MARÍA DOLORES COSTA VIEITES
CHICHA

MARÍA DOLORES COSTA VIEITES

por Diego Luezas Trigo

IES Francisco Asorey - 4º ESO

Imaxina que te atopas no 1945. O 4 de abril daquel ano, nacía miña avoa. Facíao na casa dos seus pais, coa axuda dunha comadroa. Esa era a única maneira que había de dar a luz daquela. Moitos nenos morrían no parto, xa que non dispoñían de hospitais e só podían ser curados por dous médicos: don Joaquín Pomares e don José Padín. Estaban situados nunha casa moi pequena, ao carón da Igrexa Parroquial. Podías ir cando o precisases, era de balde. Iso si, nunca tiñas garantido que te curasen, é máis, moitas veces non sabían nin de que se trataba a enfermidade que tiñas. Cando facías unha ferida, cocíanche herbas nunha ola e botábalas enriba dela para que che aliviara a dor. No caso das vacinas dos nenos, cunha pluma de escribir mollada polo líquido pertencente, rascábanche na pel ata que sangrabas. Cando remataban, poñíanche un imperdible. Isto provocábache unha morea de ronchas e negróns. Nunca sabían o que lle estaban a botar, xa que os médicos nunca cho explicaban, polo que tiñas que fiarte deles. Os nenos estaban desexando que lles receitaran vitaminas de chocolate, xa que non podían comelo case en ningunha ocasión e iso para eles era un manxar.

Chicha, era o alcume co que a coñecían, define a súa infancia como difícil pero feliz. O único que recorda dos seus primeiros sete anos de vida, é que pasaba día si e día tamén xogando cunha boneca de cartón, que se caracterizaba por ter verrugas ao longo do corpo. Ademais, conta rindo, unha tarde, pensando que estaba sucia, introduciuna na bañeira e desfíxose. Fartou a chorar, mais creou unha nova, pero con trapos que encontraba no lixo.

Aos oito anos comezou a ir á escola. Dividían aos rapaces e ás rapazas. No caso dos primeiros, tiñan que ir á Mili durante dous anos de forma obrigatoria. Mandábanche unha carta á casa onde te convidaban a presentarte en Vilagarcía de Arousa nunha data determinada. Alí, farías unhas cantas probas (pesábante, medíante, avaliaban as túas capacidades…). Segundo os resultados que tiveses, elixirías un mellor destino. Non podían saír, agás o día de Nadal. Antes de acudir a esta obriga militar, estudaban no Pósito de pescadores ou no Convento da Igrexa de Cambados (era unha especie de bacharelato). Aprendían grazas aos mestres don Clemencio e don Antonio. A calidade de ensinanza e educación era moito mellor á que recibían as nenas. Pola contra, miña avoa só puido gozar de pouco máis de doce días de saber. Nese ínfimo período, estivo acompañada de Heloína, Virucha, Marisa, Mucha, Pituca ou Pitusa, todas compartían relación veciñal. Elas ían a unha escola situada nunha casa particular na rúa chamada da Alameda Vella, máis tarde converteríase nun bar. Só se dispoñía dunha profesora de Pontevedra, chamada dona Sara, que se encargaba de todas as alumnas do centro. Algunhas non podían ir sempre, non tiñan un horario fixado, ás veces ían pola mañá, pola tarde, ou mesmo non se presentaban, xa que moitas delas eran as encargadas de coidar dos irmáns mentres os pais ían traballar. Porén, tiñan preferencia as que acudían todos os días. Estas, podían sentar nos pupitres, mentres que as que non podían ir sempre, sentaban en bancos vellos. Unha enciclopedia para todas era a única fonte de información e cultura da que podían botar man. Cada páxina contiña un anaco de Xeografía, Historia, Matemáticas e Lingua, pero era imposible aprender algo entre tanta morea de rapazas. O recreo pasábano nunha horta xogando con pelotas, coa herba, facendo diferentes xogos coa terra e, sobre todo, falando. Tamén existía o “silabario”. Aquí, ensinábanlles a ler e escribir. Había tamén unha escola en Fefiñáns. Esta estaba dispoñible de noite, para os que traballaban polo día.

