MARÍA PILAR PINTOS COSTA
MARÍA PILAR

MARÍA PILAR PINTOS COSTA

por Alba Oubiña Búa

IES Francisco Asorey - 4º ESO

Miña avoa chámase María Pilar Pintos Costa, filla de María Carme Costa e Cándido Pintos Piñeiro. Naceu o trece de setembro de 1943 na súa casa, xa naqueles tempos era cotiá que as mulleres deran a luz nos seus fogares.

Naceu xusto despois da guerra e nese momento a maioría da poboación tiña poucos recursos e escaseaban os alimentos, aínda pervivía o uso da “cartilla de racionamento”, polo tanto cada un escribía nunha libreta o que levaba e a garda civil controlaba a cantidade permitida. Ela era moi pequena pero contábano na súa casa porque nela atopábase unha das poucas tabernas da vila e ía a garda civil que controlaba o que se vendía. Aínda estaba moi presente todo o que acontecera durante a guerra.

A pesar desas necesidades a xente conformábase con pouco e gozaba do que tiña. Ademais case todo o que se comía era da casa ou de merca de proximidade.

Tiña tres irmáns maiores: Parisina, Carme e José Antonio. Como eran bastantes na casa e tiñan moito traballo, había unha muller que lavaba a roupa da familia porque non había lavadoras, polo tanto facíao nun pilón que tiñan nunha horta da casa ou no lavadoiro público. Toda a xente da vila lavaba a roupa no lavadoiro que había en San Tomé, aínda segue estando alí e algunhas maiores maiores seguen indo a lavar a roupa nel. Ó lado tamén permanece unha fonte na que a xente ía buscar auga en caldeiros e botellas, hai uns anos a auga converteuse en non potable. Eu de pequena ía xogar ó parque do lado e os meus amigos máis eu iamos alí beber cando tiñamos sede. Había moi poucas casas que tivesen un pilón para eles sós. Nun principio poucas casas tiñan aseos, a partir dos anos de 1960 xa empezaron a ser máis frecuentes, pero nas aldeas non había baños nas casas, moitos tiñan latrinas fóra das vivendas.

Á casa da miña avoa viña unha costureira a facer a roupa e a remendala porque non había grandes almacéns, unha desas costureiras aínda está viva, chámase Pepita. Miña bisavoa dicía que ás veces viñan a pedir a roupa usada e dábanlla porque había que axudar aos que menos tiñan. Cando ela era pequena, antes de ter televisión, escoitábase moito a radio coas noticias e as novelas, aínda que a radio emitía en castelán. Tamén estaba o cine, en castelán tamén, pero case sempre botaban películas relacionadas coas ideas do réxime de Franco ou de vaqueiros.

A maioría da xente tiña moi pouca roupa, unha para diario e outra para as festas, cando a tiñan, e ía descalza e se tiñan uns zapatos lucíanos nun día especial. A roupa e o calzado pasaba duns irmáns a outros, o mesmo pasaba entre irmás, e moitas veces herdábana chea de remendos.

Miña avoa foi a unha escola de monxas con sete anos, que estaba na Praza de Fefiñáns, ían só nenas e algunhas das súas compañeiras eran orfas. Ela estudaba pola mañá e pola tarde, dende as nove ata as sete da tarde; tiña tres recreos onde xogaba ó partido matado, pés quedos, ás gomas, saltaba á comba, xogaba ás canicas, ó fútbol, ó trúquel… O que máis lle gustaba era o xogo das gomas. Ela estivo ata os 12 anos nesa escola.

Vivía e vive aínda en San Tomé. Por aquel entón non existían os coches, e ela ía andando ó colexio, mais na casa tiñan cabalo e carriño que lle servían para ir buscar a mercaduría a Vilagarcía, á estación do tren en ocasións. Nas escolas antes había clase de bordado para as nenas (xa vedes que educaban ós nenos e ás nenas de forma diferente), e era obrigatorio falar en castelán, por suposto tamén había recreo. As materias que máis lle gustaban era a ximnasia e bordar. Tamén lle gustaba moito ler por iso se prestaban libros uns aos outros porque nese momento había poucos e eran caros para as familias nas que había poucos cartos.

