OTILIA FEIJOÓ FARIÑA
TILA FEIXÓ

OTILIA FEIJOÓ FARIÑA

por Uxía Padín Trigo

IES Francisco Asorey - 4º ESO

Otilia Feijoó Fariña, tamén coñecida como Tila, naceu nunha casa no Montiño do Medio (Santomé, Cambados) o 10 de Marzo do ano 1940, actualmente ten 77 anos. Seus pais son Francisco Feijoó Barreiro e Manuela Fariña Serén. Ela foi a segunda de 10 irmáns: Francisco, ela, logo houbo tres Benitos (dous faleceran de novos), Emilio, Ricardo, Rogelio, María Dolores (que faleceu ós 10 anos) e Manuel.

CÓMO ERA A SÚA CASA. Ela non viviu mal, a pesar de ser moitos irmáns nunca tiveron que durmir a monte ou no chá, xa que vivía nunha casa bastante grande para o seu tempo, daquela era a mais grande da veciñanza, tiñan unha horta, onde cultivaban algunha que outra cousa e, onde afortunadamente tiñan un baño feito de madeira cun buraco onde se botaba estrume e facían esterco para abonar as leiras, daquela ter baño era unha gran sorte, xa que case ninguén o tiña, e tiñan que facer nun ouriñal e logo ir ó mar a botalo. Ó baño era nunha bañeira de cinc, que enchían con baldes cheos de auga que tiñan que traer dende o río de lavala roupa enriba da cabeza, a auga estaba normalmente fría.

Eles, a pesar de ser moitos a comer, nunca pasaron fame, outra sorte máis, xa que daquela moita xente non tiña para comer. Eles tiñan algunha finca con millo para facelo pan, patacas e viño, daquela os rapaces bebían viño á hora de comer, xa que a auga non estaba ben depurada e podían enfermar.

A SÚA NENEZ. Con tan só oito anos, ela era a responsable de coidar dos seus irmáns, xa que os seus pais ían traballar, e ela era a única muller. A esa idade tamén ía á praia a mariscar.
O seu primeiro traballo o tivo ós 10 anos, que traballaba para dona Quinita, na casa de Bugallo. Traballando nesa casa, cando había marea deixábanlle ir á forcada.

Despois de traballar alí, foi traballar á de Erundina e Evaristo da Porta con marisco, foi ó muíño das cunchas co irmán de Erundina, era un muíño de cunchas de ostra, seus irmáns tamén traían moita ostra, xa que daquela había moita ostra, traían á cabeza 17 caixas, desde ó porto ata a lonxa.

Cando súa nai tivo á súa segunda filla ela tiña dez anos e xa tiña que ir ó rio a Fonte de Brúa ou a castrelo ó rio Coucón polas noites, a lavala roupa, levaba dúas bañeiras de roupa, unha branca e outra de cor, e poñía a roupa alí todo o día ó clareo para que secase e logo levala de volta á casa.

Logo ía a aldea a vender peixe cunhas patelas grandes, ás que elas chamaban cestas, na cabeza, e ía descalza, cos zapatos na cesta; como ela aínda era unha rapariga, todos os homes lle dicían “Pero Tila! Cálzate rapaza!” e ela dicíalles que non tiña que calzar, mais eles víanlle os zapatos na patela e dicíanlle de novo “Como que non tes que calzar? Se levas os zapatos na cabeza!” mais ela non lles facía caso ningún porque non quería gastarlles a sola ós zapatos, porque se facía tería que comprar uns novos, e non estaban os tempos para esas cousas e total ela xa tiña os pes curtidos, coma se levase zapatillas.

Con doce anos comezou a ir á fabrica e votou alí dous anos, e ía tamén a Lantañón, unha aldea que estaba preto de Pontevedra, deixábana en Lois e o resto do camiño tiña que ir ela andando, e á volta, se a marea ía seca, ía po sarrido a coller marisco. Daquela o marisqueo era furtivo, ía quen quería e cada un collía o que quería. A veda para poder ir abría en Outubro, mais elas ían tamén no verán, estaban os marines a vixiar e a intentar collelas, mais Tila sempre foi moi rápida e nunca lograron collela.

No tempo da vendima, carretaba todas as uvas coa cesta do peixe na cabeza, andaba a correr da terra (en Espiñeiro, A Barca e Santa Mariña) á casa e da casa á terra, mentres o resto apañaba as uvas .

