MARÍA VALEANU
MARÍA

MARÍA VALEANU

por Sabrina Husanu

IES Francisco Asorey - 4º ESO

Vouvos falar dunha persoa que é moi importante na miña vida: a miña avoa. Ela chámase Maria Valeanu, e non é de aquí, de Galicia. Non é nin tan sequera de España. A día de hoxe ten 64 anos e naceu un 7 de Maio de 1953 nun pequeno pobo en Romanía chamado Horea, en Satu Mare.

Pasou toda a súa infancia e adolescencia alí. A escola quedáballe moi preto da súa casa, ao igual ca igrexa. Na escola, daquela época, unicamente ensinaban nove materias: matemáticas, xeografía, historia, física e química, bioloxía, ximnasia, música, romanés e ruso. As linguas que dominaba perfectamente eran o romanés, o ruso e o húngaro. Na súa clase eran 22 alumnos e alumnas e había moitos máis nenos ca nenas. Na clase sentaban ao alumnado de dous e dous e sempre tiñan que ser chico e chica, non deixaban que se sentaran dúas nenas ou dous nenos xuntos. A primaria comezaba desde os 7 ou 8 anos ata os 12, e a secundaria dende os 13 ata os 16 anos. Alí os recreos adoitaban ser de 10 minutos e estaban entre cada materia, de maneira que, se tiñas matemáticas á primeira hora, acababa a clase e xa podías ir ao recreo, e así con todas as materias. Nos recreos xuntábanse todos os nenos e nenas e xogaban a moitos xogos; entre eles: á corda, ás agachadas, ao balón volea, ao fútbol, ao pano, á raiola, ás bólas, ás cartas (cando non facía moito vento), á buxaina… sempre se entretiñan con algún xogo. Levaban a comida lista da casa, xa que daquela non había cafeterías (ou polo menos no seu colexio non).

As amigas da miña avoa e as que lembra con moito cariño son: Elena, Anica, Marioara e Clara. O director do colexio chamábase Nicu Tudor, que, a súa vez, tamén ensinaba bioloxía. Miña avoa recorda a profesora de ruso, Maria Botos, como a profesora máis severa e esixente daquela. Se te equivocabas nalgunha pregunta que che facía ou facías o mínimo ruído mentres que ela explicaba, dábache coa regra na man. Na clase de música nunca lles mandaban facer exames. O que adoitaban facer era tocar os instrumentos, entre eles: a frauta, o piano, o acordeón, o tarogato e o címbalo; e tamén cantaban cancións, as notas e sobre todo, o himno nacional de Romanía, que era e segue sendo este:
Deșteaptă-te, române!
Deșteaptă-te, române, din somnul cel de moarte,
În care te-adânciră barbarii de tirani!
Acum ori niciodată croiește-ți altă soarte,
La care să se-nchine și cruzii tăi dușmani!
Acum ori niciodată să dăm dovezi în lume
Că-n aste mâni mai curge un sânge de roman,
Și că-n a noastre piepturi păstrăm cu fală-un nume
Triumfător în lupte, un nume de Traian!
Priviți, mărețe umbre, Mihai, Ștefan, Corvine,
Româna națiune, ai voștri strănepoți,
Cu brațele armate, cu focul vostru-n vine,
«Viață-n libertate ori moarte!» strigă toți.
Preoți, cu crucea-n frunte! căci oastea e creștină,
Deviza-i libertate și scopul ei preasfânt,
Murim mai bine-n luptă, cu glorie deplină,
Decât să fim sclavi iarăși în vechiul nost’pământ!
Esperta, romanés, do soño da morte
no que te sumiron os bárbaros tiranos.
Agora ou nunca fórxate outro destino
ante o cal se inclinen ata os teus crueis inimigos.
Agora ou nunca deamos probas ao mundo
que por estas mans aínda corre un sangue de romano
e de que no noso corazón conservamos con orgullo
un nome que trunfa na loita, o nome de Trajano!
Mirade, gloriosas sombras de Miguel, Esteban, Corvino
á nación romanesa, pois é vosa descendente.
Con brazos armados, co voso lume nas veas
“Vida en liberdade ou morte!” gritan todos.
Os curas, coa cruz adiante! Pois o exército é cristián,
o lema é liberdade e o seu propósito é sacro.
Antes morramos na loita, cheos de gloria
que ser de novo escravos na nosa vella terra!