Nesa época os nenos tiñan poucos agasallos e poucos xoguetes, e todos lembran de por vida o momento en que no Nadal recibiron algún boneco ou boneca porque eran casos excepcionais. Eran de madeira, de trapo…

Na casa almorzaba leite, pan caseiro con aceite de oliva, marmelada ou incluso bocadillos feitos coa tona do leite que sacaban da vaca que tiñan na casa. Como eran labregos non faltaban os alimentos da terra e ademais de seren comidos na casa, tamén os vendían no ultramarinos. A bicicleta compráronlla aos once anos (daquela case ningunha nena ou neno tiña bicicleta) e partir dese día, ía e viña da escola nela, ademais cando viña á hora de comer ela sempre collía a comida na casa e ía nela ata Ribadumia e a Uso da Torre a levarlle a comida ós seus pais e ós xornaleiros que traballaban as leiras, xa que non había máquinas, só as mans. Pero a bicicleta tamén lle xogou malas pasadas, un día ía levarlle de comer ós xornaleiros e de súpeto un home berroulle advertíndoa dalgún perigo, e veu vir un carro con bois desbocados que lle fuxiran a un señor. Aquel bo home do berro sacouna da bicicleta e subiuna a ela e mais á bici a un muro e así salvouna dunha morte segura. E é que os camiños de antes eran tan estreitos que só cabía un carro e ás veces cheos de fochancas e pozas, como o que pasaba por diante do colexio de San Tomé, que lle chamaban o Camiño do Pozo.

Despois da escola xogaba na rúa coas outras rapazas, mentres a súa nai traballaba na tenda, daquela todos os veciños deixaban as portas das casas abertas. Na escola facía os deberes nunha pizarriña e nela debuxaban e escribían cun punteiro tamén de pizarra ao que chamaban pizarrillo. Tiña varios curmáns e curmás en Ribadumia e gustáballe moito ir ás festas á casa deles, que era a casa matriz do meu bisavó e alí xuntaba unha boa parte da familia. Nesa casa houbo un tempo no que instalaron unha escola para todos os rapaces da aldea que podían ir xa que non había escola pública e así de paso que estudaban os nenos da casa tamén aprendían os demais. O malo –dicía meu bisavó Cándido- era que o mestre tamén traballaba no concello e moitas veces deixaba aos nenos xogando no recreo tradaba tanto en volver que a rapazada non aprendía moito. Á miña avoa Pilar tamén lle gustaba moito cando viñan os seus curmáns á sua casa pasar varios días para poderen ir á praia, xa que en Ribadumia non a había, pero tiñan que ir bastante tapados porque aínda non estaba de moda o moreno. Adoitaban ir á Torre, pero aínda non había ponte, entón se estaba a marea chea ían nadando ou pagábanlle ó barqueiro, cando estaba seca ían andando polo medio da lama. Tamén houbo un tempo no que había un barqueiro no lugar onde agora está a ponte de Castrelo, antes de que a construísen, e ó que tiña a barca chamábanlle a familia do Barqueiro.

Como o seu pai tiña un cabalo e un carriño, miña avoa ía moitas veces nel ás terras xunto cun can ó que quería moito. Unha vez cando miña avoa e o seu pai ían no carriño á terra de Uso da Torre, caíronlles dous sacos abaixo do carro e o seu fiel can que se chamaba Kisco botouse do carro e deitouse enriba dos sacos e ata que a miña avoa e o seu pai o encontraron, o can non se moveu de alí. Miña avoa adoraba ese can.

