MARINA CORBACHO NOGUEIRA
PELUDO

MARINA CORBACHO NOGUEIRA

por Cristina Feijoo Oubiña

IES Francisco Asorey - 3º ESO

Naceu hai 72 anos. Na súa familia eramos dez persoas, ela, seus pais (María e Alberto), seus sete irmáns (Emilia, Alberto, Hermitas, Guillermo, Jacinto e Joaquín). Con casa en San Roque do Monte, en Vilanova de Arousa. Era unha casa de pedra con tres habitacións, sala e cociña e un alpendre no que tiñan un pilón para lavar a roupa, a adega e unhas cortes onde gardaban os animais. Actualmente nesa casa aínda vive xente, dime que lle gusta moito ir facer unha visita cada vez que vai de vacacións á súa terra.

Pregúntolle polo seu alcume e di que seu pai non tiña alcume, chamábano polo apelido Corbacho, os seus irmáns eran outra historia. Cada un tiña o seu, a Emilia chamábana “a Nena”, a Guillermo “Chumbo” e a Alberto “Pichicho”, e a ela tíñanlle un, díxomo, pero non lle gusta nada que saia á luz, seu pai chamábame “Peludo”.

Seu pai traballaba nun barco. Estivo embarcado en Alemaña, Venezuela e Holanda, embarcado como o seu home, meu avó, de feito, estiveron embarcados xuntos algunha vez. A súaa nai traballaba no campo e na casa e tamén criándoa a ela e mais aos seus irmáns. Os seus irmáns e ela non tiñan un traballo estable. Guillermo traballaba na carpintaría dun tío noso, Jacinto e Alberto no mar, aínda que Alberto tamén traballaba na terra e Hermitas e a Nena nunha fábrica de peixe. Ela como súa nai, no campo e na casa. Nunca lle faltou de nada na familia, seu pai deixábaos facer o que querían. Nunca foron rebeldes así que non os obrigaban a nada, ningún foi mais pillo que o resto. Aínda que, tiñan que traballar duramente. Todos os irmáns se levaron moi ben. Ninguén tiña preferencia por ninguén, todos se querían moito, pero ela recoñece que tiña preferencia por seu pai. Iso si, cando se metían con ela dí que sacaba todas as “miñas armas, aquí onde me ves teño moito xenio dende ben pequena”. Unha vez seu irmán Guillermo saíu un pouco escaldado, estaban traballando no campo e ela na casa facéndolles de comer para levarlla, cando chegou ao campo e sentaron a comer, seu irmán Guillermo empezou a meterse con ela e avisoulle que parara pero non quixo, “ameaceino con tirarlle unha pedra se non calaba, chamoume covarde e eu lanceilla. A broma saíulle cara por que acabou cun dente roto da pedrada, pero a pesar destas anécdotas quixémonos e querémonos moito a día de hoxe”.

Pregúntolle polos seus veciños, o que mais lle acorda é Vicente “o Bicho”, que vivía debaixo da nosa casa. Estaba na cuadrilla coa que saía con Menucha, Chicha, Manolo o Cubelo... Doutro veciño que non ten moi bo recordo era un que lles entraba a roubar na casa, mais ladrón que xudas! A garda civil sempre estaba na súa casa.

Foi á escola malamente. Seus irmáns non foron ningún á escola, ela foi de rebote. A escola era no camiño que cruza San Miguel de Deiro, era unha casa baixiña. Só tiñan unha mestra, que ía unha día á semana. Era moi chula ela, non se lembra do seu alcume, pero si recorda que vivía en Cambados e cree que se chamaba María Luísa. As súas compañeiras de clase eran María del Carmen, a irmá de Fita, María Luísa, unha chepudiña moi simpática e outros de San Miguel de Arriba. Gustáballe moito ler e aínda lle gusta. Escribir non se lle da tan ben. A súa nai traíalle contos para aqueles días de choiva nos que non se podía saír da casa. Pola tarde había que ir traballar, poñer patacas, millo, vendimar... pero sempre había sitio para a festa. Era moi festeira e aínda o segue sendo, o baile que non lle falte. Xogaban moito á corda e ao tirataques. Ela era coma os vaqueiros, onde poñía o ollo poñía a bala, era moi boa acertando. Tivo unha infancia moi bonita e alegre, ríase ata da súa sombra, e sempre estaba facendo bromas. Tiña alerxia asmática e non podía saír moito da casa, pero polo demais todo moi ben. A súa nai non lles contaba contos porque non sabía ler.

