LUÍS CARMELO GONZÁLEZ FERNÁNDEZ
LUÍS CARMELO

LUÍS CARMELO GONZÁLEZ FERNÁNDEZ

por Paula Hernández Platero

IES Francisco Asorey - 4º ESO

Como a miña procedencia non está en Cambados, senón en terras do interior de Galicia, concretamente na provincia de Lugo, tiven que recurrir ao pai dunha compañeira de traballo da miña nai. Esta persoa de avanzada idade, contoume moitas cousas para coñecer aspectos da vida noutros tempos na vila de Cambados.

Luis Carmelo González Fernández naceu en Cambados , no ano 1927, é dicir, conta xa con 90 anos, periodo de tempo dabondo para ter unha boa idea dos cambios e da evolución da vida cotiá.

Como era a súa familia, cantos membros a compoñían; tiña irmáns, avós, outros parentes ? Vivía coa miña nai e dúas tías, estaba rodeado de mulleres. Naquela época era moi normal as familias numerosas, con bastantes fillos. Sen embargo, por circunstancias, a nosa era máis reducida. Pero viviamos ben. E máis eu, que estaba moi ben coidado.

Como era a vivenda familiar? A nosa casa era unha vivenda de pedra de dous andares, no centro da vila. Tiñamos tres dormitorios, un comedor, a cociña, a sala e un baño. E unha cousa moi importante para un neno, tamén tiña un patio.

Con que idade comezou a escola? Fun aos seis anos, a idade habitual naquela época.

Cando era neno o noso protagonista, o ensino primario, ía dos seis aos doce anos. En moitos casos un só mestre atendía aos rapaces, ou rapazas, de diferentes idades. Normalmente, os nenos e as nenas estaban en escolas separadas, con mestres e mestras respectivamente. Despois apareceron as escolas graduadas, de xeito que o ensino primario dividíase en tres graos. En 1970 unha nova lei fixa a escolaridade obrigatoria dos 6 aos 14 anos.

Que recordos ten da súa etapa escolar? Pois que a escola estaba situada no baixo da Igrexa parroquial, chamábaselle a escola do Convento, polo convento de San Francisco.

-Eran moitos nenos? Moitos, agora non podo dicir cantos, pero polo menos a min parecíame que eramos moitos. Eramos só nenos, as nenas estaban noutras escolas. Era o normal naqueles tempos.

A Escola do Convento era o nome polo que era coñecida a Escola Graduada de Nenos de Cambados. As aulas estaban situadas nas instalacións do antigo Convento de San Francisco. A meirande parte da poboación masculina da vila pasou por esta escola, ata o ano 1967 no que se puxo en funcionamento o Grupo Escolar.

Recorda o nome dos primeiros mestres ou mestras que tivo, alguén especial que influira de xeito importante en vostede? A quen máis recordo é a don Antonio Magariños. Era moi bo profesor e moi cariñoso e sensible. Acórdome que un día recibiu un telegrama coa noticia de que seu fillo morrera na guerra, e comezou a chorar. Puxémonos todos moi tristes.

Precisamente, o Grupo Escolar ou Escola Nacional Mixta que agrupou á Escola do Convento e ás distintas escolas unitarias no ano 1967 leva o nome deste mestre Antonio Magariños Pastoriza.

Cales eran os seus xogos preferidos? Os xogos preferidos eran a billarda e as bólas.

A billarda foi un dos xogos tradicionais máis estendidos en Galicia. Ata os anos de 1960 ou 1970 podían verse grupos de rapaces practicando este xogo. A crecente urbanización, o incremento da práctica de deportes (o fútbol, especialmente) e a aparición dos xogos electrónicos, fixo que a billarda e outros xogos tradicionais foran desaparecendo. O mesmo ocorreu co xogo das bólas. Na actualidade hai asociacións que traballan para conservar estes xogos populares e organizan mostras e competicións nas escolas e institutos e noutros lugares para que os rapaces e rapazas de hoxe coñezan como se divertían os nenos e nenas noutros tempos.

