traballar na rúa á súa nai, que era peixeira, e ía coa patela e a burra vendendo peixe por toda a contorna.

Como viña sendo habitual a finais dos anos 1940, o seu ultramarinos tiña tamén taberna, daí que os horarios de apertura foran de “oito da mañá a doce da noite, de luns a domingo, sen días libres” e tamén conta que “unha chiquita custaba unha peseta”. Naquela altura abriu o ultramarinos cos produtos máis básicos para a casa. Foi uns anos despois, cando, cruzando a estrada, merca unha leira á familia da señorita Pita, e fai a casa na que vive actualmente. Alí, na planta baixa, amplía o ultramarinos “de Reboredo, como se coñecía en toda a comarca, e merco máis produtos, xa non só de alimentación, senón tamén para o fogar, roupa, calzado e incluso xoguetes na época do Nadal”.

Cando era o ano 1965, casa cunha veciña de Castrelo, Rosa Rita Piñeiro, “Nita” para os clientes e veciños, que o axuda na tenda que mantiveron aberta ata a xubilación dela en 2003.
Nos seus inicios, na tenda, os produtos vendíanse a granel, como o azucre ou o aceite e o viño que se vendía por cuartillos (un cuarto de litro). A tea para as sabas da cama era das marcas “Tolrrá ou Pan de Azúcar”, e en canto á roupa, José Reboredo trouxo para Cambados marcas como Lois nos vaqueiros, Lacoste nos polos ou zapatillas equivalentes ás hoxe consideradas de marca como as Paredes. Para abastecer a tenda, chéganlle representantes de Vigo de comercios como “o de Mariano García” ou “de Vera”, e cando non viñan eles “ía eu a Vigo. Marchaba no camión con Pepe, o de transportes J. Acha, e facía as encargas do que precisaba. Comiamos en Vigo, no Bar Galicia, e logo viñamos de volta co pedido feito”.

A vida na tenda era “moi sacrificada, porque non había días libres, só a tarde dos domingos, que aproveitabamos para ir ver á familia da miña muller a Castrelo”. Como a súa familia era grande, tamén se visitaba aos irmáns, a Moncho, o fundador do “Restaurante Mar de Arousa”, ou a Jaime, que tamén vivía no Cruceiro, que se dedicou ao mundo da cantería e foi durante moitos anos policía local no lugar.

A primeira radio que chegou ó Cruceiro foi nos anos 1950 e vendeulla a José Reboredo “Ernesto Silva, así escoitabamos a radionovela, que era sempre de amores e leas, e tamén botaban cancións de Manolo Escobar, Carmen Sevilla ou Lola Flores”.

José Reboredo nunca se meteu en política, porque afirma que “non tiña tempo para iso”.

As súas afeccións e saídas eran ir “aos bailes da Cultural e pouco máis porque as xornadas de traballo eran longas e acababa un cansado” e lembra que aínda que non tivo trato con persoeiros importantes do lugar como Francisco Asorey ou Ramón Cabanillas, acórdase deste como “unha persoa moi sinxela”.

A tenda de “Reboredo”, como se coñeceu durante os máis de cincuenta anos que estivo aberta, era un referente en Cambados, xunto coa tenda de Rosita en Cambados, e a de Luruxo en Catro Camiños. José Reboredo lembra que “despois da fábrica de Otero, en Cambados, era a miña tenda a que facía o pedido máis grande de pemento moído Jauja. Viña xente de toda a comarca e tamén emigrados que marchaban e querían levar pemento para o estranxeiro. A época de matanza era cando máis pemento se vendía, para os chourizos e a zorza. Pero logo no resto do ano tamén se usaba moito, igual que as especies para facer os callos”.

A José Reboredo, cando se lle pregunta como lle gustarían que o lembraran di que “como unha persoa caseira, moi normal, que queres? de min que vou dicir? En todo caso teríano que dicir os demais, non si?