Pois a verdade non é por fachendear, pero dábanselle ben moitas cousas, sobre todo bordar, a man e a máquina, coller ameixas, pintar a casa, peitear... de feito peiteaba a moita xente alí en San Roque do Monte. Pintar as unllas tamén se lle daba moi ben. Era moi festeira, non perdía unha festa, pero tamén di que tivo que traballar moito para ir a cada unha delas, xa que para ir tiñan antes que apañar herba. Iso era como unha promesa, “tiñamos unha burra, condenada da burra! Se había festa en calquera sitio tiñamos que apañar a herba para tantos días como festa houbera. Era algo fora de serie, sempre me tocaba a min, eu íalle a roubar aos veciños e logo estes íanlle pedir explicacións a meus pais·.

De moza tiñan unha comparsa, eran un bo grupo de persoas. “Dedicabámonos a cantar historias reais. Houbo unha que cantamos que foi a historia que pasou no Castelete, cando os de Corvillón chegaron alí armando bronca por problemas na zona de marisqueo, e a Garda civil intentando mediar. Foi algo moi soado”.

Cando lle preguntei se tivera moitos amores dime que por desgraza non tivo sorte na vida amorosa, así que non ten moito que contar disto. Houbo un que lle cantaba serenatas e regaloulle unha sandía, cantaba moi ben todo hai que dicilo, pero non era do seu gusto. De feito, nin a sandía lle quixo. Un día chegou súa irmá Hermitas coa sandía que este home lle comprara na festa de San Roque do Monte, e ela díxolle que non a quería e tirouna, pero miña irmán Hermitas, aproveitouna. E que ben lles sabía a condenada da sandía!! E non tiven mais amores ata que comecei co que me casei en Madrid cando fun vivir para alá. Foille ben, non lle costou moito adaptarse. Alí coñeceu a un moi bo home co que casou e tivo 4 fillas: Astrid, Alisenda, Lorena e María.

Ao principio non se dedicaba a nada, o seu home traballaba, pero veu enfermo do estranxeiro e tivo que poñerse a traballar no Ministerio de Economía e Facenda Alí coñecín a moito peixe gordo.

Ten moi bos recordos do Cambados da súa infancia e mocidade. Recorda o Concello onde está hoxe en día, iso non cambiou. A xente de alí era moi estirada, vamos que se cría moita cousa, como as de Vilanova de Arousa, miraban así como por riba dos ombreiros... O mar chegaba ata onde está o bar Reboredo. No porto de Cambados facían a salgadura da sardiña.

Algo que si que recorda con moito cariño é o cine. “Iamos moito alí, pero sempre me botaban fora por facer barullo”. Tivo moitos amigos de Cambados, empezando pola cuadrilla na que coñecín ao “teu avó, un moi bo home que acabou casando coa miña irmá Hermitas” pouco tempo despois. E aínda que era un bo home, o seu pai non quixo que o día que casaron celebraran a voda xuntos, tiveron que facer a comida por separado, pero sempre se levaron moi ben, xenro e sogro. Recorda que unha vez seu pai, que era moi pillo, fixo una aposta co veciño Vicente. A aposta consistía en quen chegaba antes a Cambados en bicicleta por camiños distintos. Vicente por camiño normal e ela por campo a través. Seu pai apostou por ela e gañou a aposta. Cando chegou a Cambados deixou a bicicleta no bar Reboredo e veu un municipal e levouna dicindo que estaba mal aparcada. Ela armoulle unha boa lea e ao final devolvéronlla e pouco despois chegou Vicente o perdedor da aposta. Outra anécdota que igualmente me gustou é que seus pais eran moi bos amigos dos meus bisavós por parte de pai. Sempre estaban na nosa casa e ían xuntos a todas as festas que podían. Parece que xa estaba esa familia unida dende moito antes que eu existira.