MARÍA NÚÑEZ CORES
MARUCHA

MARÍA NÚÑEZ CORES

por Elvira Rial Trigo

IES Francisco Asorey - 4º ESO

A miña avoa chámase María Nuñez Cores aínda que todo o mundo a coñece por “Marucha”. Naceu o 14 de xullo do ano mil novecentos corenta e dous na casa da súa avoa Peregrina, situada no barrio de Triana, en Fefiñáns. Seus pais chamábanse Josefina Cores Galiñanes e José Núñez Barros. Tiña oito irmáns: Pepe, Eugenio, Toño, Manuel, Jaime, Juan Carlos (morreu afogado nun pozo cando tiña un ano e medio), Eva (que actualmente vive con ela xa que ten a síndrome de Down e seus pais antes de morrer deixárona a ela como titora legal) e Estela.

Despois dun par de meses ela e mais seus pais foron a vivir á rúa Isabel II, na que estiveron moi pouco tempo. Xa de forma definitiva mudáronse á rúa do Hospital onde vive aínda a día de hoxe. Súa nai tiña unha taberna e seu pai fundou unha empresa de transportes, debido a isto a miña familia encárgase cada ano de celebrar a festa de San Cristovo (patrón dos condutores) xa que a primeira vez que se celebrou esta festa en Cambados, o santo era do meu bisavó e dende esa sempre a organizaba el ata que morreu o día que se celebraba a procesión, cando o vehículo no que ía caeu ao mar no ano dous mil seis.

Ó principio a empresa encargábase de levar a xente e mercadoría a vender a Santiago de Compostela. Tempo despois a empresa foi medrando e separáronse a parte de transporte de persoas e a parte de transporte de mercadorías. Compre destacar que esta empresa foi a primeira en poñer na Illa de Arousa unha liña de transporte regular arredor do ano mil novecentos oitenta e un, cando aínda non había ponte. Para poder chegar a Illa cargaron dous autobuses nunha gran barca e cando chegaron á Illa formouse unha gran festa.

A primeira escola á que foi miña aboa foi a de Peregrina Magán, situada en Fefiñáns, á idade de catro anos. Nesta escola fixo amigas para toda a súa vida como Juana e Francisca Arenaz. Un par de anos despois deixou esa escola e foi á de Viritas e despois á de dona Pepita Magariños. Despois de varios anos ela e algúns dos seus irmáns (outros aínda non naceran xa que hai moita diferencia de idade pois a miña avoa tiña 22 anos cando naceu a súa irmá pequena Estela) foron estudar á escola nacional de dona Elena Panadero onde estivo ata os dez anos, unha vez cumpridos foi a un internado chamado A Compañía de María mais coñecida como “A Enseñanza” en Santiago de Compostela no que estivo interna, vindo á casa a Cambados so algunhas fins de semana, no Nadal, en Semana santa e no verán. No internado levantábase ás sete da mañá para facer a cama e ir á misa, despois duchábase e ía almorzar. Logo tiñan as clases e ó finalizar ían comer. Antes de entrar ó comedor as rapazas internas tiñan que rezar o ánxelus. Xa no comedor, cada día unha nena diferente lía un conto durante quince minutos e despois xa podían falar. Ten moi bo recordo do internado xa que as monxas eran bastante liberais e fixo moitas amigas. Estivo alí ata os 19 anos. Unha vez rematada a ensinanza no internado estudou maxisterio. Bastante despois de graduarse, no ano mil novecentos setenta e tres ela mais a súa cuñada María Aleida abriron unha escola chamada “El parvulito” no baixo da casa da súa nai. Varios anos mais tarde construíron un edificio na rúa Albariño e pasárona para alí. No ano mil novecentos oitenta e tres deixou de ser mestra para fundar xunto ó seu marido, meu avó, unha empresa na que hoxe traballan case todos os seus fillos.

Marucha recorda como un dos días mais felices da súa vida o día 14 de xullo do ano mil novecentos sesenta e oito porque ademais de ser o seu aniversario foi o día que casou. Estivo 8 anos sendo moza de Jesús Trigo Durán, o meu avó. Casaron un domingo pola tarde, xa que daquela traballábase tódolos días incluíndo o domingo pola mañá, na igrexa parroquial de Santa Mariña Dozo. Recorda con moito cariño a anécdota do ramo. En aqueles tempos non había florerías en Cambados polo que tivo que ir comprar o ramo a Pontevedra, para que o ramo chegase en bo estado o día da voda, na florería dixéronlle que o debía meter nun lugar fresco e escuro polo que o gardou no armario do corredor. Debido ós nervios e á presa que tiña porque chegaba tarde saíu da casa sen o ramo e non se deu conta ata chegar á igrexa para arranxalo mandou a súa prima Tesa a casa na procura do ramo. O convite foi no restaurante Casa Rosita . Como manda a tradición despois de toda voda ven a viaxe de noivos, en aquela época non se facían superviaxes ó Caribe coma hoxe en día se non que eran viaxes a lugares mais preto se tiñas a sorte de poder permitirte facela viaxe. Os meus avós pasaron a primeira noite en Santiago no hotel Peregrino e ó día seguinte marcharon nun Seat 600 alugado co meu avó como condutor co carné de conducir recen sacado cara Salamanca para despois facer unha ruta pola metade sur de España pasando por Cáceres, Mérida e Andalucía, na que para chegar dende Mérida hai que pasar por Despeñaperros (unha estrada daquela bastante perigosa) lugar do que non ten moi bo recordo polo medo que pasou pero aínda así recoñece que ten unha paisaxe preciosa. Á primeira cidade andaluza que foron foi Huelva para despois ir por varios pobos andaluces visitando aos clientes do meu avó. Acabaron a súa lúa de mel en Toledo. Recorda chegar a casa ás seis e media da tarde con moita fame xa que non pararan a comer e encontrarse cun prato de fanecas cocidas feitas por súa nai, a comida que ela mais odiaba.