Na escola, cada mes ou cada dous meses adoitaban facer pequenas excursións polo pequeno pobo e ían aos bosques, prados ou montes a recoller froitas. Dependendo da tempada, pois collían uvas, cereixas, mazás, peras, arandos, amoras, amorodos, laranxas… Recollían froitas para despois vendelas coa familia e gañar algúns cartos. De excursión de fin de curso foron á praia Felix dun sitio chamado Oradea, e polo que me contou, pasárono moi ben: xogaron a moitos xogos na area e no mar, mais case ninguén botou protección solar e remataron todos queimados.

Estiveron alí case un día enteiro (sen durmir) e foron en autobús, porén aos demais lugares ían andando porque non quedaban demasiado lonxe.

Cando había festivos importantes sempre elaboraban algunha actividade interesante na escola. Na Pascua, por exemplo, collían ovos da casa e na clase os decoraban con tinguiduras de colores. As colores que máis predominaban eran os azuis, os verdes e os amarelos, e o que máis destacaba era o vermello porque dise que está asociado co sangue de Cristo (todos eran relixiosos). No Nadal saían en grupos pequenos da clase e ían de casa en casa a cantar panxoliñas. As familias dábanlle diñeiro, noces, zumes e doces. No Samaín non facían nada porque non consideraban esta festa como importante. En Ano Novo, había e segue habendo a día de hoxe unha tradición que consistía en que os nenos e as nenas pequenos tiñan que cantarlles aos seus pais unha canción chamada sorcova cunha flor na man esquerda, e os pais ao acabaren de cantar os nenos a canción, dáballes diñeiro (máximo 5 euros).

Canción de “Sorcova”
Sorcova, vesela,
Să trăiţi, să-mbătrâniţi
Ca un păr, ca un măr,
Ca un fir de trandafir,
Tare ca piatra,
Iute ca săgeata,
Tare ca fierul,
Iute ca oţelul.
La anul şi la mulţi ani!
Sorcova, vesela
Que vivades, que envellezades
Coma unha pera, coma unha mazá,
Coma un pétalo de rosa,
Forte como a pedra
Rápido coma a frecha
Forte como o ferro
Forte como o aceiro
Feliz Ano Novo!

As comidas tradicionais que se cociñaban moito eran: sarmale, mămăligă, cozonac, coliva, gogosi, plăcintă… e todas son comidas típicas de Romanía. As sobremesas preferidas da miña avoa eran as spirales (uns doces). Despois de comer, amigos e veciños reuníanse fóra na rúa principal ou no parque a xogar ou simplemente a falar.

Nas fin de semana, a miña avoa case sempre se xuntaba coas súas amigas e ían ó cine a ver algunha película. Unha película en Romanía custaba 1 leu , que sería o equivalente aquí en España a 40 céntimos, aproximadamente. Era moi barato en comparación ao día de hoxe. Daquela, as películas eran en branco e negro, pero segundo di a miña avoa, estaban bastante ben elaboradas e a trama era entretida. Os cines non eran moi grandes, mais as salas eran acolledoras e tiñan moito espazo. As películas que vira no cine e que recorda moi ben porque lle gustaron moito foron as seguintes:
- Nea Marin miliardaru (que foi a súa película favorita e o segue sendo), Vine tu, Izaura, Pistruiatul…

Tamén adoitaba saír os sábados á noite ao “Camin cultural”, que ben sendo unha discoteca. Era moi grande, había moito espazo e ía xente de todas as idades: nenos e nenas pequenos, adolescentes, adultos, anciáns… No centro da sala había un escenario enorme onde cantaban, bailaban e actuaban xente famosa de aqueles tempos como: Maria Ciobanu, Doina Badea, Irina Login, Dans Pataru, Aurel Tamas... Tamén había unha pantalla grande e de vez en cando proxectaban algunha película. A xente adoitaba levar roupa tradicional. A xente podía pasar alí ata as catro da mañá, que era cando pechaba.

Os domingos dende as oito da mañá ata o mediodía ía coa súa familia á igrexa, que tamén quedaba moi preto da súa casa, a cen pasos máis ou menos. A relixión da súa familia era a ortodoxa, non a católica. Porén, alí o cura ao rematar a misa, tamén lles daba a todas as persoas pan e viño (coma aquí), e esa acción denominábase “spovedanie”.
Maria Valeanu é filla de Maria Pasca e Gheorghe Pasca, que eran propietarios de moitas terras, hectáreas, bosques, viñedos... o que alí se dicía que eran “quiaburi”. A súa nai tivo en total dez fillos (porén, ían morrendo ou ben cando nacían ou ben cando medraban e contraían algunha enfermidade; non pasaban dos cinco anos), dos que só sobreviviron tres. Estes foron dous baróns, Ion e Gabriel, e unha muller, María (a miña avoa, obviamente). Ion e Maria levábanse dezasete anos de diferenza e Gabriel e Maria seis anos. Ion foi á armada e estudou medicina para ser enfermeiro. Acadou o seu obxectivo e moitos anos máis tarde, á idade de 72, morreu debido a que tiña problemas do corazón. Gabriel estudou mecánica agrícola, viaxou por diferentes países e aos 38 anos sufriu dun accidente de autobús que lle custou a vida. A súa nai faleceu cando ela tiña 13 anos e, un ano despois, o seu pai volveuse a casar cunha muller que tiña unha filla chamada Valeria, que sería a media irmá da miña avoa e os dous irmáns.