Ela nunca tivo xogos nin xogou a nada,

A SÚA ADOLESCENCIA. Ela de pequena non puidera ir á escola xa que sempre tiña que traballar ou coidar ós seus irmáns, mais xa de moza, seu pai marchara para Argentina a traballar, e como nin ela nin a súa nai nin ninguén da casa sabía ler, tíñalles que ler as cartas que lles mandaba dona Pepita, a mestra, e iso a tila non lle parecía moi ben, porque se algunha vez traía unha mala noticia, non quería que o soubera todo o mundo, e decidiu, ir a aprender a ler mais escribir con dona Pepita polas noites, e así foi que en pouco tempo aprendeu a ler e escribir.
Os seus pais nunca lle deron unha peseta, se quería mercar algo, tiña que gañar ela os cartos, o único que lle pedira ó pai, foi un día cartos para mercar un vestido, porque todas as súas amigas sempre ían “mira que me mercou meu pai” “meu pai deume non sei que” e entón ela colleu e dixo, se a todas o seu pai lles merca algunha cousa, igual a min tamén, mais non, non lle deu nada e por riba berroulle por pedir.

Na súa adolescencia estivo traballando en moitos sitios e os cartos que gañaba, en lugar de gastalos en lambetadas coma todas as súas amigas, a elas dicíalles que non lle gustaban esas cousas e íaos levando a unha xastre para ir comprando pouco a pouco sabas, cortinas, toallas...e así foi, que cando casou, levou montes de sabas, camisas bordadas, toallas....
A ela encantáballe o cine, sempre que podía ía, de todos os cartos que aforraba só os gastaba en roupa e mais no cine e os cacahuetes que comían no cine, e cando tivo mozo, xa non tiña que gastar nada, xa que pagáballe el a entrada e o que quixera.

Cando andaban ós mozos era moi diferente a como se anda agora, daquela ían todo o grupo de amigas pola rúa, e cando pasaban por diante dos nenos, pasaban coa cabeza ben alta e todas chulas, e se eles querían algo con elas, elas collían e escapaban de eles, e logo andaban os rapaces andaban a cantarlles serenatas nas portas das casas, daquela divertíanse moito, era unha xuventude bonita, como di ela.

Daquela, ó único xogo que xogaban ó bai (o xogo da billarda),primeiro xogaban na súa rúa e máis tarde cando fixeron a escalinata, xogaban alí porque había moito máis sitio tamén ían de vez en cando un grupo de amigas a andar en bicicleta ata Dena e Sanxenxo, cousa que deixou de facer ó se casar porque seu home non sabía andar en bicicleta.

TILA CASADA. Concertouse o 1 de Outubro de 1963. A súa voda foi o 16 de Novembro de 1963 con Leopoldo Trigo Durán, na igrexa parroquial Santa Mariña Dozo de Cambados, os padriños foron seu Irmán Francisco (Tucho) e a súa cuñada Luzdivina, a festa foi no restaurante Arco coa familia de Tila máis de Leopoldo e algún amigo máis achegado, ela levaba posto un traxe chaqueta verde e na cabeza un casquete cando casaron ela tiña 23 anos e el 26 anos.

Pouco despois de casaren, Leopoldo marchou durante un ano nun barco de pesca de bandeira estranxeira para aforrar para facela casa onde actualmente vive..

Ela ía a terra e máis ó sarrido, cando ía a terra e ó río levaba ós seus fillos consigo nun remolque, mais cando ía ó sarrido deixábaos na casa, cando ía de noite cunha lanterna, deixábaos na cama bañados e co pixama, e cando ía pola mañá, os que eran maiores e podían ir ó colexio ían estudar, e os que aínda eran pequerrechos quedaban na casa no berce. Oscar, cando María era pequena, pedíalle permiso á mestra para nos recreos,en lugar de quedar xogando, poder ir á casa a darlle o biberón e cambiarlle o cueiro. Ela nunca perdeu de ir ó sarrido por cousa de coidar ós seus fillos, xa que eran uns meniños sans e fortes, e ademais nunca fixeron ningún estrago na casa, só houbo unha vez, na que José Francisco (Seso), prendeu lume a un monte de estrume que tiña diante da casa. Todas as súas amigas a envexaban, xa que os seus fillos non facían máis que facer trasnadas.

O único momento no que nunca deixou sós ós seus fillos eran os domingos cando ía ó cine, ela non perdeu ningún domingo de cine, ou cando ía ó baile, eses días quedaban coa súa nai.
Leopoldo, tivo un accidente, con 34 anos, no que perdeu as dúas mans, ó principio, estivera dous ou tres meses ingresado no hospital e Tila non se separou del ata que volveu para casa, levábanlle a roupa alí, comía alí, duchábase... Mentres ela estaba alí, súa nai quedou coidando dos seus fillos, daquela eran 3. Despois de volver á casa, tivo que volver marchar a Madrid para facer a rehabilitación, primeiro foron eles dous sós por un mes, e logo levaron con eles a Oscar mais a Polo, Seso tivera que quedar na casa da avoa xa que tiña que ir á escola, botaron seis meses, mentres aprendía a comer e desenvolverse el só sen as súas mans.