Aquela rapazada case nunca gozaba de tempo libre. Agás nas festas, só os domingos pola tarde se reunían entre eles nunha praza grande que había ao lado do mar para pasar o tempo. Como non tiñan móbiles, coma na actualidade, xogaban a todo tipo de xogos tradicionais. O truquel (tamén coñecido como raiola), que consistía en facer chegar unha pedra á casilla axeitada e despois saltar en diferentes posicións ata completar o percorrido. O máis hábil e preciso convertíase no gañador. Xunto con saltar á corda, eran os seus preferidos e cos que ocupaban a maioría do tempo. Os homes xogaban ás canicas (lanzábanas ao longo dun carreiro e a que chegara máis lonxe, sería a do gañador). As mulleres máis atrevidas tamén o practicaban. Era moi probable que che sangraran as unllas se botabas máis de cinco partidas. Outro xogo era botar os trompos (envolvías o trompo cunha corda e cando daban o sinal, facías que rolara ata a maior distancia posible. Gañaba o trompo que estivese máis lonxe e estivera máis tempo dando voltas. Tamén xogaban a dous dos xogos que aínda conservamos e que sempre provocan a ilusión nos nenos de pouca idade, como son ás casiñas e ás bonecas (neste caso, de trapo). Moitas veces, collían cunchas de ostras, ameixas ou outros bivalvos e simulaban unha cociña de ferro. As algas facían de comida. Por outro lado, xogar ás biardas volvíaos tolos, xa que era bastante arriscado. Consistía en xuntar dous paus como mínimo e atalos cun fío, cunha alga… o que encontraran. Máis tarde, por quendas e nun campo marcado por uns límites, tirarían as biardas e ti tiñas que tratar de esquivalas, se non quedarías eliminado. O que máis resistira, sería quen gañara. Esta quedada con xogos, tiña lugar nos meses de verán, no inverno chovía demais, polo que quedaban na casa ou facían outras actividades ao cuberto.

Nesta época, a etapa da infancia acababa entre os dez e os doce anos. A partir desa idade, xa tiñas que poñerte a traballar, moitas veces axudando aos teus pais. Había diferentes traballos. Un dos máis comúns era ir ós caramuxos (metíaste no mar ata atopar grandes cons con centos de caramuxos que arrancarías e meteríalos nun caldeiro). Isto provocaba dores fortes no lombo, igual que ir á seca apañar ameixas ou berberechos, do que vivían unha boa parte das mulleres. Vender sardiñas nunha patela, por dúas pesetas o quilo, no medio das rúas que concentraban a moita xente, era outro dos máis practicados. Outras, encargábanse da apañar piñas no monte. Despois, traéndoas ao lombo, en sacos pousados entre a cabeza e o pescozo. As fillas dos mariñeiros eran atadoras, mais só se estaban sas. Se padecían bronquite ou asma, serían costureiras, xa que esta enfermidade inhabilitábache para calquera outro traballo. As persoas que a padecían, tiñan que abrir as ventás durante todo o día, incluso pola noite, para así poderen respirar, xa que non dispoñían de bombas de osíxeno ou outros aparellos para combatelas coma os que temos hoxe.

En canto á fala, toda a poboación falaba galego. Non un galego normativo, se non cheo de castelanismos, gheadas e seseos, unha fala totalmente coloquial. Nas viaxes, procuraban falar castelán, aínda que era un reto moi complicado para elas. Se falabas galego en calquera lugar fóra de Galicia, xa fora nun aeroporto, nun hotel, nun bar ou mesmamente para preguntar calquera cousa na rúa, mirábante dun xeito raro e non che daban un mínimo de atención. Sentíanse mal, coma se fosen menos só por falar o idioma que che ensinaron e que che gusta, unha lingua que polo menos hoxe ten os mesmos dereitos que as outras. Seguía habendo moito rexeitamento contra o galego e elas non entendían o porqué.

