JOSEFINA REBOLLIDO PIÑEIRO
JOSEFINA

JOSEFINA REBOLLIDO PIÑEIRO

por Claudia Prado Feijoo

IES Ramón Cabanillas - 4º ESO

Josefina é unha muller de antes, traballadora e loitadora, que describe a súa vida como sacrificio, dureza e amor. O por qué destas palabras vén dado porque dende moi nova comezou a traballar e mesmo quedou embarazada moi pronto do único e fiel amor da súa vida.

Ela relátanos que o momento máis feliz da súa vida foi o seu casamento con José, xa que os dous se xuraron amor eterno. Tamén nos di que o máis difícil foi a dura doenza que seu marido pasou, un cancro de colon. Non só para ela foron momentos complicados, senón tamén para o resto da familia.

Lembra ter vivido eventos sociais como o seu sacramento, que o tomaron anos antes de que seu home falecera. Viviu momentos salientábeis en Cambados como a visita do antigo Príncipe e actual Rei de España, Felipe VI. Foi alá polo 1998 cando foi nomeado cabaleiro da famosa Festa do Albariño. Aquel día, o Gran Mestre impúxolle o medallón e a capa que o investía como cabaleiro albariñense. Con aquel xuramento solemne, o Príncipe converteuse en Señor das adegas do mellor viño branco do mundo. Quedou encantado pola maxia das cepas do viño dourado e mesmo encargou arrobas daquel licor albo para honrar a mesa dos ilustres convidados ó banquete do seu principesco casamento.

Houbo tamén situacións negativas, xa que no pasado, o marisqueo a pé na seca estivo nunha situación de perigo, posto que querían darlle a concesión a catro persoas abastadas de Cambados, pero a vila, unida coma sempre, opúxose e acabou por vencer.
Naceu no ano 1947 na súa casa natal. A casa encontrábase por San Tomé e os seus veciños eran os Galiñanes e os Estonllo. Preto deles non vivía ninguén indispensábel para ela, pero a verdade é que se levaba moi ben con todos.

Alí morou ata os 18 anos que foi vivir con José á Rúa Sabugueiro. A casa era como todas as de antes, pequena e con escasos luxos. Seus pais foron Carmelo Rebollido Rial e Dolores Piñeiro Rial. El era mariñeiro e ela ía á seca. Ningún dos dous tiñan alcumes propios, senón que toda a familia era coñecida como os Jueles (alcume que herdaron cada un dos fillos). Naquela casa vivían os cinco irmáns: Carmelo, Lola, Amparo, Paco e ela mesma, cos seus pais. A situación económica da época non é que fora a desexada por ninguén, pois había moita fame e pobreza, máis na súa familia, por sorte, sempre tiveron algo que levar á boca.

A súa infancia foi como a do resto de nenos da época, feliz e sen tanta tecnoloxía e luxo coma hoxe. Aínda que non tiñan tantos cartos para poderen viaxar moi lonxe, como seus tíos vivían en Muros, aproveitaban algunhas fins de semana para ir visitalos. Alí pasaba moi boas xeiras. Recorda que unha vez, ía correndo por unha costa abaixo e non acabou no mar porque seu pai a detivo, que se non, coa velocidade á que ía, afogaba de vez.

De nena pasaba as tardes enteiras na rúa xogando a diversos enredos como a corda ou a pelota cos seus irmáns e veciños.
Nos seus primeiros anos de vida foi á escola de dona Carmen Silva e máis tarde, impartíronlle clase na de dona Sara. Alí aprendeu a coñecida regra dos catro erres: sumar, restar, multiplicar e dividir. As suas compañeiras de clase eran Carmiña, Maruxa, María, Pituca, Mucha... Nunca tivo conflito ningún con calquera compañeira ou profesora. Daquela, non daban materias como agora, senón que estudaban o Palau. Tivo varias mestras como Elvira, Sara, Carmen... Falaban castelán sempre. Aínda que Josefina falaba galego, nunca tivo impedimento por empregalo. Daquela non poñían notas, só lles daban o graduado escolar.