AS AVENTURAS DE TILA.
A cunca voadora: Esta historia ocorreulle unha tarde-noite, cando xa estaba concertada e dentro de pouco ía a casarse. Fóra a buscala o seu mozo á casa para ir ó baile da cultural, e chegou Leopoldo, o seu pai e díxolle q nada diso, que ela non ía a saír da casa, e ela dicíalle “eu quero ir ó baile” e el “ti non saes da casa” e colleu ela e saíu a fora e seu pai lanzoulle a cunca na que estaba a comer o caldo, que foi dar ó bar que estaba diante da casa, e ó final non puido ir ó baile.

A botella de viño novo: Esta historia ocorreulle cando era unha rapaza, debía de ter un 14 anos. Fora ela a castrelo, e dixéralle Tucho (o seu irmán) “por que non levas un pouco de viño novo?” inda estaba fervendo no barril, e dixo ela “bueno, cólleme ahí un pouco” e botoullo nunha botella de cristal, das que había antes para as gaseosas, logo, marchou ó rio a lavala roupa co resto das amigas, e despois de lavala roupa, mentres poñían a roupa branca ó clareo, e a de cor estaba secando, sentáronse todas ó redor para comer algo e contar un conto e dixo ela “bueno, eu vou beber viño novo” e abriu a botella, e coma se fose champaña, saíu todo o viño disparado, manchouse toda a roupa e todas elas, e ó final, quedou a botella baleira, sen nada. Palmira, a moza do seu irmán Tucho, díxolle “Tila, quedaches sen viño” e respondeulle ela “xa ves, este meu irmán...díxome leva viño, leva viño... e mira ti! Púxome o viño a ferver na botella!” e Palmira díxolle “tranquila Tila, non te preocupes que ti sen viño non pasas que che dou eu” e así foi, que lle levou unha botella de viño, e puido comer con viño, que sempre lle gustou tomar un vaso de viño coa comida, algo que inda hoxe en día fai.

Os seus embarazos. Ela sempre que estivo embarazada, traballou ata o día de dar a luz. Cando tivo o seu primeiro fillo, José Francisco, chegou da seca ás doce da noite, despois de que andiveran a tiros con ela pola auga (porque andaba a mariscar no verán, e había veda) e chegou á casa da súa nai, e díxolle que tiña ganas de melocotóns e a súa nai levantouse e foi a de Pintos, a taberna que había diante da súa casa a coller melocotóns, e cando chegou a casa de Tila para darllos, resultaba ser que tila estaba de parto, levoulle toda a noite e toda a mañá para dar a luz ó seu primeiro fillo.

O seu segundo fillo foi Óscar Primitivo, naceu na súa actual casa, unha noite, despois de andar a escapar, xa que era verán e andaban na seca.

O seu terceiro fillo foi Leopoldo, tamén coñecido coma Polo, este parto foi un día frío de Xaneiro, na súa casa actual.

O seu cuarto parto, fora un mal parto, e iso que desa vez, nin andaba a tiros, nin a correr, simplemente estaba tranquila na horta, cando empezou a ter moita dor e saíu o feto morto.

Cando veu o quinto parto, de tres homes, a primeira meniña, Ana Belén, foi xa no hospital, xa que seu home por medo a que pasara algo, coma no seu anterior parto, quería que fose atendida por médicos que soubesen o que facían.

O seu sexto e último parto, foi unha mañá cedo, soando os fogos da Peregrina, deste parto, tivo a súa segunda filla, María Dolores, miña fermosa nai, e para ser o último, foi o que máis traballos lle deu, botou unha semana no hospital subindo e baixando aquela costa do corredor do hospital e cando por fin estaba de parto, avisou a unha enfermeira, e a enfermeira berrou con ela por haber mexado por ela, Tila explicoulle que non mexara, senón que estaba de parto, pero a enfermeira pasou dela ata que chegou o médico e berrou coa enfermeira explicándolle que tiña máis razón e experiencia ela, xa que era o seu sexto parto, e que non era mexo, senón que rompera augas e xa estaba saír a meniña.