Tiveron cinco fillos, a primeira foi unha nena chamada María Jesús Trigo Núñez que naceu o 20 de xullo do ano mil novecentos sesenta e nove; o segundo foi un neno ó que chamaron Juan Carlos e naceu o día 21 de setembro do ano mil novecentos setenta; despois veu Myriam que naceu o 31 de agosto do ano mil novecentos setenta e dous, a seguinte foi Silvia que naceu o 17 de maio do ano mil novecentos setenta e cinco, recorda que ese día houbo unha revolución das mariscadoras no Serrido, e a ultima foi Carolina que naceu o 15 de xullo de mil novecentos oitenta. Todos foron moi bos fillos aínda que Carlos e Silvia un pouco trastes, mais Carlos xa que non estudaba. No ano mil novecentos oitenta e dous ela e o seu marido fundaron unha empresa chamada “Choiva” que se dedica a confeccionar roupa laboral sobre todo para a choiva e o frío. Nesta empresa traballan actualmente catro dos seus fillos e un dos seus netos. Un dos días mais tristes da súa vida foi 6 de xaneiro do ano dous mil un, o día que morreu o seu marido. Morreu nun accidente de coche cando ía ao hospital de Pontevedra a visitar a un amigo que estaba enfermo. Esta é a historia da súa vida.

Agora vouvos contar aspectos mais concretos como a que xogaba, que facía cando era moza para divertirse ou cal foi a súa primeira viaxe. A súa primeira viaxe foi a Portugal cando tiña catro anos, algo bastante raro xa que antes os nenos non adoitaban viaxar con tan poucos anos. Foi cos seus pais e dous dos seus irmáns (os únicos vivos nese momento) porque seu pai tiña que levar un dos camións da súa empresa a arranxar. Estiveron en Portugal tres días e medio, o primeiro día levaron o camión arranxar e aproveitaron para facer un pouco de turismo en Fátima. Esa noite pasárona nun hotel, nun cuarto seus pais, e ela e os seus irmáns noutro. No dela había dúas chaves unha para prender a luz e outra para chamar á camareira, recorda que intentaron acender a luz dándolle á chave que chamaba a camareira e ó ver que en vez de acender a luz viña a camareira, co atravesados que eran, pasaron toda a noite premendo na chave da camareira. Os dous días seguintes pasáronos en Vila do Conde e á volta pararon a comer na Fortaleza de Valença do Minho, onde a súa nai fixo algunhas compras, entre elas unha pequena boneca de trapo que aínda conserva.

Algún xogo ao que ela xogaba aínda é frecuente agora, como as agachadas ou a corda, mais algúns deses xogos xa case desapareceron. Miña avoa recorda xogar ás bólas cos seus irmáns na cociña de terra que se atopaba na taberna que tiñan seus pais. Tamén xogaban á billarda... Un dos seus xogos preferido era un chamado “aloreja”. O xogo consistía en que un xogador sentaba diante dos demais e pensaba non nome, o resto de xogadores ían dicindo nomes ata que un o adiviñaba, entón o xogador que pensara o nome dicía “aloreja!” e o xogador que o adiviñara saía correndo cunha correa para pegarlle ó resto. Tamén lle gustaba moito xogar á pedra libre, ao que se xogaba da seguinte maneira: un xogador, ou xogadora, sentaba no cruceiro e dando golpes cunha pedra no chan contaba ata 50 e ao rematar tiña que atopar ó resto de xogadores que estaban agochados. É algo raro pero miña aboa non recorda xogar nunca a buxaina, seica era cousa de nenos...

Naquela época os rapaces e as rapazas non saían tanto coma saimos agora. Antes saían os domingos ata as dez da noite en inverno e ata as once no verán se había algunha festa. Todo iso coa idade de dezaoito anos, agora iso é impensable. Marucha recorda que cando había festa en Santo Adrián tiñan que ir andando ata alá e que como tiñan que estar ás dez na casa, moitas veces xa nin sequera ían xa que non lles compensaba andar tanto para estar na festa unha hora e ter que volver. Por sorte para a miña avoa as cousas cambiaron cando o seu irmán Pepe, que era mais pequeno ca ela, sacou o carné de conducir (xa que ela por ser muller non o puido sacar mentres vivía cos seus pais porque non lle deixaron, sacouno en mil novecentos setenta e dous á idade de 30 anos), ela aproveitábase do seu irmán para que a levase a ela e mais ás súas amigas as festas que había fóra de Cambados e que as trouxese de volta e poder chegar á casa a tempo. Outra vantaxe era que como o seu irmán era un home, e ía con ela os seus pais deixábana saír ata mais tarde. En aqueles tempos non había discotecas, nin pubs, polo que a única maneira de poder bailar e escoitar música era indo ás verbenas.