Aos doce anos comezou a traballar de redeira, axudando a seu pai en todo o que fixera falta para o barco. Foi decisión de seus pais que ela deixara a escola. Máis tarde metérona a traballar nunha fábrica de conserva moi famosa naquela época, a de Peña. Ela estaba obrigada a dar servizo ás mulleres encargadas do mexillón. Tamén tiñan que facelo prebe que lle botaban posteriormente ao mexillón xa enlatado. O xefe da empresa era Isidoro Pintos e o encargado de que todo estivera en orde era Manolo. Eran moi esixentes e un pouco distantes cos máis maiores. Ela, ao ser das máis novas, non tivo problema con ningún dos dous, pois tratábana moi ben. As súas compañeiras eran Tita, Ana, Merchi, etc. Os problemas non pasaban máis alá dunha pequena discusión ou enfrontamento por cousas miúdas do quefacer. Naqueles tempos, vivíase para traballar e traballábase para vivir, co cal malamente conseguía un anaco libre os domingos. Adicábanos a xogar coas súas amigas ou a estar coa familia. Anos máis tarde deixouno e regresou ao seu antigo traballo de redeira. Ao mesmo tempo, tamén ía á seca e á batea.

Con só 16 anos, un día como outro calquera saíndo do traballo, coñeceu o que ía ser o seu home. El andaba ao mar co seu tío e un día que Cambados estaba de festa, el convidouna a botar un baile e aí saltaron faíscas... Estiveron un tempo sen verse, pero volveron a cadrar noutra festa. Eran moi festeiros os dous... Grazas a ese día mocearon. Tras apenas cinco meses de mozos, ela quedou embarazada. Isto non foi unha boa noticia para ningún, pois el tiña que marchar para o servizo militar. Josefina pasou os nove meses e o parto soa, sen o apoio de ninguén, xa que na casa non o sabían. Como anécdota ela cóntanos que os seus pais, sen coñecer que estaba xa de sete meses, mandárona aos Milagres a andar. Cando Carmelo e máis Dolores se decataron da situación dela, metéronlle unha tunda, pois ela aínda era moi nova. Así eran as cousas daquela. Mentres José estaba no servizo nas Illas Canarias falaban por carta e en cada unha delas ela mandáballe un peseta para que el puidese comprar algo.

Cando voltou de Canarias casaron e foron vivir xuntos. Tiveron unha vida feliz, chea de amor e de traballo. Tiveron tamén dous fillos, Mónica e José Ángel. Todos os domingos ía ao cinema de Cambados co seu mozo. Polo que comenta eran grandes salas cun pantallón. Viu filmes como A onde vas, Alfonso XI? ou Sisi, a Emperatriz. A entrada custaba arredor dunhas 12 pesetas. Eran moi afeccionados a ir ao cinema, pero o teatro non era un dos seus fortes. Gusta da música e aínda que non ía a concertos de música pop, este xénero era un dos seus favoritos. Sempre lle encantou cantar e non tiña só un cantante favorito, senón que eran varios, por exemplo, Isabel Pantoja. Foi ao concerto de Julio Iglesias e tamén ao de Juan Pardo cun gran aforo. Tiveron lugar en Cambados e Ribadumia, respectivamente. Inda que lle gustaba moito a música, nunca formou parte de ningún grupo. A lectura tampouco lle chamou nunca.

Con 59 anos, moi mozo el, José enfermou de cancro de colon. Foron case 5 anos de sufrimento até que o día cinco de xaneiro de 2005 ingresa no hospital moi grave e días despois falece. Este foi un duro revés para Josefina, xa que os dous estaban moi namorados.
A día de hoxe ela segue traballando de redeira e, polo que di, non ten pensado deixalo ata que morra, pois di que alí despexa a mente e está entretida sendo de utilidade.

As súas afeccións cambiaron un pouco, aínda que mantén algunha das antigas coma ir de concerto. Agora viaxa moito coas súas amigas. Dentro das súas últimas aventuras encóntrase a de Andalucía, o Algarve, Santander... Tamén vai moito de festa, como facía nos vellos tempos.

Agora é unha muller moi feliz, goza dos seus fillos e netos, entre as que me inclúo eu.