MANUEL RIAL TIRADO
O LOBO

MANUEL RIAL TIRADO

por Claudia Fernández Rial

IES Francisco Asorey - 4º ESO

Manuel Rial Tirado naceu o catro de abril do ano 1940, na súa casa, no Castriño, (Cambados) que está situada ó lado do pión que hai na zona chamada Campo Verde. É o cuarto de cinco irmáns, sen contar ós dous que lle morreron ó pouco de nacer. O maior chámase Joaquín, estivo moitos anos navegando nun barco mercante, e está casado en Covelo; seguíalle Ramona, que sempre traballou no campo e tiña un hostal chamado Casa Moncha. A terceira era Manuela, dicían dela que era moi guapa, seica se parecía moito a Sofía Loren; casou cun alemán, e marchou a vivir para alá; tamén din dela que ten moito carácter, de pequenos, mandáranlles ir apañar patacas e meu avó fíxoa rabiar de tal maneira, que ela espetoulle un coitelo na fronte. Marina, a loteira era a máis nova, ten a administración de Lotarías e Apostas do Estado en Cambados na Praza de Abastos onde tamén traballou a súa nai, Ramona.

A primeira casa na que viviron era de pedra, co chan de cemento, menos nas habitacións, que eran de madeira; en vez de cociña, tiñan unha pequena lareira de pedra; como non tiñan cuarto de baño dentro da casa, tiñan que ir andando á casa da súa avoa, que vivía na rúa Isabel II, á que chegaban nun par de minutos, ou senón, á casa da súa outra avoa, situada na Praza de Abraldes, no número dous. Estiveron nesa casa ata que el cumpriu dez anos, entón, mudáronse a unha máis nova na rúa de Fefiñáns, onde tiñan cociña de ferro, un baño, tres cuartos e unha pequena sala de estar na entrada.

Almorzaban leite (se a había), ou caldo con pan de millo, xa que o pan de trigo fora racionado despois da guerra e escaseaba, ó igual que o chocolate e moitas cousas máis. O seu pai tiña unha cabuxa, que era de onde sacaban o leite. Non tiveron problema de cartos, os seus avós eran dos máis ricos de Cambados. España vivía unha época de fame. En agosto de 1939 implantárase o racionamento da comida e pronto comprobouse que os alimentos subministrados carecían do valor mínimo nutricional necesario, xa que estaban compostos de forma predominante por garavanzos, patacas, pasta para sopas, bacallau e minimamente por carne, marmelo e chocolate. O déficit de hidratos de carbono e graxas, así como a carencia de vitaminas, calcio e ferro era evidente. O pan, que antes era o alimento base das familias modestas, como xa se indicou anteriormente, converteuse noutro prezado artigo de luxo.

Houbo unha época na que os seus pais tiveron un bar chamado “Bar Sofía” (máis coñecido como “O Pocho”), no barrio Caracol, actualmente está preto da praza de Cambados. Alí traballaba moito a súa irmá Manuela, aínda que ás veces tamén axudaban os outros irmáns, mentres a súa nai traballaba na fábrica de conservas de Peña e o seu pai ía ó mar. A fame en Galicia fixera que ó redor de 1,2 millóns de galegos tiveran que emigrar entre 1860 e 1970, entre esas persoas estaba o pai do meu avó, que viaxou a Arxentina durante un ano na procura de traballo, mais tiveron que mandarlle cartos para a viaxe de volta, xa que gastara todo canto tiña. A mediados do século XIX os galegos optaron por coller as súas maletas cara as Américas. Cos cartos xustos para a pasaxe de barco e coa incerteza de non ter traballo, nin vivenda, ao chegaren ó seu destino, os galegos, tamén canarios, vascos ou cataláns, fundamentalmente, iniciaron o éxodo cara o outro lado do océano. Arxentina, Venezuela e Brasil foron os países elixidos de xeito prioritario.

O meu avó foi á escola ata os dez anos, ó que lle chamaban “O convento” que é unha edificación que está ó carón da Igrexa parroquial de Santa Mariña. Os libros non tiñan que mercalos, prestáballelos a escola para que puideran estudar. Os seus profesores eran don José, Pepito e Antonio Magariños, alí conviviu con algúns dos seus mellores amigos (xa que só ían rapaces) como por exemplo: Santiago Tirado, Castreleiro (chamábanno así porque a súa nai era de Castrelo, unha parroquia de Cambados), Sindo Losada, Peroxo… Case todos os rapaces eran coñecidos polo seu alcume, a el chamábano “o mono”. Isto xorde cando un día un turista díxolle que era “moi mono”, é dicir, guapo, xa que era louro, co pelo rizo e tiña os ollos azuis. Dende ese momento os seus amigos comezaron a chamalo así, aínda que a medida que foi medrando, comezou a ser máis coñecido por “o lobo”, xa que o seu avó era “o tumba lobos”. Na escola non tiñan lapis nin gomas. Escribíase con pizarrín e plumas de tinta. No recreo non tiñan balóns, polo que xogaban ás chapas, a pillar, ó aro, etc. Nunha das paredes das aulas había un encerado pequeno, un crucifixo e un mapa. Para aprender as letras utilizábanse as “raias cartillas” que eran unha especie de cadernos Rubio. Ademais dos escasos libros de texto, estudaban coa Enciclopedia Álvarez. Os nenos aprendían traballos manuais como a carpintería, e as nenas labores do fogar, costura principalmente.

