JULIO SINEIRO
PASIVO

JULIO SINEIRO

por Luis Franco Sineiro

IES Francisco Asorey - 4º ESO

Meu avó chamase Julio. Naceu en 1937 en Barrantes. Ten 80 anos camiño de 81. Foron sete irmáns, el era o penúltimo. O seu pai morreu cando el tiña nove anos dunha enfermidade do pulmón, típicas naquela época.

Sobre o ano 1945 non chegaba a penicilina a Barrantes, era moi cara conseguila polo que moitas persoas, pequenos e grandes, morrían do pulmón. Contan meus avós o caso dun neno veciño da aldea que estaba enfermo do pulmón e que tiña a seu pai emigrado na Arxentina, o pai mandoulle a penicilina pero chegou un día despois de que morrera o rapaz.

Miña avoa chámase Mercedes, naceu e Barrantes en 1947. Foron catro irmáns e ela tamén foi a penúltima dos irmáns. Os pais de miña avoa dedicábanse a coller madeira dos montes e transportala nun carro de bois.
A familia de meu avó non era rica, pero tampouco das máis pobres. O seu pai estivera na Guerra e cando voltou traballou de ferreiro e tiña agochadas nun muro da casa pistolas que lle levaban os veciños para que llas arranxase. Logo comproulle a un veciño un aserradoiro de madeira e converteuno nun aserradoiro eléctrico. A familia do meu avó era coñecida polos “Pasivos”. Este alcume vén de que tiñan uns bois para traballaren nas leiras e cando estaban nas tarefas dicíanlle: “ide dereitos, sede compasivos”, e repetíanlle “sede compasivos”. E de aquí lle vén o alcume dos “pasivos”.

Meu avó foi a ir á escola con sete ou oito anos ata ós doce. Ía a una escola de pago. A súa mestra chamábase dona María, era una “mestra nacional” pero como estaba casada cun mestre republicano, a ela sacáronlle o título e non podía dar clase nas escolas públicas e para sinalala, cortáronlle o pelo a rente da cabeza. O seu home tivo que emigrar para Arxentina e ela quedou con tres fillos a seu cargo.

Segundo me conta meu avó, non tiñan exames. Tiñan que aprender tres libros: O Silabario, o Manuscrito e a Enciclopedia. A este último chamábanlle o libro gordo. Como só foi a esta escola de pago, non ten título de escolaridade. Miña avoa Mercedes si que ten o título de escolaridade xa que ela foi á escola nacional. Para sacar o título tiñan que facer un exame e viña o inspector de Pontevedra a examinalos. As clases naquel tempo non eran coma agora. Había rapaces de varias idades nunha mesma aula.

Miña avoa conta que na escola dela antes de empezar tiñan que rezar o “Padre nuestro” e tres “Ave Marías”. As rapazas ían cunha mestra e os rapaces cun mestre. Tiñan catro libros e o que menos lle gustaba era o de política que polo que recorda debía ser un libro para aprender os ideais franquistas ou algo así.

Os métodos de castigo que recorda meu avó era que poñían area no chan e mandábante poñer de xeonllos enriba da area durante bastante tempo, outras veces tiñas que poñer os dedos xuntos da man cara arriba e dábanche vergallazos cunha vara.

Tempo libre non tiñan tanto coma nós agora. Despois da escola tiñan que axudar nas tarefas da casa, ir a pacer os animais... Unha tarefa que lle mandaban facer aos rapaces era andar polas beiras das cunetas cunha pa e un caldeiro a recoller a bosta das vacas para facer esterco.

Xogaban á pelota, á billarda... Ían para a carballeira e xogaban as agachadas. Meu avó con trece ou catorce anos tiña que coidar dun sobriño pequeniño que vivía con eles na casa. Para que o neno non lle estorbase nas súas saídas ideou un carriño feito cunha caixa de madeira que había de coñac Terry. Púxolle dúas rodas detrás e una diante e cunha corda tiraba do rapaz.

Sendo un pouco más grande, conta o avó que os homes xogaban na carballeira a un xogo que chamaban a “caixa de bolos”. A caixa de bolos era una prancha de pedra como se fora de perpiaño e tiña varios buratos. En cada burato poñían bolos de madeira de buxo e a tantos metros estaba un home cunha bola tamén de madeira do tamaño dun bolo de pan que tiraban para darlle aos bolos dos buratos que saian disparados. Os rapaces pequenos dedicábanse a “estrabolear” que era ir recoller os bolos que saían disparados pola carballeira adiante para que non se perderan. Por cada bolo que recollían dábanlle un “real”.

Con 18 ou 19 anos, meu avó empezou a estudar Artes e Oficios en Pontevedra xa que quería ir estudar mecánica de aviación a Madrid. Ía todolos días durante dous anos en bicicleta dende Barrantes a Pontevedra e levaba un bocadillo para comer. Logo fixo un exame para ingresar na Escola de Mecánicos de Aviación de Cuatro Vientos en Madrid e aprobou o exame. Tivo que ir a súa nai a Pontevedra a firmar unha autorización para deixalo ir xa que era menor de idade. Tiña todos os papeis arranxados e o billete de tren pagado polo Estado pero neses días chégalle unha “carta de chamada” de seu tío Floriano que estaba na Arxentina e que era dono dunha cafetería que estaba ao lado do Congreso en Bos Aires.