Coñecíase á xente polos alcumes, a ninguén se lle trataba polo nome oficial. A cada familia chamábaselle dunha maneira diferente, mais non se diferenciaba entre os distintos membros que a compoñían. No barrio de San Tomé, había alcumes moi diferenciados e cada un deles era posto por un motivo. Por exemplo, “Os Marruecos”, porque o pai da familia, chamado Xosé, era de Marrocos. Outro sería “As Laranxas” (apodo da xeración máis vella da miña familia). Este debíase a que as mulleres abundaban e, ademais, eran bastante baixas. Por outro lado estarían “Os Mocolóns” e “Os Mechuchos”. Chamábanlle desta forma, xa que case sempre estábanlle a caer os mocos polo que non tiñan bo aspecto, con pinta de lavarse pouco. Por outra banda estaban “Os Chusquitos” (debido a que un membro dese conxunto familiar carecía dun ollo). A outros coñecíanselle como “Os Callitos”, porque algún que outro compoñente do grupo moitas veces chegaba bébedo. Para “Os Lemeños” e “Os Rianxeiros” non se coñece un motivo concreto, pero o nome dos segundos non ten que ver con que residiran en Rianxo. “Os Peteiros” tiñan fama de falar moito e mal da xente do redor. Non tiñan relación co resto do barrio. Noutra parte, estarían “Os Tortos”. Recibían este alcume a causa do seu físico. A súa estatura era obxecto de chanza entre os maleducados. “Os Ghataghláns”, son a última familia da que temos información. O seu nome débese a que eran os encargados de coller as dornas pequenas, reparalas ou pintalas e volvelas a poñer no mar. Había tres persoas ben diferenciadas entre a multitude. O Lalau; Pilar, A Leirana e O Cachopa, coñecíanse de forma individual. Non existe un porqué, quizais porque tiñan un papel salientábel. O primeiro debíase a que cando mantiñas unha conversa con el, falaba tanto e tan rápido, que apenas podías falar ti. Pilar, era de Leiro, e por iso era chamada “A Leirana”. A última ten o por que no seu carácter (impoñía, provocaba respecto na vila) e sobre todo, porque era moi alta e corpulenta, aparentaba ter unha tremenda forza. A xente tamén era a encargada de poñer os nomes ás rúas, non había coma hoxe os carteis indicadores.

En canto á alimentación, poderiamos dicir que non era moi variada. Normalmente abundaba o peixe (sanmartiño, sardiña e faneca era o que máis se comía). No verán, poñíano a secar ao sol e, despois, gardábano en caropas de follato (da folla do millo). Máis tarde, metíano en caixiñas e así se conservaría para o inverno e non collería mofo. Tamén era moi habitual calquera tipo de conserva, sobre todo os mexillóns. Só comían carne algún domingo, se criaban na casa porco ou ovellas e mataban. Ás veces enviábanlles manteiga e leite en po dende os Estados Unidos, iso era unha festa rachada. Para beber só había auga do pozo, podías acompañala cunhas pingas de limón no tempo deles. Tamén, a gasosa, que era o refresco máis prezado, mais dende que un día dixeron que non lle facía ben ao fígado, deixou de consumirse. Así mesmo, este refresco con colorante sempre se bebía durante o Nadal ou en ocasións verdadeiramente especiais, coma un casamento ou un aniversario.

Nas reunións familiares, xuntábanse os nove irmáns coas súas parellas e os fillos e fillas destes. Saía unha media de cinco por cabeza, polo que agrupábanse ata un total de corenta e cinco persoas no domicilio que cadrara. Nestes xantares, o máis frecuente era comer “chulas de colondro” (eran coma melóns, pero moito máis longos. A súa cor, era unha mestura entre amarelo e verde) ou “papas de colondro” (patacas fritidas). A súa forma de xantar era moi diferente á actual, comían coas pernas abertas e o prato no chan. Ademais, só había unha tenda, un ultramarinos por parroquia. Alí vendían dende roupa ata comida, pasando por calquera ferramenta. A vestimenta era a tradicional; a diario, as mulleres levaban moitas veces pano á cabeza, vestidos longos que lles tapaban os nocellos, abrigos grosos e botas moi grandes que lles cubrían a metade da perna. En cambio, os homes vestían con xerseis, camisas, pantalóns e zapato ou bota de coiro. Cando estaban convidados a un evento especial, poñíanse traxes e os zapatos máis novos e limpos. Tamén usaban peleles (os calzóns que había antes), os cales tiñas que introducir polas pernas e todo cubrían todo subindo ao longo da cintura; o máis importante é que o traseiro, quedaba ao descuberto. Como podedes sospeitar, había unha gran necesidade de comprar roupa. Os que levaban pantalóns rotos, eran obxectivo dos insultos, polo que sempre acababan nas costureiras para botarlles uns remendos. Hoxe, levalos está na moda, quen llo ía dicir a aquela xente.