Lembra algúns compañeiros ou compañeiras? Xa pasaron moitos anos. Lembro sobre todo a Piti, Isidoro, Benito… Pasabámolo moi ben. Aínda que os tempos eran duros, onde hai nenos sempre hai alegría.

Como era o ensino naqueles tempos, cales eran as materias, os libros, os métodos…? Só tiñamos unha enciclopedia, o libro que contiña todo o que estudabamos. Para escribir lémbrome da lousa e o xiz.

Naqueles anos era habitual que todos os contidos apareceran nun só texto chamado a enciclopedia escolar, e non como agora que cada materia ten un ou varios libros diferentes.

Era doado chegar a facer estudos universitarios? Non, custaba moitos cartos, tiñas que marchar e non había as facilidades que hai agora.
Nos anos dos nosos avós as posibilidades para facer estudos universitarios eran moito máis limitadas que agora. Ata 1989, ano no que se crean as universidades de Vigo e A Coruña, en Galicia só existía a Universidade de Santiago. Para un mozo, ou moza, da Galicia da metade do século XX intentar facer estudos universitarios significaba ter que ir a Santiago de Compostela ou a grandes cidades como Madrid. E aínda máis complicado para unha rapaza, xa que moitas das carreiras universitarias considerábanse destinadas ao xénero masculino.

Que lingua se empregaba na escola? O castelán. Todo estaba en castelán. Na miña familia, e na maioría falábase o galego. E cando facía falta tamén o castelán.

É ben sabido que no réxime de Franco a lingua oficial en toda España era o castelán, as outras estaban prohibidas. Polo tanto, en todos os ámbitos máis o menos oficiais a única lingua que se podía empregar era o castelán. Por suposto, todo o ensino era impartido nesa lingua. Agora ben, na vida familiar, no mundo laboral, no medio rural e mariñeiro, moita da poboación galega seguiu falando galego, pasando ao castelán cando as circunstancias o precisaban.

Cales eran os xogos máis populares entre os nenos? As canicas, as agachadas, a billarda. Xogabamos moito fóra, non estabamos tanto tempo na casa como agora. Non lembro cancións da nosa infancia, pasou moito tempo e non era eu moi cantante. Cando mozos escoitabamos e bailábamos o vals e outras músicas dos bailes de salón. Despois na radio xa se escoitaba o rock and roll.
Outro cambio importante que viviu Luis: a música como obxecto de consumo. Non sería ata os anos 1950-1960, cos primeiros discos de vinilo, nos que empeza a venda da música gravada para escoitar nas casas coa popularización de aparatos reprodutores de son (tocadiscos, e despois o casete). Ata ese momento a música que se escoitaba era producida en directo (festas, bailes, actuacións, concertos…) ou a que emitían as emisoras de radio.

- Fóra da escola, en que pasaban o tempo os nenos? Traballar na casa, axudando á miña nai. Tamén pasaba moito tempo no patio xogando e facendo todas esas cousas que fan os nenos.

Axudaba poñendo a mesa, facendo a cama, facendo recados. Cando había que ir buscar algo ou dicirlle algunha cousa aos veciños sempre ía eu.

Como se divertían cando eran mozos? Nos bailes, nas festas... Andando, iamos a todos os sitios andando. Claro que os desprazamentos habituais eran preto, non como agora que se viaxa moito e a moitos sitios. Por exemplo nós non tivemos ningún coche, na miña casa nunca houbo coche. O coche de liña era o medio de transporte a Pontevedra, por exemplo, e antes iamos tamén en carro de vacas. Cando era mozo. Nunha ocasión fun nunha moto, nunha Vespa, ata Santiago cun amigo que era cura.

Cales eran os alimentos máis habituais na dieta de antes? O que máis se tomaba era peixe, leite, pan e froita.