A miña familia tenlle moito cariño a esa finca, alí ían meus bisavós, meus avós, miña nai e os meus tíos de pequenos, tamén eu, os meus curmáns e meu irmán, e aínda imos. Polo tanto non podo deixar de falar dela, esta finca da familia forma parte dun pazo que hai en Santa Mariña, o pazo hoxe é dun curmán da miña avoa, Ramón Pintos (o do bar Germán), e parte da horta é dela. O pazo ten piorno, cuadras, pero tamén mina de auga propia e pilón entre outras cousas interesantes, ademais a finca remataba noutro pazo con capela en Cacabelos, da mesma familia. Ao pazo e á horta ía miña nai de pequena a xogar cos seus curmáns. A miña tataravoa dicía que se contaba que neste pazo antigamente se axustizaba á xente e unha das maneiras de facer xustiza era facer unha carreira e o que primeiro chegaba e tocaba un aro que estaba incrustado nun lateral das paredes do pazo, salvábase, pero parece ser que unha vez un home que estaba sendo axustizado cando tocou o aro matou ó duque da Torre, porque lle debeu de parecer inxusto, entón deixou de facerse a carreira e adoptaron outras medidas, e tempo despois os seus fillos venderon o pazo e as fincas á miña familia (unha parte dela chegara de Ávila e Segovia e instalouse en Galicia), non sabemos exactamente cando (pero seguro que antes do século XIX). A familia do meu bisavó, Fernández Cardecid, que vivía no pazo de Uso da Torre, estaba emparentada co dono do Pazo da Capitana (tamén do que hoxe é Exposalnés e do Pazo A Saleta), este era tío do meu bisavó, polo que tiñan moita relación. O seu tío ao final deixoulle o pazo á unha filla que tivera coa súa criada, chamada dona Sofía e na casa sempre dicían que fixera o correcto recoñecendo a esta nena e á súa irmá. Tamén ao parecer estaba emparentada esta familia cos avós de Cabanillas por parte materna e con Valle Inclán, segundo se falaba (pero esa é outra historia).

A miña bisavoa Carme dicía que no Pazo de Uso da Torre estivera unha vez Charles de Gaulle, o presidente francés, de caza, cando estivera por esta zona de visita. Ela morreu cando eu tiña dous ou tres anos, seis meses despois de que morrera o meu bisavó, tíñalles moito aprecio xa que sempre xogaban comigo, á miña nai contábanlle cousas da familia e da historia da vila, e eu acórdome que sempre lle roubaba o bastón e rían todos. Lémbrome tamén da miña avoa facéndolles sopa quente en inverno para eles porque xa eran moi vellos, e eu, miña nai e as miñas curmás iamos levarlla á cama. Miña nai di que a miña bisavoa sempre contaba o día que lle fixeran unha homenaxe a Ramón Cabanillas e viñera a música e se fixera unha gran festa en Cambados e a muller deste dicía que todo estaba moi ben pero que iso non lle axudaba a darlle de comer aos seus fillos, e é que nese momento os escritores non eran precisamente ben pagos. Tamén contaba que a Cabanillas lle gustaba moito ir ás tabernas e falar coa xente da vila, aínda que tamén se levaba con algúns fidalgos, xa que o seu pai tamén viña dunha familia fidalga. Miña bisavoa era moi curiosa e gústaballe moito ler. Miña nai di que unha vez colleulle un libro e púxose a ler (tiña xa sobre 70 anos) e logo dixo: “que galego máis raro aparece neste libro, cústame moito entendelo”, pero resulta que estaba en portugués. Outra vez leu un poema de Cabanillas, “A pobre da tola” e comentou que era unha historia que ela xa coñecía e que fora real, que pasara en Ribadumia (na familia do seu home), sobre unha moza que se volveu tola porque a apartaran do seu mozo, a familia deste era unha familia de recursos e a rapaza non. Este tipo de historias parece que eran bastante frecuentes, nais solteiras e mozos separados por seren de mundos diferentes.

Nas terras traballaban moitos xornaleiros porque non había tractores, mentres traballaban cantaban e contaban historias, a cambio os meus avós dábanlle de comer e tamén cartos. Cando meu bisavó era pequeno, a súa nai, as súas tías ou o seu tío cura (que dicía a miña bisavoa que case que fora obrigado a selo), ás veces mandábanlle levar a el e a algún irmán alimentos e outras cousas á xente maior que xa non podía traballar ou non tiñan recursos, porque naquela época non había pensións. Meu bisavó sería dos primeiros en cobrar unha pensión, creo que el nacera en 1904.

Miña avoa tamén fala que a morte estaba moi presente na vida da xente e cando alguén morría velábase na casa e viña toda a familia e os veciños, daban comida e bebida. Ademais os nenos tamén estaban presentes nos velorios e nos enterros, era algo natural. Desta tradición entre vivos e mortos queda o Día de Defuntos. Existía o loito, que hoxe xa non é tan común (referíndome a que unha persoa vaia vestida sempre de negro e case non podía saír da casa durante uns anos porque lle morrera algún ser querido), sobre todo o loito era para as mulleres.

Meus bisavós sempre foron moi relixiosos, miña avoa foi bautizada, e fixo a primeira comuñón, pero daquela non había a tradición de levar un gran vestido como os de agora, xa que non todo o mundo podía permitirse comprar un, de todas formas miña avoa levou un bonito vestido branco e fixeron unha pequena celebración familiar.