Moitas veces, parte da familia emigraba a países onde había unha mellor economía. Arxentina era un dos máis habituais. No caso da miña avoa, emigraron a dito país dúas das súas tías que xa estaban alá. Os bicos e as apertas que se daban antes de subir ao barco, case sempre eran os derradeiros, e sabíano. Eran inevitables aquelas bágoas de tristeza pola face mentres movían aqueles panos de cor branca no aire. Isto último era costume facelo cada vez que marchaba alguén. O único beneficio que obtiñan desas duras emigracións, era que de cando en vez mandábanlles sacos cheos de roupa. Avisábanos e tiñan que ir camiñando a buscalas á estación do tren de Vilagarcía de Arousa. Despois tiñan que volver con eles na testa, polo que chegaban coa lingua fóra e tremendamente cansas. Non puxen este último adxectivo en feminino por equivocación, non. Elas eran as encargadas de facer este pesado labor. Esa roupa combinábana da maneira que crían máis axeitada, facendo uns conxuntos. Máis tarde, repartiríase ao azar. A roupa poñíase nunha cama e un voluntario poñíase de lombo diante dela. Tapábanlle os ollos e cando dicían o nome dun membro da familia, el sinalaba o montón de roupa que lle pertencía. E así sucesivamente ata repartir toda a indumentaria. Usaban azucre mollado para o cabelo facendo de gomina e amidón para darlle voo ós vestidos.

De que estaba composta unha vivenda? A resposta é moi sinxela! No exterior dun fogar, víase unha porta con dous ou tres balcóns pequenos. No interior, había tres cuartos bastante pequenos como moito, cunha cama cada un. Como eran familias moi numerosas, durmían dous, tres, ou inclusive catro irmáns nunha. O colchón dos leitos estaba feito de follato, de folla de millo. Nas cuartos tamén había varios andeis para pousar a roupa dobrada. Nin mesa de estudo ou mesiña de noite, nin televisión, nin roupeiro, nada máis. Por outro lado, dispoñían dunha cociña. Aquí, había unha mesa desmontable. Mantíñase pendurada á parede boa parte do día, montábase para almorzar, xantar e cear. A cociña era de ferro. Tamén había un estante de barro cunha radio, ou nalgúns casos, nin iso. Noutro lado da casa, tiñan unha sala non moi grande, cunha mesa máis luxosa con cadeiras rodeándoa. Na maioría usábanas durante as distintas celebracións do Nadal e para as comidas familiares. Nas casas que había mariñeiros, tiñan o seu uso en facer as contas co diñeiro que gañaban. Na parte traseira tiñan unha hortiña. Alí criaban o porco, algunha galiña e botaban patacas. Para eles non había baño, se non que era “a cañeira”. Lavábanse quentando olas de auga e botándoas nunha bañadeira de cinc algo grandeira. Ademais, non utilizaban papel, limpábanse mediante follas de verdura, ou co que houbera. O primeiro aseo que se fixo en Cambados foi no lugar do Brexo. Moita xente empezou a asistir a el, como curiosidade.

A relixión era obrigatoria e inculcábase na vida cotiá. Se querías saír, aos domingos polo serán, dar unha volta, ir ó cine ou facer calquera outra actividade, tiñas que ir á misa pola mañá. Se non, ías pola tarde da man dos teus pais. O cinema distinguía entre dúas clases: “xeral” (primeira planta) e “butaca”. A primeira era moito máis barata, debido a que os asentos eran de pedra e a calidade de imaxe era inferior. Na segunda, dispoñías dunha pantalla grande, a sala estaba máis limpa e coidada, os asentos eran máis cómodos xa que se forraran con pel de cor vermella e a calidade de imaxe destacaba de forma notable.