A irmá da súa nai, Veta, tivo dous fillos e tres fillas, os curmáns de Maria. A relación que tiña con eles era estupenda: sempre quedaban para xogar e falar. Deses cinco curmáns, a día de hoxe só viven tres, que son: Ileana, Marta e Traian, cos que segue tendo moi boa relación actualmente.
O irmán do seu pai, Nicodim, morreu na Segunda Guerra Mundial en Rusia.

A súa familia posuía moitos animais, entre eles, dez porcos, vinte ovellas, dez cabras, catro vacas, as que chamou: Tifra, Florica, Rosi e Joiana; dous cabalos: Doina e Bobo, trinta parrulos, cen galiñas, corenta e cinco coellos, máis de cen pombas, tres pavos, dous gatos e un can chamado Bobi.

Miña avoa rematou de estudar na escola aos 16 anos, e polas dificultades do momento, non puido ir á universidade e comezou a traballar. Primeiro, traballou nunha granxa axudando nas distintas tarefas que se elaboraban: coidado dos animais, a limpeza… Anos máis tarde, cando tiña a idade de 20, tivo o seu primeiro traballo sendo axudante de cociña nunha cantina noutra cidade chamada Lugos. Alí estivo traballando 2 anos. Despois dun tempo, aos 25, encontrou outro traballo noutra cidade chamada Fetesti, en Ialomita. Estivo traballando alí durante 27 anos nunha fábrica de conservas. O traballo comezaba as 7 a.m e finalizaba as 16 p.m (9 horas de traballo). O único día que tiña libre era o Domingo.

Maria tivo en total tres fillos: un home e dúas mulleres. Ao varón, que foi o primeiro fillo e o único que naceu por cesárea, decidiu chamalo Dorin; e as outras dúas fillas que naceron catro anos máis tarde as chamou Corina (que é a miña tía) e Niculina (que é a miña nai). Os tres se levaban moi ben e axudaban moito coas tarefas da casa, porén, sempre facían algunha que outra trastada.

O presidente daquela época chamábase Nicolae Tausescu. Con el non había ningunha democracia, era todo comunismo. Miña avoa díxome que ás veces, sen motivo algún, quitáballe ás familias durante un período de tempo a luz, a auga e a calefacción (aínda que pagaran as facturas). Tamén, se non lle dabas as terras ou pertenzas de máis valor que tiñas e asinabas un documento, quitábacho todo á forza e arrestaba a toda a familia, incluídos nenos pequenos. Se protestabas ou dabas a túa opinión ao respecto, inmediatamente arrestábante. Mais isto rematou no ano 1989, cando máis de milleiros de persoas saíron á rúa protestando e manifestándose. Desgraciadamente, un mínimo de mil morreron no intento, pero polo menos as cousas puideron cambiar máis tarde. A corte suprema e a armada deu a orde de arrestalo, porén Tausescu quixo escapar e xusto cando íase subir nun avión con destino a Irak, a armada pillouno. Finalmente, o día de Nadal, 25 de Decembro de 1989, foron abatidos por disparos el e a súa muller.

As actividades favoritas da miña avoa eran coser e ler. A súa nai ensinoulle a coser dende os 5 anos e o que máis adoitaba elaborar era bufandas, luvas, gorros pequenos e sobre todo puntillas e encaixes.

Os xéneros de libros que máis lía eran os relixiosos e os de poemas. Os que lembra son os seguintes libros: Amintiri din copilarie, de Ion Greanga; La medeleni, de Ionel Teodoreanu; Ulita copilariei, de Ionel Teodoreanu; In casa bunicilor, de Ionel Teodoreanu. Gustáballe moito Mihai Eminescu, un dos poetas máis coñecidos e famosos daquela época (era tan popular que incluso apareceu nos billetes de 500 lei (50 euros en España). En total, leu cinco libros seus: Luceafaru; Floare albastra; Sara pe deal; Doina e Fat frumos din lacrima.
E ata aquí a vida da miña avoa, aínda que, por suposto, faltan moitas máis cousas por contar persoais que lle sucederon.