Despois miña avoa foi a unha escola de Santiago de Compostela, tamén era un colexio de monxas, o da rúa das orfas, ao igual cás súas irmás. Ela estaba interna alí e lembra que só lles deixaban media hora para comer. Todos os colexios privados de antes eran de curas e monxas e separaban nenos e nenas. Cando ía a súa nai Carme de visita sempre pasaba polo mercado de Santiago e traia cousas para o ultramarinos, sobre todo queixos. Daquela iren a Santiago era case facer unha aventura xa que as comunicacións non eran moi boas.

A avoa Pilar volveu a Cambados porque botaba moito de menos a súa vila e a súa casa e estivo no colexio ata os dezaseis anos co profesor Nazario, en Santiago quedaron as irmás.

Na casa da miña avoa cultivaban sobre todo millo para os animais e á parte case todo o pan era de millo, había moi pouco de trigo. Na horta tiñan ademais de vacas, porcos, galiñas… (Agora seguen tendo galiñas, e ata hai cinco anos máis ou menos tamén tiñan un xato e penso que tamén tiveron porcos ata os anos de 1980).

Miña avoa ás veces tamén levaba a vaca a pacer no prado, vendimaba, dicía que entón a vendima era unha festa: pisábanse as uvas, cantábase… Agora seguimos tendo fincas, basicamente a vide e todos axudamos a vendimar, pero as cousas xa non son tan tradicionais e pasamos a ser socios dunha cooperativa.

Había poucas casas na vila e nas parroquias e moitos campos, nun deles xogaba moitas veces miña avoa, e despois miña nai, porque alí tiñan unha finca (onde está agora o colexio de San Tomé). Pero como só había unha escola en Cambados (a de don Antonio Magariños) convenceron ó meu bisavó para que cedera esa finca para construír outro colexio nos anos 70, penso que sendo alcalde o seu xenro.

A taberna ou ultramarinos (entón chamábase así) da miña avoa herdouna da miña bisavoa Carme e esta dos meus tataravós (Benita e Perfecto), fora pasando de xeración en xeración. A taberna estaba ben iluminada e iso que antes non había luz e se usaban farois. Como eles tiñan terras, e moitos mariñeiros non, facían trocos e cambiaban produtos da terra por produtos do mar (sardiñas, nécoras…) dos mariñeiros. Así pois, alí concentrábanse os mariñeiros antes de iren ó mar para levaren alimentos, roupa e o que necesitaban. Debemos ter en conta que Cambados foi dos primeiros portos onde se fundaron as Confrarías de Pescadores, que era unha agrupación de pescadores que se fundou polas penalidades que sufría o sector e a fame que pasaban os mariñeiros (no día de hoxe algunhas agrupacións teñen máis de 100 anos). No ultramarinos había de todo o que hoxe en día podes atopar nun centro comercial. Ademais alí os mariñeiros facían as súas contas, repartían os seus salarios e pasaban o seu tempo libre. Neses momentos na taberna fiábase, é dicir, moitos non pagaban ó día, apuntábanos nunha libreta e pagaban máis tarde, como era a fiado ían pagando cando lles entraba carto na súa economía. E despois, dende que os meus bisavós puxeron un dos primeiros teléfonos e televisións da vila, alá polos anos de 1960, a taberna era o centro de reunión de case todo o pobo. Miña nai conta que moitas veces sentábase a oír as historias que contaban os que por alí pasaban e que lle serviu para aprender moitas cousas da vila e dos seus habitantes, era como escoitar os telexornais.

Miña avoa Pilar, coñecida por Maruja porque así lle chamaban á súa madriña e curmá Maruja (que leva os seus mesmos apelidos), por certo o seu padriño era tamén o seu curmán, Cándido Pintos (fillo de Germán Pintos), tiña e ten un veciño chamado señor Ramón Bugallo (ou así o coñezo e lle chamo dende que teño memoria), que debe ter 107 anos, é veciño de toda a vida e xogaba comigo e coas miñas curmás de pequenas á meiga das cores, adoitaba tamén a axudar ós meus bisavós na tenda. Este debe ser o home máis maior da vila porque aínda vive, pasou por moitas, foi a varias guerras, á guerra civil inclusive…