Non se practicaban deportes de forma oficial, lóxico sabendo a situación económica na que se atopaban. Utilizaban unha bicicleta para cada cinco, cada día gardábao unha nena ou neno na súa casa. Tamén, os nenos aproveitaban cada alameda ou beirarrúa na que non pasaran coches para botar un partido de fútbol. Xogaban cun balón de trapo. Mentres, elas animábanos. Para moitas mulleres, a súa actividade favorita era ir ao baile, mais iso estaba mal visto polos pais, xa que non lles gustaba que pasaran tempo con homes. Entón, normalmente mentíanlles dicíndolles, por exemplo, que ían ao cine. Mandábanche estar a unha hora na casa e ao chegar facíanche preguntas de todo tipo. Así que, saías correndo do baile para chegar á saída do cinema e preguntar a calquera que vira a película que dixeras na casa que ías ver e, o que che contaran, sería o que responderías na casa. Inxustamente, existía o machismo, aínda máis ca hoxe. Vixiaban ás mulleres de forma continua, sen motivo, pero os homes eran totalmente libres, nunca con ollos nos seus actos. Outra proba da existencia deste horrible comportamento, é que, os homes podían saír no Aninovo e elas tiñan que agardar na casa. Traballos como ir apañar leña, ou piñas, ao fondo do monte tamén eran destinados ás mulleres, sen lles importar que os homes teñen máis forza por natureza. Tamén, tiñan que ir ao río a lavar a roupa, e remataba por sangrárenlle os dedos. Na túa propia familia non te deixaban arranxarte, poñer unha saia un pouco menos longa ou un vestido demasiado curto, nin sequera poñer uns pendentes ou pintar os beizos (agochaban o pinta beizos dos pais, se non podían chegar a castigalas, e incluso, pegarlles). Por desgraza, acababan acostumándose, e xa nin protestaban. Pero iso non é todo, na anterior xeración á da miña avoa, as mulleres non podían nin saíren soas da casa.
Agora falemos dos animais. Neses anos, os máis abundantes eran os porcos, os gatos, os cans e, por riba dos anteriores, as galiñas. Todo o mundo as tiña e, curiosamente, deixábaas pola rúa durante o día. Para diferencialas e saber cal era de cal, collían un anaco de tea cunha cor concreta e atábanllo nas patas. Así, pola noite, recollíanas e volvíanas levar á casa sen perder a ningunha. Convivían coa xente, ao igual que o resto de animais, incluíndo os porcos.

A tecnoloxía non formaba parte da vida daquelas persoas. Nalgunhas casas, usaban unha radio como trebello informativo. Tamén a usaban para escoitaren música. Só dispoñían de dúas emisoras como máximo; as máis baratas tiñan só unha. Antes de que este aparato se puxera á venda, unicamente había unha nun bar. Chamábanlle “A Gran Parada” e a súa dependenta recibía o nome de Evangelina. Os homes podían acudir e escoitala. No caso das mulleres estaba prohibido de forma rotunda. Inxusto, si, moi inxusto, pero naquela época, por desgraza, non podías facer nada para remediar estas decisión que tomaban os homes sobre as mulleres. Chegou máis tarde pero o único outro aparello tecnolóxico do que dispoñían, era a televisión. Nesta, soamente podías ver unha canle “A unha”, e anos máis tarde “A dúas”. Ao principio non se atopaban nas tendas ou bares de Galicia, polo que non sabían da súa existencia. Máis tarde, instalaríanse dúas ou tres nos mellores bares da comarca do Salnés. Ían a Pontevedra algún domingo, máis ben poucos, para vela e así pasar o día de descanso. Encantáballes ir a esta cidade, é máis, afirma a miña avoa que para elas era como ir a Madrid. Hoxe en día isto pareceríanos sen sentido algún. A primeira televisión que tivo miña avoa foi cando casou. Debíase a un agasallo do casamento. Ademais, recorda que a primeira vez que a viu foi no ano no que Karina representou a España no festival de Eurovisión.

Os transportes cos que contaban podían facelo cos dedos dunha man, e aínda sobraba algún. As familias que tiñan os suficientes cartos para compralo que eran poucas, dispoñían de coche. Había dous autobuses que pasaban cada tres ou catro horas aproximadamente. Unha viaxe nel, era barata. Tamén dispoñían de dous taxis. Estes só eran usados polos máis ricos, pois o custe era excesivo. Aos condutores chamábanos Emilucho e Ghomersindo. Outro transporte que podían utilizar, eran os trens, mais o feito de ter que ir camiñando ata Vilagarcía de Arousa, facía que a maioría da xente do barrio non o usase, só en situacións urxentes. No porto había decenas e decenas de barcos, que pertencían aos mariñeiros. Usábanos, ademais de para traballar, para saír pola fin de semana co resto da familia a descubrir novo mundo, novos lugares, novos paraísos. En Vigo e A Coruña, xa existían os aeroportos de Peinador e Alvedro, aínda moi novos, pero ninguén quería voar en avión. Era o maior pánico da maioría da xente. Por primeira vez e despois de pensalo moito, aos trinta e seis e trinta e oito anos, os meus avós decidiron viaxar nel. O respecto á Garda Civil era extremo. Aínda que non incumpriras ningunha norma, cando pasaban polo teu lado, poñíante nervioso e, ás veces, botábanse a tremer.
Os peores momentos que recorda ‘Chicha’ ata a actualidade, eran aqueles días de chuvia continuada, temporais que te movían do sitio e unhas tremendas treboadas. O motivo? A súa familia dedicábase a traballar no mar, e eses días tardaban moitísimo en volver, a causa, en parte, a que os barcos e dornas eran de vela. A angustia que sentían era brutal. Non sabían o que lles estaba a pasar aos seus, existía a incerteza. Preguntaban aos barcos que chegaban antes por si sabían algo deles, se os viran no mar. Predominaba a resposta “non”. Só lles quedaba agardar. Cando os vían vir ao lonxe e entraren no porto, sentían unha incrible alegría. Non era para menos.

