MODESTA PADÍN DOMÍNGUEZ
A DE CURRÁS

MODESTA PADÍN DOMÍNGUEZ

por Inés Costa Campos

IES Francisco Asorey - 3º ESO

Modesta Padín Domínguez naceu o 2 de xullo do 1961, na parroquia cambadesa de Castrelo, concretamente en Castriño. Na súa casa eran dous irmáns, a súa nai e o seu pai, e un irmán deste (o seu tío Angelito). A continuación vai contestar unhas preguntas sobre a súa infancia e a vida naquela época.

Cómo foi a túa infancia? A miña infancia dividíase en escola e casa. Fun á “Escola do Castro”, daquela Eramos moitas persoas nunha aula, de diferentes idades, e cunha mesma mestra que ensinaba todas as materias. Ao principio eramos só nenas, pero despois xa estabamos nenos e nenas mesturados.

Comecei a escola aos 6 anos. A miña mestra chamábase dona Celsa. Dábamos as materias cantando, todo o aprendías con cancións: os ríos de España, a táboa de multiplicar…. Eu recordo que falaba moito, e os castigos eran moi duros, os mestres dábanche coa regra, ou tapábanche a boca con fita adhesiva. Dábanche o almorzo alí, leite en pó que viña de América, outro castigo era ir para o “cuarto escuro” que era onde se gardaba o leite en pó. Recordo algúns compañeiros e compañeiras da clase: Divina, José Luís Portela, Concha, Daniel, Rosiña… E na casa, todo era manual e artesán. O meu pai e máis o meu tío vivían da música. Daban clases de solfexo na casa, onde acudían nenos da parroquia e incluso de varias partes de Cambados. Eu tamén estudei música, aprendín a tocar o saxofón e din clases un tempo de solfexo cando tiña 16 anos. Tamén tíñamos unha horta, onde sementabamos e recolliamos a colleita. A miña nai era mariscadora e traballaba na casa e na horta.

A que xogabades cando eras ti pequena, que facías no tempo de lecer? Nos recreos xogabamos ao Peletre (que dependendo da zona, chamábaselle dunha forma ou doutra, Mariola, Truquel…) ao Marro, á pelota, ao escondite, a roubar o pano, e sobretodo ao pilla pilla. Ás bólas tamén teño xogado aínda que era un xogo máis de nenos. E non quedabamos como se fai hoxe, quedabamos os veciños, uns nas casas dos outros, e xogabamos nas fincas, entre hortas. Case non había tempo de lecer, sempre estaba ou facendo algunha labor da casa ou estudando, pero algunas veces cando podías xogabas cos veciños.

Cóntanos un pouco, como era o clima naquela época? As estacións eran moi duras, había veráns moi quentes e invernos moi fríos e con moitas precipitacións. Os veciños coñecíamonos todos, e axudabámonos mutuamente. Cando había colleita iamos todos á finca dunha casa, e cando acabábamos repartiamos o resultado; así era que cando se mataba algún animal facíase unha comida cos veciños. Como dixen antes, os nenos reuniámonos na casa dalgún e xogabamos todos xuntos. Cando saíu a televisión, só a tiña unha casa e iamos todos a aquela casa para vela, aínda que daquela só había unha ou dúas canles. Cando a tivemos na casa, recordo que me gustaba moito ver os debuxos animados co meu pai ou as películas de cine mudo. Ás veces, iamos ao río lavar a roupa, cando o faciamos a min encantábame, xa que sempre estaban alí as miñas amigas e era como se fose un gran centro social. Era unha actividade que me gustaba moito, lavar a roupa no río.

Como eran as cousas na casa? Daquela era todo artesanal e todos os labores e todo o que había na casa era feito a man. Ao principio non tiñamos cuarto de baño na casa, había un fóra que era de madeira. Isto era o normal, xa que se pasaba moito tempo na horta traballando e era máis cómodo. Cando xa tiñamos baño dentro da casa, non iamos moito a el, daquela era coma unha falta de respeto facer as túas necesidades dentro da casa e tardamos algún tempo en afacernos a iso.

Tamén había crenzas que hoxe en día pareceríannos totalmente incríbles. Por exemplo a nós dicíannos que non xogaramos co lume, que si o facíamos, despois pola noite iamos mexar na cama. Non era certo pero era unha forma que tiñan os vellos para manternos a salvo, lonxe dos perigos.

Líades con frecuencia? Eu lía algúns libros, os que me daba o meu tío. Gustábame moito, aínda que non tiña moito tempo libre, xa que tiña que estudar e traballar. As mulleres naquela época estaban moi denigradas. Eu cando entrei na banda de música, fun a primeira muller en ir, e para tocar, poñía uns pantalóns da banda vellos do meu irmán. Encantábanme eses pantalóns! Aínda que todo o mundo me miraba mal xa que non era normal naquela época que unha muller puxera algo que non fora vestido ou saia. E eu aínda tiven sorte, a miña nai (dentro do que había naquela época) foi moi liberal e deixoume entrar na banda e poñer pantalóns, e facer cousas que naquela época denominábanse “de homes.” A máis dunha das miñas amigas houbéranlles pegado se preguntasen tan sequera se podían poñer pantalóns.

Que idioma soíades falar? Naquela época toda a xente falaba en galego, aínda que na escola tamén tiñamos que falar castelán. Pero na casa e cos amigos e veciños sempre falabamos galego.

Que alcumes tíñades? Nós éramos “Os Currás” pola finca que tíñamos. Antes era dun señor chamado así. Normalmente os alcumes xa viñan doutras xeracións e seguiamos chamándolle así ás persoas que os herdaban. Hoxe en día esto perdeuse moito, pero hai casos nos que se seguen usando os alcumes.

Cómo eran as viaxes, viaxábase moito? Para que vos fagades unha idea, viaxar a Pontevedra era como viaxar hoxe a Madrid. Moi pouca xente ía, e se ían, era moi de cando en vez . Lembro que a miña amiga Divina, tiña os ósos moi fráxiles e rompía as pernas cada dous por tres, e claro, levábana ao Hospital Provincial a Pontevedra. Viña coa súa perniña de xiz asinada por todos os médicos e enfermeiras e tiñámoslle unha envexa todas... Eu recordo que me tiraba sempre ao chan e choutaba dende unha morea de sitios altos a ver se rachaba algún oso para ir a Pontevedra, e non había maneira! Quería que me levaran tamén a min… pero nunca rompín unha perna. E ela era un caso… estabas xogando con ela, tirábaslle unha pelota e xa estaba de volta outra vez a Pontevedra. Era unha pasada. E vacacións, había no verán pero nunca iamos de viaxe, xa que sempre había cousas que facer na casa, e, como digo, era moi caro ir incluso a Pontevedra