Na taberna había sobre todo alimentos, o aceite estaba en bidóns e dábaslle a unha manivela e saía o aceite e metíase nunha lata grande, poñíalo enriba dunha mesa durante máis ou menos un día e clarexaba, xa non era tan espeso. “Vaia aceite!”, di sempre miña avoa. Os alimentos viñan en sacos grandes, arroz, lentellas, etc. O pan, en principio, facíase na casa porque o pai da miña avoa ía moer o millo ó muíño do avó deste, a Ribadumia, a carón de onde está hoxe a piscina municipal (porque ese lugar pertencía á familia da miña avoa). Na taberna tamén vendían viño que facían na casa, branco e tinto aínda que nese momento o máis aprezado era o tinto.

E falando de viño, meu bisavó Cándido seguía unha dieta por así chamarlle, na que tomaba todo tipo de alimentos, e en cada comida tomaba un vaso de viño da casa todos os días, por iso el dicía que chegou ata tan vello (morreu con 99 anos). Tamén contan na casa que como non existía o método de anestesiar e esterilizar nesa época anterior aos anos de 1950 usábase a caña tamén con esas funcións. Na casa dos meus avós utilízase moito a bicicleta, como antes, sobre todo para ir a Uso da Torre todos os días, como facía miña avoa de pequena, segue indo ó mesmo sitio, pero di que todo cambiou moito, por exemplo as estradas e a sociedade. Cando ela era pequena tíñalle moito medo ós xitanos porque lles roubaban a comida e metíanse con eles, e sempre que tiña que ir á casa a buscar a comida ía con coidado de que non chegaran eles coas furgonetas, porque viñan todos os mércores (sobre todo) de Castrelo (así comezou o mercado que temos hoxe en día porque xa se celebraba antes un en Fefiñáns), e asentábanse na explanada que había ó lado da igrexa, pero a garda civil estaba moi pendente deles e enseguida os botaban por medo a que montaran por alí un campamento ilegal, entón ían cara Vilagarcía de Arousa, e cando miña avoa os vía chegar, agochábase detrás dos valos, que non eran tan altos coma agora, medirían un metro máis ou menos.

Tamén me ten contado que varias veces viñeran os xitanos á súa casa a saquealos, pero como eles sabían que lles tiñan medo a garda civil, a súa nai sempre lles dicía que como non marcharan que chamaba ó seu xenro que era garda civil que estaba arriba descansando.

Un día que estaba chovendo a cántaros miña avoa, o seu pai, a súa nai e un home estaban falando na taberna e de repente entrou un garda cheo de barro ata a punta do bigote e lle dixo a todos os presentes que eran veciños e mariñeiros
-Estades de testemuñas, este home deume unha tunda e eu puiden matalo pero a miña honra de guardia impediumo.
Vostede está detido, acompáñeme ao cuartel e alégrese de que non o mate” -díxolle ó home que estaba alí. E despois diso o home non volveu aparecer por alí nunca máis, pola vergoña que pasara.

Eran tempos complicados e a violencia estaba presente. Ás veces comentábanse na taberna casos dalgunha persoa acusada por outros (ás veces estraperlistas de alimentos) e a Garda Civil detíñaa ou dábanlle unha paliza, sen ver realmente se a acusación era certa. Había vinganzas e sobre todo, moito medo. O pecado e a culpa estaban por todas partes. Prohibíanse moitas cousas, andar de noite, ler certos libros, bailar moi agarrados, ver certas películas… A sociedade era moi machista, parece que aínda non cambiou todo o que debía polo que se ve. Había casos de homes que lle pegaban ás mulleres, estas buscaban apoio pero non o tiñan en ningún sitio, nin sequera na familia. Miña bisavoa Carme contaba que unha vez ela e algún veciño, sendo a miña avoa Pilar pequena, acudíronlle a unha veciña porque o home estaba borracho, había moitos berros e pensaron que a ía matar e esta por medo, vergoña ou non sabe ben por qué botounos da súa casa. Os matrimonios eran inseparables, as mulleres aguantaban calquera situación, non se valoraba o seu traballo e ás veces elas non eran conscientes da súa situación. Por exemplo, a miña bisavoa contáballe á miña nai moitas veces o caso da súa filla que estudara para mestra, pero o seu home non a deixaba exercer como tal porque non estaba ben visto que as mulleres traballasen fóra do fogar, non pasaba o mesmo coas mariscadoras, peixeiras, redeiras ou tendeiras… que tiñan certa autonomía porque manexaban os seus cartos, con ese exemplo animábaa a estudar e a buscar a independencia económica e persoal, algo que tamén facían os meus avós, por un lado, porque despois das tarefas do fogar sempre se encargaban miña nai e a súa irmá, coas protestas de ambas, intentando cambiar algo que non lles parecía xusto. O meu tío sempre se libraba das tarefas da casa.