Pola contra, os seus momentos máis felices tiñan lugar durante as dúas semanas de Nadal. Parte da familia que vivía fóra, ía pasar estes días especiais á súa casa. Estas festas eran as máis esperadas, pasaban todo o ano pensando nelas. Había comida dabondo, unha fartura, non como a diario. Comían años con patacas, marisco, abundaban os doces… e bebían refrescos de laranxa e cola, viño, anís e sidra. Tamén cantaban entre todos e algunhas ata bailaban coa axuda das pandeiretas e das maracas. Quedaban espertos ata as catro da mañá. Polas noites, acompañadas das amigas, vestíanse co traxe tradicional de Galicia. Unhas ían cantando diferentes panxoliñas e outras poñían o ritmo a través de distintos instrumentos pasando por cada casa de cada rúa. Ao final dicían a frase: “Déanos aguinaldos se nos quere dar, que somos de lonxe e queremos marchar”. Recibían moreas de caramelos, améndoas, anaquiños de turrón e uvas pasas. Os máis xenerosos tamén lles daban cartos. Os gaiteiros nunca faltaban.

A Semana Santa celebrábase igual ca hoxe, pero de forma aínda máis beata. Era obrigatorio facer unha serie de ritos relixiosos. No caso das mulleres, levaban un velo na cabeza, todas as noites, e tiñan que acudir a dúas procesións como mínimo de forma obrigatoria. Por outra parte, os homes tiñan que ir á procesión da tarde do Venres Santo. Durante estas festas, as mulleres aproveitaban para conquistar ós homes. O domingo pola noite, dábanlle unha vela acendida ao mozo que lles gustaba. Esta tradición provocaba unha vergoña terrible nas mulleres, mais os homes medraban. Despois deste ritual, moitos deles acababan formando parellas e tendo fillos. Tamén había outra forma de expresar o amor. Os rapaces tirábanlle reboleiros ás rapazas que lles atraían para meterse con elas. Estas situacións non sempre acababan da mellor maneira. O mércores previo era o día doutra destas antigas tradicións. Había unhas carreiras de remos. Eles chamábanlle “traíñas”. Estas regatas eran só para as rapazas que estivesen entre os dez e catorce anos de idade. Había tres premios. A primeira clasificada sería a raíña das festas e encabezaría cada unha das procesións cunha coroa de ouro na cabeza. As que quedasen en segunda e terceira posición, eran nomeadas Damas de Honra da Semana Santa e eran recompensadas cun ramo de flores para cada unha.

O entroido tamén entraría entre as festas que máis se celebraban. En cada casa, facían doces típicos desta celebración, tales como as filloas, as orellas, as flores, os brazos de xitano ou as roscas. Esta tradición aínda a conservamos na actualidade. Polos seráns poñían vestidos con máscaras e diferentes pezas de roupa vella (gorras, boinas, bastóns, pantalóns frouxos, traxes dos pais, fundas de traballo gastadas, gafas rotas ou de sol…), todo era material obtido na casa, non se compraba ningún disfrace. Cando xa estaban preparados, ían polas tendas finxindo a voz, asustando, sorprendendo ós dependentes, poñendo faces estrañas… ás veces recibían figos, ou noces, a cambio. Había rapaces que non tomaban os sustos con humor e tirábanche pedras, elas tiñan que escapar deles.

