SEGUNDO OTERO RODRÍGUEZ
SEGUNDO OTERO

SEGUNDO OTERO RODRÍGUEZ

por Vera Oubiña Otero

IES Ramón Cabanillas - 2º ESO

Meu avó, chámase Segundo Otero Rodriguez, naceu no ano 1921, ten noventa e seis anos e vive en Sisán, Ribadumia.

O avó Segundo, aínda recorda moitos momentos da súa infancia, adolescencia e mocidade. Viviu moitos momentos emocionantes, pero os que recorda con máis intensidade foron o casamento coa súa muller e o nacemento dos tres fillos. Porén tamén recorda o máis triste que foi cando morreu o seu pai, a súa nai e os seus irmáns.

O meu avó naceu en Sisán o día tres de xaneiro de 1921. Vivía cos seus pais, Ramón e Matilde e cos seus irmáns, Herminia e Ramón. Vivían nunha casa de pedra, non era moi grande, non tiñan as comodidades de hoxe en día, pero era moi bonita.

Segundo traballou moito na terra cando era pequeno, tiña que axudar aos seus pais, o rematar na escola tiña que ir a axudalos. Cando remataba de facer as súas tarefas podía ir xogar un anaco cos seus amigos, ían todos a facer casoupas de madeira no monte.

Segundo só ía á escola o día un de cada mes porque o resto tiña que traballar e por iso os mestres dicían El primero vino Otero... ía a clase con Celestino e Ramón, Ramón era coñecido co alcume de “Polo”. A escola á que acudían atopábase na súa aldea, era unha casiña de pedra cunha aula na que se mesturaban as nenas e os nenos de distintas idades; alí aprendían a ler, escribir, sumar, restar, multiplicar e dividir. «As catro regras», máis nada. Os seus mestres chamábanse Rosa e máis Pepe. Segundo falaba galego como os seus ensinantes.

O meu avó comezou a traballar moi novo, con sete anos, axudando na construción da súa actual casa, el levaba os bois que tiraban do carro cargado da pedra que tiraban da canteira, conta que «un día un boi pisoume un pé, case mo esmaga». Tamén traballaba labrando a terra e levaba as vacas a pacer, traballaba cos seus irmáns.

Con dezaoito anos estivo no servizo militar durante tres anos, destinárono a Melilla e Zaragoza, e estivo a piques de coller a época da guerra, aínda recorda o mal que se vivía naquel tempo. Na mili tiña un compañeiro que vivía en Bandeira, Silleda, e á volta de cincuenta anos volvéronse encontrar, por casualidades da vida, logo de atopárense procuraron xuntarse varias veces en cada ano, ata hai catro anos que o seu amigo faleceu, agora son os fillos del os que veñen visitar o meu avó.

Sempre que podía ía xogar cos seus amigos, darlle patadas á pelota; e xogaron logo nun equipo de balompé: o glorioso Ribadumia! Eran os anos corenta, daquela contaba con vintedous anos. Debía ser bo, xogaba de dianteiro, disque se lle daba moi ben.

Aos trinta e tres anos casou con Pura Domínguez, coñecéronse na festa de Meaño, e logo dun ano de mocearen, casaron. Miña avoa só tiña vinte anos, el lévalle trece anos... Pero, velaí están e xa fixeron sesenta e cinco anos de casados.

A el gustaríalle que se lle recordara como unha boa persoa, un bo avó e un bo pai.