Hai que ter en conta que en España, entre os anos 1936 e 1939 houbo unha guerra. É dicir, que o noso entrevistado tiña entre 9 e 12 anos. Aínda que en Galicia a situación foi diferente da doutras zonas do país, o certo e que foron anos de penurias e miserias, tanto nos anos do conflito como no que se chamou a época da posguerra. Debido á falta de alimentos e outros produtos estableceuse un sistema cunha cartilla de racionamento, de xeito que só se podía mercar limitadas cantidades cada semana. Esta tremenda situación era algo mellor no mundo rural e nas zonas costeiras, onde a poboación tiñas máis facilidade para producir ou conseguir alimentos da agricultura, gandeiría, pesca, marisqueo, etc.
Cales eran os alimentos máis apreciados, aqueles que ata eran ben recibidos nun agasallo? O aceite, o azucre, as conservas, o café… Todo iso hoxe son produtos normais, pero daquela era produtos de luxo. Nas festas o cocido. Aínda que hoxe é unha comida moi normal, naqueles tempos era propio das celebracións e festas.

Se precisaban atención médica, como facían daquela? Viña o médico á casa. Non había centros médicos e tantos hospitais coma hoxe. Daquela había tuberculose, polio, gripe… A peor a tuberculose.

A Guerra civil española e a Posguerra foron épocas moi duras en España. Aínda que houbo grandes diferenzas dunhas zonas a outras, a falta de alimentos, a miseria, as malas condicións de vida, orixinaban que a poboación estivera máis exposta a todo tipo de enfermidades. A mortalidade infantil era moi alta debido a todas esas circunstancias.

Como se facían as compras de cousas que non había na casa? Na tenda do barrio. Eu escoitaba moito a radio, pero cando compramos a televisión no ano 1965 non saiamos da sala. Ademáis viña xente a vela á nosa casa, veciños, amigos, que aínda non a tiñan e a curiosidade era moita. Foi un aparato que causou moita sensación.

As primeiras emisións de televisión en España tiveron lugar nos anos de 1950. En Galicia comezaron no ano 1961. Nos primeiros anos moi poucas familias podían permitirse o luxo de ter unha televisión. A finais dos anos de 1960 xa había no país máis de tres millóns de aparatos de televisión, aínda que había moitas diferenzas entre as zonas urbanas, onde empezaban a popularizarse, e as zonas rurais, onde eran todavía escasas as vivendas con este novo aparello.

Como se enteraban das noticias, sucesos… doutros lugares? Pola radio e polo xornal Pueblo Gallego.

“El Pueblo Gallego” foi un xornal editado en Vigo entre os anos 1924 e 1979. Na súa primeira etapa tiña unha orientación galeguista e progresista. Tivo como colaboradores a grandes escritores da literatura galega (Antón Vilar Ponte, Ramón Cabanillas, Castelao, Rafael Dieste, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Álvaro Cunqueiro, Valentín Paz-Andrade, e moitos máis). No 1936 foi incautado polas autoridades militares do novo réxime e pasou a integrarse na “Prensa del Movimiento”, un órgano do sistema político franquista. Coa chegada da democracia o xornal pasou aos “Medios de comunicación del Estado” e o 17 de xuño de 1979 editou o seu derradeiro número.

Tivo algunha relación co deporte? Non tiven ningunha, non me interesou nada.

Cales eran as festas populares máis importantes? San Bieito. E o día da Patrona. Celebrábanse con xantares en familia. Inauguramos a Festa do Albariño, a Primeira Edición no ano 1953, na horta da casa cun viño e unha merenda.

A Festa do Albariño é a festa do viño máis antiga de Galicia. A orixe da festa foi un desafío entre amigos para demostrar cal ero o mellor albariño das súas propias colleitas. Esta festa convertiuse cos anos na máis importante da vila, e tamén é un acontecemento moi sinalado entre as festas do verán galego.

-Era doado atopar traballo? Si, pero se gañaban poucos cartos. Traballábase no mar e na conserva.

A actividade da conserva de peixe en envase de lata hermético, iniciouse en Galicia a finais do século XIX cun carácter artesanal. A principios do XX esta actividade pasou a converterse nun sector industrial moi importante co establecemento nas rías galegas de numerosas factorías para fabricación de conservas. Paralelamente, o sector da pesca e o marisqueo tamén experimentou un gran desenvolvemento para proporcionar a materia prima a todas esas conserveiras. En poucos anos Galicia convertiuse na primeria produtora de conservas de España, e unha das máis importantes do mundo.