Adoitaba xogar cos seus amigos na praza de Abraldes, ó lado da casa da súa avoa, no barrio de Triana (puxéronlle ese nome porque sempre había moitas leas entre veciñas), xogaban ó fútbol con pelotas feitas por eles con medias ou trapos de teas vellas, senón tamén andaban coas bólas, que mercaban na tenda “Neghosito”, ou á buxaina, ás agochadas... Naquela época case ningunha rúa estaba empedrada (todo era terra, polo que sempre chegaban sucios á casa). A pesar de chegar lixados dos pés á cabeza non se duchaban todos os días e tampouco se cambiaban moito de roupa, polo que adoitaban estar cheos de rela, tanto eles como as súas prendas, aínda que non viñeran de xogar. O costume de ducharse habitualmente non se tiña porque non había auga corrente nas casas. Cando chovía e non podían saír á rúa, cada un xogaba na súa casa sos cos seus xoguetes (se tiñan), xa que nunca invitaban ós amigos ás súas casas. O día da súa comuñón foi practicamente como un día normal. El ía vestido cun pantalón e unha camisa limpa, e para xantar tiña unha ola de caldo para comer cos da súa casa.

Ó deixar a escola, foi traballar ó mar no barco do seu pai con outros compañeiros de oficio (aínda que seguía indo a clase pola noite). Dous anos despois quedou el ó mando do barco, xa que o seu pai fora ó cárcere para cumprir unha condena do seu irmán. Este estaba moi enfermo, e no Rexistro civil tiñan o meso nome, aínda que en realidade, o meu bisavó chamábase Manuel Bernardo, e o seu irmán Bernardo. Mentres, o irmán maior do meu avó facía a mili en Ferrol, Infantería de Marina. Ó principio, o seu pai estaba preso en Cambados, e non tiñan problema para ir visitalo, pero máis tarde, trasladárono a Pontevedra, e como na súa familia ninguén tiña coche (xa que eran moi poucos os afortunados que o tiñan naqueles tempos), a súa nai tiña que coller o coche de liña para ir visitalo, ou se non, non lle quedaba outro remedio que ir andando.

Cando tiñan entre catorce e quince anos xa deixaban atrás as agachadas e a buxaina para ir bailar ás verbenas que organizaba o Concello polas festas: pechaban as prazas e poñían nelas orquestras, para que a xente tivera que pagar e así recadar cartos para as festas de San Roque, San Bieito… Unha das festas nas que mellor o pasaban era a de San Xoán. Para celebrala tiñan que ir coller ó peirao ou á praia a leña vella que traía o mar. Tiñan que carrexala coas mans, porque daquela non había tractores ou remolques para amarralos a un coche, e nin sequera carretas; no peirao prendíana e metíanlle algúns periódicos vellos para facer unha fogueira e poder asar sardiñas.

Cando non había festa ou chovía, ía cos seus amigos ó baile do seguro. Un local que estaba en fronte da escola Magariños onde tocaba unha orquestra que era contratada polo dono do local. Pagaban sobre catro pesetas. Se non, ían ó baile Ghastamáns (era o baile de Fefiñáns). Como non había moitos cartos para saír, o único que bebían era gaseosa, xa que o alcohol ía bastante caro e eles aínda eran mozos e non gañaban para poder gastar tanto en algo que non era imprescindible. Celebraba a festa do Nadal na súa casa, cos seus pais e os seus irmáns; comían e ceaban sos, como un día normal, o único que cambiaba era o menú, xa que tomaban un pouco de marisco que traían eles mesmos do mar. Tamén tiñan da mellor carne e do mellor peixe; en vez de tomar a sobremesa na súa casa, reuníanse cos seus avós, tíos e primos nunha das súas casas (ás veces na dos avós, outras nas dos tíos, ou na súa), alí tomaban café e as larpeiradas tradicionais de Nadal: turrón, polvoróns, figos e uvas pasas… O día de fin de ano, comían as doce uvas das badaladas e brindaban todos xuntos con viño e os máis pequenos con auga. Na noite de Reis (o 6 de xaneiro) regalábanlle unha cousa a cada fillo, adoitaban ser unhas zapatillas, un pixama ou unha bata de andar por casa. Os nenos ían cantando panxoliñas polas portas do barrio, e a xente adoitaba darlle unha ou dúas pesetas.