Tila...colléronche? Esta historia, ocorreulle un sábado de outubro... Estaba ela mais outras mulleres a mariscar, e a pesar de que, como xa sabedes, non era veda, os sábados máis os domingos, non se podía ir a mariscar, e chegou don Egíneo (un mariño), por terra dicíndolle “Entrégate! Entrégate! Venga para tierra!” e Tila respondeulle “vaia vostede que eu xa vou agora”. Ela decidiu volver a terra por Mar de Frades, porque as outras ían para San Tomé e pensaba que ó ser unha, non ía a ir detrás dela, mais veuna, e decidiu ir a perseguila, ó velo, Tila volveu a meterse na auga e foi ata a Toxa, e el non foi capaz de collela. Cando chegou á Toxa, andaban as Eloínas a mariscar tamén, e todas ó vela, preguntáronlle “Tila, de quen escapas?” e ela calou, porque se lles dicía de quen andaba a escapar, elas ó ter mais forzas ían ir mais rápido ca ela, e colleríana, e cando xa as deixara atrás, gritoulles “ ven alí don Egíneo” e din elas “e dilo agora!” e comezaron todas a correr ata castrelo(ata a do Paparolo), alí sentáronse todas nun balo, e chegou outro marine que andaba a vixiar tamén, e dixo “díxome don Egíneo que buscara a unha muller de loito que ten que estar moi cansada de tanto percorrido que fixo a correr” e dille Tila “pois mira ti, esa muller que andas a buscar son eu, pero... así como corría eu, tamén andaba a correr túa nai, pero ela ía cara San Tomé” e el dicíalle que ela non podía ser porque tiña que estar moi cansada de todo o recorrido que fixo en tan pouco tempo.

Cando Tila chegou á casa, o seu home, xa atopara unha nota que dicía que a colleran mariscando. Sen dicirlle que vira a nota, díxolle “Tila... que che pasou?” e ela respondeu que non lle pasara nada, e el dicía “hoxe colléronte” e ela que non, que non foran capaces de collela, e el insistía “Tila... non me mintas, colleute” e ela negouno “que non, que non me colleron, dígoche a verdade, veu detrás miña, mais non me colleu, nin tan sequera me coñeceu” despois de discutilo, Leopoldo, seu home, ensinoulle a nota e díxolle “e logo isto?” e ela chea de rabia e razón dicía “pero como que?! Se a min non me colleron! Que tiven que dicirlles eu xa en terra que era eu a muller que tanto buscaban!” e miraron na nota, e o nome da muller que poñía non era o de ela, senón o de Purita, a muller do primo carnal de Leopoldo, que como tiñan o mesmo nome e apelidos, o Egíneo, equivocouse e puxo o nome da muller do outro Leopoldo. E o home de Tila, colleu e foi falar con don Egíneo, e díxolle “ti estas seguro de que collestes á miña muller?” e el díxolle que non, pero que sabía que era ela e díxolle Leopoldo “mire, tome o nome, a miña muller non se chama así”, e tivo que coller don Egíneo e calar.

A gran aventura no río Umia. Un día de verán, aínda de nova, andaban Tila máis Pita e Neruca a mariscar e quedaron apresadas no río Umia polos vixiantes do Grove por un lado e os de Cambados polo outro lado. Pita máis Neruca non sabían nadar ben, e Tila tivo que mantelas a flote durante horas ata que subiu a marea de todo e a corrente levounas ata Espiñeiro, onde conseguiron saír para a terra, xa que os vixiantes, ó subir a marea foron indo para terra. Cada vez que Tila recorda esta historia, ó pensar que puideron haber morto alí mesmo, e nas caras das súas nais preocupadas porque pensaban que ían morrer no intento, ponse nostálxica e danlle ganas de chorar.

Chegando á ponte da Barca. Tila sempre ía coa cara chea de feridas de cando de lle caía a bañeira na que levaban as cousas e de todas as feridas, nunca foi nin ó médico nin a nada, salvo dunha vez, ía ela, camiño de Castrelo, chegando á ponte da Barca cando se lle escorregou a bañeira que levaba na cabeza, dándolle e abríndolle unha ferida na cella, ela seguiu o seu camiño sen darlle importancia, e cando xa estaba chegar á Ponte, atopouna Cholo, o fillo de señora Lola, a do muíño, e levouna ó muíño a limparlle a ferida e mirarlle o ollo xa que non vía, ela non quería ir dicía que non era nada, e que non tiña importancia, mais levouna para dentro, e votoulle alcohol e cerroulle a ferida cun espaladrapo.

AGORA DE ANCIÁ. Tila foi sempre unha muller loitadora e moi traballadora, e grazas a iso, agora pode gozar a súa vida de xubilada indo de excursións, ó balneario, xuntarse coas súas amigas para votar unhas partidas ás cartas, gozar dos seus doce netos que ten e mais da súa bisneta...