Hoxe en día o magosto e o samaín son celebradas con entusiasmo e pónselle dedicación. En cambio, naquela época estas festas non xeraban tanta influenza na xente, unicamente na alimentación. Asaban castañas na casa durante o magosto e comían cabazas no samaín. O que si que era máis importante que na vida actual, era o día de San Xoán. Facían un “ritual de meigas fóra”; que consistía en coller menta, margaridas, fiúncho, chuchamel… e ao solpor deixalo fóra da casa nunha bañeira con auga. Á mañá do día seguinte lavaban a cara con esta auga de herbas e flores. Tamén, en cada casa se facía unha fogueira onde queimaban cousas vellas, mobiliario, espantallos ou bonecos en desuso. Había outra festa que celebraban de forma importante e lles parecía divertidísima. Era a do “Día da Pastora”. Dende a mañá, chegaban carros de bois dende San Adrián cheos de sandías, melóns, empanadas, pan ou rosquillas. Como non dispoñían de cartos, ás veces roubábanos. Para facelo, mentres uns enrollaban ao dependente facéndolle preguntas ou dicíndolle que unha sandía ou melón estaba en mal estado, os outros metíanas nun saco coidadosamente. Máis tarde, íana comer ao final deste pequeno monte.

Daquela non existía o Día das Letras Galegas. Os principais escritores coñecidos eran Ramón Cabanillas e Camilo Jose Cela, mais non coñecían nin leran ningunha das súas obras. Non sabían o que significaba a Literatura.

A figura do Rato Pérez non tiña uso, xa que cando che caía un dente non che deixaban nada na almofada, e iso que dicían antes de durmir: “Toma este dente podre e dáme outro san”. Non eran recompensadas debido á situación económica na que se atopaban as familias neses momentos.

Ademais do xa explicado machismo, tamén tiña lugar a escravitude do traballo, aínda que comezaba a desaparecer. En cambio, o racismo ía en aumento. Aquí, case non residía ninguén doutra nacionalidade, mais cando viña un, xa fose de pel máis escura, chino, xaponés, suramericano…, tirábano a patadas ou facían que marchase a base de pedradas.

Os principais barrios de Cambados, San Tomé e Fefiñáns, non tiñan boa relación entre eles. Poucas veces existía unha relación de cordialidade, máis ben, reinaba o conflito entre veciñanza.
As tres principais afeccións da miña avoa eran o teatro, a música e a lectura, mais aquela rapazada non tiña a posibilidade de practicar ningunha formalmente, nin sequera como actividade social. Ás veces, representaban algunha obra na parte superior traseira da Igrexa Parroquial. En canto á música, poderiamos dicir que lle gustaba moito cantar, xa fora nas festas, na casa como afeccionada ou mesmamente na ducha. Os seus cantantes favoritos eran o Dúo Dinámico, ou logo ABBA. Desta última, recorda cun sorriso o seu tema máis representativo, o xa mítico ‘Chiquitita’, que lembra que lle gustou durante cada etapa da súa vida, e que nin agora fártase de escoitala. Ler era algo complicado para ela, debido a que, como xa dixemos, acudiu tan só doce días a escola, mais encantáballe, sobre todo, “As aventuras de Tin Tin”, que trataba principalmente sobre a investigación.

O mal de ollo acaparaba moitos dos seus pensamentos e crenzas. Ían ata Lugo ou Ourense para que lles botaran as cartas uns especialistas. Facíanlle caso a todo o que lles dicían e cando lles pasaba algo malo crían que lles estaba a pasar por culpa deste motivo.

Referido á política, pódovos afirmar que, cando era xa adulta, só había dous partidos con opción de gobernar, que se conservan na actualidade (PP e PSOE), que buscaban dirixir o Goberno Nacional. Ademais, as mulleres xa podían votar, o tempo franquista desaparecera había moi pouco.

Para rematar, o máis sorprendente do que ocorreu naquela época: a morte; os enterros. Cando falecía un familiar, metíalo a velar, coa caixa, no salón máis luxoso da casa (non existía o tanatorio) e vestíase de loito toda a familia. Terían que botar así, de roupa negra, dous anos como mínimo. Pero que morrera alguén, para moita xente, era motivo de festa, de celebración. Dicían que así o morto estaría orgulloso deles; enchían a barriga como podían, comían bacallau con patacas, pasteis, galletas e bebían xerez ou augardente.

Guerreira, con este adxectivo deberíase recordar á miña avoa.