ROSA POMARES MILLÁN
A MILLANA

ROSA POMARES MILLÁN

por Sofía Ventoso Trigo

IES Ramón Cabanillas - 4º ESO

A miña avoa chámase Rosa. Naceu o día once de decembro de 1933, en Vilamaior, Vilanova de Arousa. A súa familia estaba composta por nove irmáns. Ela era a segunda, pero por desgraza, o primeiro e a terceira morreron moi novos, polo que a avoa se volveu a maior de todos e a que se tiña que encargar de moitas das tarefas do fogar. Os seus pais chamábanse Joaquín e Rosa. Eran moi humildes, non tiñan apenas cartos nin propiedades ao seu nome, pero foron aforrando ata que puideron mercar un terreo e construír unha casiña en Caleiro. A avoa tiña uns quince anos cando se mudou alí.

Cando saía da escola, xogaba na rúa con todos os nenos e nenas. Un dos xogos era o tan coñecido trompo, aínda que tamén xogaban a cousas simples como o escondite, saltar a corda ou a facer formas co barro. O alcume da familia é Parriolos; a súa orixe remonta a cando o bisavó da avoa Rosa foi ás cepas, e un veciño que pasaba por alí preguntoulle que andaba a facer, e el contestoulle que andaba a atar uns “parrioliños” (así era como os chamaba el), e dende entón quedoulle ese alcume á familia, apesar de que á miña avoa a coñecen máis por Rosa A Millana.

Mentres o seu pai ía traballar as terras ou pescar e a súa nai quedaba na casa cosendo para logo ir vender a Cambados, miña avoa coidaba dos seus irmáns e facía as tarefas do fogar. Dende moi moza comezou a traballar nunha fábrica de conservas que agora xa non existe, e todo o que gañaba tiña que entregárllelo aos seus pais.

Poucas veces ía a escola, xa que non tiña tempo, pero cando ía, estudaba o primordial, que daquela era ler e escribir. Naqueles tempos só se escribía e se lía en castelán, aínda que a maior parte da vila falaba galego, e non houbo ningún problema por falalo. “Cando viña alguén doutro lugar, non entendían o que nós diciamos, pero nós a eles si”. Miña avoa dicía que os de Tremoedo usaban máis o “C” cando falaban, mentres que eles pronunciaban máis o “S”, dí referíndose ao seseo. Non rematou os estudos porque tiña que traballar.

Un dos momentos máis felices da súa vida foi cando namorou e casou co meu avó, Rogelio Ventoso. Foi o seu primeiro noivo, primeiro marido, o único e o último. Sempre estivo namorada del, aínda agora o está, despois de máis dun ano da súa morte segue estirando ben as sabas da cama do lado do meu avó, xa que el sempre que durmía a sesta, deixábaa con enrugas. Foron 64 anos xuntos, 59 casados e 5 de noivos. Aínda que os meus avós discutiran, queríanse moitísimo; como di o refrán que me mencionou a avoa “un matrimonio que non é reñido, non é querido”. Tiveron tres fillas e un fillo. Os seus nomes son Mª Rosa, Mª Olga (a miña madriña), Mª Susana e Joaquín (o meu pai). “Antes, se as túas fillas non tiñan un nome católico, non podían ser bautizadas, a non ser que o seu primeiro nome fose María”.

A nosa familia non tiña moitos cartos, non se podía permitir moitos caprichos, pero nunca lle faltou de comer nin de vestir, pero aínda así as miñas tías eran as máis envexadas entre todas as veciñas, xa que a avoa encargáballe a unha costureira os vestidos que ela mesma deseñaba; á avoa non lle importaban tanto os cartos, só que as súas fillas estiveran moi guapas.

Un dos momentos máis difíciles foi cando o meu avó Rogelio marchou por traballo a Noruega para se embarcar na mariña mercante. Foi a primeira vez que estiveron separados. A miña avoa tivo que ficar na casa na que vivían de aluguer (en Vilamaior), coidando das súas fillas. Foi un momento moi triste, sobre todo porque na súa primeira viaxe estiveron separados trece meses, e a única forma de comunicarse era mediante unha carta, que tardaba dous meses en chegar a mans do avó, e outros dous para recibir resposta. Ademais de coidar das fillas, a avoa traballaba na fábrica. Co esforzo dos dous acadaron outro dos momentos máis felices, que foi cando construíron a súa propia casa, xa que onde vivían non tiñan nada propio. Cando a estreou, puido ter unha cociña, móbeis, baño… todo era moi distinto, ao fin tivo un fogar.

O avó viaxou por países dos cinco continentes. Cada vez que volvía traía agasallos para a familia; na miña casa consérvase un de cando o avó foi a Xapón, un par de pratos co retrato da avoa Rosa e outro do meu pai e a miña tía Susana de cativos. Como o meu avó era mariñeiro, cando volveu das viaxes, cun barco que mercara, pescaba nas Rías Baixas. Se a pesca era moi grande, ía a Vigo a vender, pero se era pequena, vendía no mercado da vila. A avoa deixou de traballar na fábrica para axudar ao avó a vender o peixe que transportaba nun carro manual ao que chamaba Manolo Escobar.

A avoa está moi contenta da vida que tivo, a pesares das dificultades que lle tocou vivir, xa que acadou co seu matrimonio catro fillos, dez netos e catro bisnetos marabillosos. Para ela non hai maior regalo que a familia que ten, e que non a cambiaría por nada do mundo.

Por iso, despois de ter falado coa miña avoa, xa sei cales son as tres palabras que a definen: TRABALLADORA, LOITADORA e NAI.