A avoa Maruja casou ós 22 anos en 1965 con Benito Búa Buceta (que era veciño dela dende sempre, e amigos dende pequenos) e tivo dúas fillas e un fillo. A María Pilar en novembro de 1966 con 23 anos; a María Alicia aos 26 anos, o mes que o primeiro home foi ó espazo (é o que sempre di), e a Benito, con 29 anos.

Cando Pilar tiña tres meses houbo un pequeno tremor en Lisboa, aquí en Cambados tamén se notou. A Pilar doíanlle os oídos e choraba moito, tremían as mesas, as cadeiras, as camas, os vasos… Miña avoa estaba no seu cuarto con Pilar e co meu avó, e ela pensaba que lle estaban tirando pedras ás ventás, pero cando acendeu a televisión estaban anunciando que había un terremoto en Lisboa e foi cando se deu conta do que pasaba.

As cousas empezaban a cambiar por aquel entón e na casa mercaron un coche, alá polos anos de 1960, un Citroën branco. Xa estaban tamén cambiando as cousas na agricultura e os meus avós acababan de comprar un tractor e outra maquinaria agrícola (nos 70). O carro de vacas quedou de recordo. As vacas comezaron a desaparecer das casas e empezou a vir a leiteira vender polas casas e logo chegou o leite de cartón. Isto supuxo que xa non se necesitaban xornaleiros nin persoal para traballar no campo, salvo cousas contadas como a vendima, entón moitos comezaron a desenvolver outros traballos. Ao aparecer as máquinas, foron a menos os ferreiros, afiadores... e aumentaron os mecánicos, traballadores das fábricas, torneiros... En Cambados sempre houbo moita xente que traballaba nas fábricas, sobre todo nos anos de 1950 ata os de 1980, miña avoa tiña moitas veciñas que traballaban na de Peña (estaba de xerente un primo de miña nai, Isidoro Pintos), Otero… As conservas vendíanse moito no ultramarinos de miña avoa para os mariñeiros, era un alimento moi práctico.

Tamén empezaban a cambiar as cousas no mar, os mariñeiros, a partir de finais dos anos de 1970 comezaron a gañar mellor a vida, vendían mellor o peixe e sobre todo o marisco. Antes parte do marisco servía para estercar as terras e agora empezou a venderse nos mercados e a subir o prezo. Isto víase na tenda porque empezaban a ter máis poder adquisitivo e a vivir mellor. Apareceron as primeiras bateas, e ademais de ter clientes mariñeiros tamén había bateeiros, mariscadores… O meu avó Benito, ademais de agricultor, tamén ía ás veces a mariscar, collía navallas e algún outro marisco, e tiña unha chalana, para pescar camaróns etc… Miña nai ía ás veces co meu avó e de pequena pasábao moi ben cando a pintaban e a arranxaban xa que ela tamén axudaba. Era un momento no que a xente vivía de varios traballos para conseguir un bo soldo, pero hoxe en día o mar xa non é libre, só poden mariscar ou pescar os que teñen carné ou permiso. O que si é certo -comenta miña nai- é que se dignificou o oficio, as mariscadoras antes non tiñan baixas e agora si (tampouco as labregas), apareceron novos materiais, ferramentas e medios que axudaron a mellorar tamén o traballo no mar. Outro traballo que hoxe está desaparecido o facían aqueles que vendían piñas do monte e leña para as cociñas, as estufas… Tamén viñan por Cambados os afiadores de Ourense, “os cañeiros”, a maioría do interior (Lugo e Ourense). Na casa dos meus avós “o cañeiro” botaba varios días facendo a caña para a taberna, comía e durmía ó lado do pote, facían caña branca, de herbas e augardente de licor café. Outro oficio moi frecuente era o de ferreiro (facían portais, ferraban os cabalos…) e os zapateiros porque os zapatos eran moi caros e había que arranxalos. Non había moitas perruqueiras, pero si moitos barbeiros, agora parece que é ó revés.