O entroido era a súa festa preferida, xa que lle encantaba ir vestido con calquera disfrace. A xente disfrazábase cos seus amigos e ían pola rúa cantando rabadallas (cancións antigas que era típicas do Carnaval); actualmente fanse concursos tanto de disfraces como de carrozas, mais antes non facían nada diso. Na súa casa nin sequera comían filloas ou orellas.
Aos vinte anos foi facer a mili en Cádiz, despois tocoulle nas Palmas, e máis tarde na que hoxe é Guinea Ecuatorial. Como era na Armada, foi embarcar a Holanda, e pasou doce anos navegando por todo o mundo: Australia, China, América central, do norte e do sur, a India, Xapón…

Casou coa súa primeira muller Joaquina Sabarís o trece de agosto de 1967, ós 27 anos, na igrexa de San Bieito, e celebrárono no “bar de Luciano”, onde actualmente está o Cruceiro. Asistiron os seus familiares máis achegados (pais e irmáns), comeron peixe sapo, centola e carne asada, e de sobremesa tomaron roscón e biscoito. Antigamente, se querías saír cunha rapaza, tiñas que pedirlle permiso ós seus pais, e ir a buscala sempre á súa casa; el e Joaquina estiveron tres anos de mozos antes de casaren. Ela viña dunha familia normal, naceu na rúa Esperanza, a segunda casa onde viviu o meu avó (xa que eran curmáns afastados); ela era a quinta de dez irmáns (tres homes e sete mulleres), de pequena (sobre os catro ou cinco anos) foi á escola de monxas que estaba ó lado da súa casa, pero uns anos despois foi a “dona Maruja”, era unha escola situada preto da praza de Fefiñáns, onde actualmente está o restaurante “Tío Paco”. Nesta escola aprendían a coser, a pasar o ferro quente e outras tarefas do fogar. Os primeiros meses de casados viviron na casa da súa irmá Moncha ata que remataron a súa propia. Un ano despois tivo a súa primeira filla, Rita, e dous anos máis tarde, a miña nai, Susana. A súa muller Joaquina enfermou gravemente, ata que morreu o 24 de agosto de 1972. O meu avó seguía traballando como mariñeiro pero tivo que volver a Cambados para coidar ás súas fillas. Foi entón cando mercou o seu barco “Mar Branco”, co que ía ó cerco polas rías.

O día catro de xaneiro de 1975 casou coa súa segunda e actual muller, Rosa María Rey (2 de abril de 1954), coa que tivo o seu único fillo Manuel Ángel ós 33 anos, e cun ano máis tivo a súa última filla Silvia. Actualmente vive na casa que fixera cando casara coa súa primeira muller (rúa Sevilla, Fefiñáns). Antes só tiña unha planta, á que había que acceder por unhas escaleiras de pedra que están fora, había unha cociña, un cuarto de baño, tres cuartos de durmir e unha pequena sala de estar. Vinte anos despois de que se construíse, fixeron habitable o soto que tiñan, onde hai unha cociña, un salón e un baño. A cociña que tiñan no segundo andar reformárona para convertela noutro cuarto, pero como o soto é antigo e non está totalmente preparado para ser unha vivenda, ten moita humidade, e ás veces, se no inverno chove moito, pode chegar a entrar auga. Ten unha horta xeitosa, cun asador e un pequeno estanque onde teñen peixes e unha tartaruga; ó lado, como o terreo tamén era del, mandou facer un baixo que está dividido: por unha banda está hoxe a florería do meu tío, e pola outra, a cociña que usa meu avó todos os días (xa que é el o que cociña); enriba do baixo, hai un edificio de tres andares: no primeiro, viven a miña tía máis nova cos seus dous fillos; no segundo, a miña curmá maior que ten trinta anos; e no terceiro, o meu tío. Meu avó vive coa súa muller e a tía desta que ten 85 anos, aínda que ás veces, tamén dorme con eles o meu curmán pequeno de dous anos (un dos que viven no primeiro), xa que a súa nai traballa como mariscadora, e practicamente está sendo criado polo meu avó.

A súa rutina actual é erguerse, almorzar, ver a televisión (encántalle as películas de vaqueiros), facer a comida, e xantar; á tarde está co meu curmán pequeno, e despois vai ó bar a tomar un viño e botar a partida de cartas, máis tarde volve para casa, cea, e deitase a durmir, ás veces co pequeno e outras sen el. Gústalle ler o xornal, e tódalas mañás toma o café no bar estando ó día das noticias máis recentes.

Visítoo tódalas semanas e sempre que vou á súa casa ofréceme chocolate. Pode ser que isto sexa debido á racionamento dos alimentos que el viviu na súa infancia, ou tamén á miña paixón por este doce. É cariñoso cos seus seis netos e defende ante todo ós seus fillos. Todos os seus achegados e amigos non teñen dúbida de que o meu avó é unha persoa que paga a pena coñecer.