Naqueles tempos, para saír do país había que pedir un salvoconduto que era coma un certificado de antecedentes penais. Tamén tivo que deixar un depósito de 800 pesetas na Caixa de Recrutas en Pontevedra porque estaba en idade de ir facer o servizo militar.

Despois de arranxar todos eses papeis, decide ir para Arxentina a traballar de camareiro. Con vinte anos colle o barco Santa María en Vigo. A travesía dura vinte dous días. Fan escala en Lisboa e en Montevideo.
Meu avó levaba con el un encargo de seu tío Floriano, que era un baúl de madeira cheo de botellas de coñac Terry. O baúl ía atado con cordas e facían falta catro homes para transportalo. A carga era valiosa e o baúl durmía con el no seu camarote, non o deixou nas bodegas do barco.

Cando fixeron escala en Montevideo, veu a un amigo seu, a Xosé de Andrés que traballaba no porto, pero os pasaxeiros non podían baixar a terra. Saudáronse. O avó abriu o baúl e colleu unha botella de coñac para darlle a Xosé. Non podía lanzala pola popa porque rompía. Meu avó colleu a corda que ataba o baúl, atou a corda á botella e con movementos pendulares chegou a botella a Xosé de Andrés.

Meu avó voltou para Barrantes aos catro anos de estar en Arxentina.

Como eu son de Cambados e meu avó de Barrantes, pedinlle que me contara os seus recordos da relación de Barrantes e Cambados.
Houbo un tempo en que Barrantes e Cambados estaban separados polo río, é dicir, non había a ponte da Xunqueira. Antes desta ponte había unha ponte de madeira e antes desta non había nada. Para pasar dun lado a outro do río, os de Cheiradas de Santo Adrián tiñan unha barca amarrada cunha corda a un lado e outro do río. A xente que quería pasar ao outro lado montaba na barca, pagaban un real (25 céntimos de peseta) e tirando da corda chegaban ao outro lado do río Umia. Logo construíron a ponte de madeira. O pai de miña avoa tiña un carro de bois para transportar madeira e cando tiñan que pasar pola ponte, tiñan que taparlle os ollos ós bois para que non se asustaran ao ver a auga do río.

A xente de Barrantes tiña que ir a Cambados a miúdo a comprar xa que en Barrantes non había tendas nos anos de 1940 e 1950. Ían andando ou en bicicleta. Recorda meu avó que baixaban da Armenteira as mulleres con cestas cheas de cereixas para vender en Cambados. Levábanas na cabeza todo o camiño. Tamén conta que lembra aos homes da Armenteira baixaren a cabalo para iren ata Cambados comprar ferraxes e volvían coas ferraxes que medían tres ou catro metros enriba dos cabalos. Estas ferraxes eran tiras de metal as que lle daban calor e na fragua traballábanas para facer as rodas dos carros.

Un recordo que a avoa de miña nai, ou sexa miña bisavoa lle contou á miña nai e que conto porque parece da época medieval e ocurriría nos anos 1920; a bisavoa lembraba que cando ela era rapaza de doce anos, viña co carro a Cambados ás seis da mañá, antes de que empezara o movemento na vila e cun legón raspaban o abono que se formaba nas beiras das rúas porque a xente botaba polo camiño abaixo os excrementos de persoas e animais. Isto facía un esterco moi bo que se chamaba “tarraxe”. Era o mellor que había para estercar as terras e con ese abono medraban os chícharos de marabilla e había moita fartura deles. Segundo contaba a bisavoa.
Unha das festas que unía Cambados, Barrantes e parte da Armenteira era a festa da Nosa Señora das Cabezas, na Armenteira. Nese día viñan de Cambados moitos grupos de xente que ían andando á festa, comían alí e logo pola tarde baixaban e merendaban na carballeira de Barrantes. Logo no lugar onde estaba o cine, sacaban as butacas e facían baile para toda esta xente. Aínda que a festa non era en Barrantes, ese día era festa para todos.

Para divertírense, de mozos ían ao cine a Cambados en bicicleta. O cine en Barrantes abriuse sobre os ano 1945. A entrada custaba unha peseta “general” que era diante do escenario en bancos corridos e dúas pesetas en butaca. Conta meu avó que as películas que mais éxito tiñan eran as “mexicanadas”. Chamábanlle películas de Jalisco e cando aparecía Jorge Negrete cantando a cabalo, os espectadores aplaudían, asubiaban, etc. Estas películas botábanas sobre todo na primeira función que era cando viña a xente de Armenteira, Silván... Logo tamén botaban películas do oeste.

En Barrantes tamén había baile, que estaba situado na parte de arriba do bar “Hércules”. O bar chamábase así porque a muller do dono chamábase Herculina. O baile tiña o chan de madeira. Logo o baile pasou a estar noutro sitio e estaba amenizado por dous veciños: un tocaba o acordeón e outro o saxofón. O teito desta construción tiña ocos nas tellas e os rapaces ao acabar a actuación botaban tomates a través dos ocos. Todos os días de baile cerrábanse coa mesma canción: “o galo cando canta é dia...”.

Para deixar testemuño de como se facían as cousas antes, conta meu avó que para faceren a estrada que vai á Igrexa tiñan que ir os veciños a traballar todos os días para abrir o camiño. De cada casa ían unha ou dúas persoas con cadanseu legón, pa ou picaraña para faceren o que lles mandara o encargado da obra. Da casa do meu avó non mandaban a ninguén para abrir a estrada porque facían os mangos dos picachóns sen custe no aserradoiro da familia e se rompía algún mango tamén llos arranxaban de balde.