No ano 1975, aproximadamente, decidiron arranxar a casa, con arranxar digo modernizar (a casa lla comprara a miña tataravoa, Benita, ó Marqués de Montesacro, cando viñera de Arxentina a onde emigrara anteriormente), tiraron os mobles vellos, fixeron outro baño... Miña nai di que botaba de menos un armario que había nun cuarto (que era da súa nai) porque por ese armario ía ao cuarto dos seus avós, era como unha pasadeira, alí xogaba ás agochadas, ou se escondía dalgún castigo. Por sorte neses momentos á miña avoa tocoulle a lotaría (unha quiniela de fútbol) e entón non tivo ningún problema en acabar a casa. Outra vez na súa taberna a lotaría de Nadal, que trouxera de Madrid porque lla encargaban, resultou premiada. Tocoulles a varios veciños, pero a ela non porque a miña tataravoa Carme vendera equivocadamente o décimo da miña avoa, que desgusto! Pero tamén lle tocou a algunha xente necesitada, como o pai da Patoca (esta señora é unha das personaxes de Cambados, toda a veciñanza a coñece), a algúns mariñeiros, entre outros.

A casa familiar é moi bonita, é toda de pedra, e ten un balcón, na parede que está cara a poñente, nel hai pegadas moitísimas cunchas que cobren toda a parede ata o tellado e impiden que entre a humidade.

A súa primeira propietaria, a miña tataravoa Benita, avoa por parte de nai da miña avoa Pilar, tivera que emigrar, como moitos, a finais do século XIX, e principios do XX, a Arxentina ós 15 anos para mellorar economicamente e ter un futuro mellor (na casa eran moitos irmáns). Algúns anos despois volveu a Galiza e cos cartos comproulle a casa (ao Marqués de Montesacro, como xa dixen, porque nesa época moitos nobres e fidalgos tiñan que vender porque era moi custoso conservar todo o seu patrimonio), alí montou un ultramarinos, co que quedou a miña bisavoa Carme Costa, e tamén unha panadería, case a única que había en Cambados, a de Anita, primeiro estaba onde está agora a Óptica Salnés, logo abriu aí unha tenda e pasou a panadería ó lado da Farmacia de Peña, que traballaba o irmán da miña bisavoa Benito Costa (o avó de Pablo Costa, da confitaría Costa).

A miña avoa Pilar, despois de case cen anos pechou a tenda, nos anos de 1980, cando comezaron a aparecer os supermercados e hipermercados, acabando así coas tendas e ultramarinos tradicionais.

Despois fixeron un bar. Pero non lles convencía e pechárono. Agora os nosos primos seguen tendo un bar alí cerca que se chama o Bar Pintos ó que van bastantes turistas a probar as ostras.

Por aquel entón, nos anos de 1980, empezaron a darlle máis importancia á agricultura e os meus avós acababan de fundar con outros labregos unha cooperativa agraria, Horsal (que segue existindo e na que traballaron meus avós e o meu tío ata hai pouco), creo que estaba ao lado do cuartel da garda civil, e montaran varios invernadoiros de verduras e legumes porque a venta directa nos mercados de Pontevedra lles sacaba moito tempo e lles daba poucos cartos, ademais de que os intermediarios se levaban todos os beneficios. Coa cooperativa todo era máis doado e tiñan máis tempo para traballar tamén as viñas e atender á tenda-bar. O viño que obtiñan das viñas vendíano na taberna, tamén vendían o branco na Festa do Albariño, e a algúns restaurantes. Ó principio, á festa só ían os meus bisavós, e uns cantos familiares e poucos máis, nela vendían o seu viño, mexillóns, empanadas... Isto foi o principio desta festa, alá polos anos de 1960. Pero ó pecharen a taberna buscaron outra saída, por iso fixeron unha cooperativa entre uns poucos viticultores, Salnesur. Alí vendían e vendemos as uvas e elabórase o viño entre todos (o viño chámase Condes de Albarei).

E esta é a historia da miña avoa e a súa familia que, en parte, é tamén a historia da nosa vila e de todo o que pasou nestes anos. Espero que fose produtiva para todos. Para min si o foi porque coñecín moitas cousas que me quedaban moi lonxe e aclarei outras.