Cal foi o seu primeiro traballo? Aprendiz de xastre. Logo tamén fun comerciante. Nun comercio de roupa de cabaleiro e expendeduría.

Como eran en xeral as circunstancias deses traballos naqueles tempos? No sector primario as condicións eran duras, eran traballos moi sufridos. No sector terciario había “crédito de libreta”. Case todas as tendas vendían con este método. A xente ás veces non tiña para pagar e entón se lle ía apuntando nunha libreta ata que saldaba a débeda unha vez que traballaba na fábrica ou no mar. Tamén é certo que o comercio tiña moita menos competencia que na actualidade.

Tivo algunha relación coa emigración? Houbo ou hai emigrantes na súa familia ou círculo de amizades? Non, na miña familia non. A miña relación coa emigración estaba precisamente no meu traballo no comercio. Parte dos clientes que tiñamos era xente que viña á tenda a mercar a maleta que empregaban para marchar. Tamén compraban a pouca roupa que levaban.

Cales eran as opinións sobre a emigración naquela época? En xeral boa. Víase como unha oportunidade de gañar cartos, aínda que fora tan lonxe.

A emigración foi (e segue sendo) un fenómeno moi importante para Galicia. Xa desde o século XIX e principios do XX moitos galegos e galegas marcharon para América, na procura de mellores oportunidades das que lle ofrecía a súa propia terra. Arxentina, Cuba, Uruguai, México, foron os principais países que recibiron inmigrantes galegos. A partir de 1950, co progreso e desenvolvemento dos países europeos que sufriran a destrución orixinada pola Segunda Guerra Mundial, novamente moitos mozos e mozas de Galicia buscan o seu futuro lonxe da súa terra. Alemaña, Suiza, Francia, Gran Bretaña… son os destinos preferidos desta emigración galega cara outros países europeos.
- Coñecía a algunha persoa da vila que destacara no mundo da cultura (escritores, pintores, escultores…)? Si, coñecín a Ramón Cabanillas, e tamén a Cuco Leiro.

Ramón Cabanillas Enríquez foi un dos máis descatacados cambadeses, unha das grandes figuras da literatura galega. Naceu en 1876 e comezou estudos eclesiásticos en Santiago de Compostela. Deixou eses estudos e volveu a Cambados onde traballou no seu Concello. En 1910 dicidiu emigrar a Cuba, onde viviu durante cinco anos. Alí publicou as súas primeiras obras: No desterro (1913) e Vento mareiro (1915). De volta a Galicia vaise integrando no galeguismo ata formar parte das Irmandades da Fala, colaborando na publicación A Nosa Terra.
En 1920 ingresou na Real Academia Galega e en 1929 na Real Academia Española.

Faleceu o 9 de novembro de 1959 na súa vila natal. Está enterrado no Panteón de Galegos Ilustres do Convento de San Domingos de Bonaval en Santiago de Compostela.

Cuco Leiro (Francisco Leiro Lois) é un coñecido pintor e escultor natural de Cambados, onde naceu no ano 1957 . As súas esculturas ocupan lugares públicos en diversas localidades (Vigo, Pontevedra, Santiago, Valdemoro, Madrid…) , con ideas contemporáneas e visións innovadoras.
Coñecía ou tiña algunha relación con algún tipo de asociación cultural, musical, social…? Si, era socio da Asociación Cultural, onde iamos aos bailes de sociedade.

Pode contar calquera outra cousa que non apareza aquí e que poida ser interesante para coñecer a vida daqueles anos? Pois, a pesar de vivir anos duros, penso que eramos moito máis felices que a xente de agora e divertiamonos máis.

Só queda agradecer a don Luis a súa amabilidade e paciencia coa autora deste traballo. Aprendín moitas cousas sobre a historia de Cambados que é tamén a historia de Galicia. Penso que é moi importante escoitar máis ás persoas maiores porque son unha fonte de coñecementos e sabiduría.