TERESA SAYAR AGUIÑO
A BICHA

TERESA SAYAR AGUIÑO

por Carla Núñez Castro

IES Francisco Asorey - 4º ESO

Nacín nunha aldea moi pequena, chamada Fornos, en Santo Adrián de Vilariño, pertencente a Cambados, o día 3 de Febreiro de 1953, ás tres da madrugada. Os meus pais eran Ángel Sayar Alonso e Elvira Aguiño Núñez, vendían marisco e peixe, ademais o meu pai navegaba e miña nai era peixeira e traballaba na casa. Tiven catro irmás, eu era a maior, logo de min ven Alexandrina, a seguinte Evangelina, despois Raquel e por último María Elvira.

Disque o alcume ven de muller avispada, vivaracha, porque súa avoa collía o tren e ía vender centolas a Madrid polo ano 1950, ou antes, o alcume ven xa da bisavoa, debe ser cousa antiga iso de andar esperta na familia.

No lugar no que naceu, só había un rueiro con cinco casas. Nas cinco casas vivían o seu bisavó Antolín e Concepción, a súa tía Efigenia, a tía Erudina, Elsa a filla do zapateiro, Terucha a filla do canteiro, e ese era todo o núcleo. Para lavar a roupa íase a un río onde tiñan unha propiedade os seus bisavós maternos, as casas estaban pegadas, non había electricidade. Durante os seus cinco primeiros anos de infancia xogaba cun gato e con Lina a filla da tía Efigenia. Os venres, co pan de millo, facíanse bólas con follas de parra. Ían a un río con pedras e alí collían os amorodos salvaxes, e logo ían xogar a unha leira xa que alí nacían moitos froitos silveiros.

Aos cinco anos os seus pais casaron e obrigárona a ir para Cambados. Na casa vivían os seus pais, a avoa e máis tarde as súas irmás. Vivían na rúa “do Rego”, agora chamada rúa “Infantas”. Seus veciños eran a Cocheira (panadeira), a Rata e a Nicrica que era famosa xa que tiña un barco no mar. Cando chegou a Cambados non compartía coa avoa paterna o mesmo que coa avoa materna, xa que a materna coidáraa e a outra non. A situación económica era mellorable, pero non eran pobres. A casa tiña tres andares, unha bañeira, un cortello, azotea, cuartos e auga do pozo corrente.

Xogaban ao troquel, á billarda, á pedra libre, os tres mariños ao mar, bólas, trompos e pillar o pano. Pola mañá ían lavar a roupa ao río, e poñer logo á roupa ao clareo (ao sol), logo coidaba o peixe que estaba a secar. Ía a escola, aínda que todos entraban ás nove, ela non. Só había un profesor en todas as escolas. A súa era dona Carmen Silva. A xente viña de diferentes sitios á escola. Ela só ía ás veces, cando non traballaba ou non tiña que axudar na casa. Na escola tomaba leite en po, xa que os nenos e nenas estaban mal alimentados e ás veces tamén daban un chusquiño de pan. Cando viña o bispo de visita había que recibilo cunha bandeira pegada con pataca cocida que facía de cola. Ela escribía coa man esquerda e pegábanlle coa regra na man, e por culpa diso aínda hoxe faino todo coa esquerda, menos escribir. Logo foi á escola de Peixiños, as compañeiras burlábanse dela. Dáballes matemáticas, gramática e algo de xeografía. Ela non falaba en galego, os profesores tampouco, non tiña problemas por utilizar o galego, nin se prohibía falar en galego xa sabían que non se utilizaba dentro, si algo na casa ou no recreo, como moito. Tamén había as misións, íase pola rúa cos frades e curas e eles dábanlle pasteis aos nenos, e chocolate, e cando había misión comíase moi ben. O estado dáballes un xersei e unha chaqueta. Cando tiña doce anos nevou, e os frades leváronas a xogar coa neve. Non fixo estudos. Deixou a escola aos trece anos, xa que había que facer o exame de ingreso no Instituto en Pontevedra pero daquela naceu a súa irmá e tiña que coidala. Gustáballe a enfermería, pero non tivo oportunidade de facer esa carreira.

No tempo de lecer ía ao cine Cervantes; cinco pesetas, un peso, en butaca; tres pesetas en xeral; e tamén paseaban, compraban castañas… Era o que había. Non facían deporte, moito menos federado, corrían, xogaban e andaban a todos sitios. Non se podía falar de política, pero si de cultura, e vivila, como a ela lle gustaba, na nosa casa actual hai mobles de Ramón Cabanillas, xa que é o noso familiar, tamén lle gustaba moito ler libros, aínda que non había moitos, e os que non estaban censurados, eran libros curtos e pequenos. No que ten que ver coa cultura ía a concertos, gustábanlle moito. Lémbrase dos Bravos que cantaban en inglés, a ela tamén lle gustaba moito cantar. Tamén había teatro, na “Xuventude”, non estaba mal… e había tamén “guateques”. Foi a algunhas obras no Nadal e outras festas, aínda que tamén fixo unha representación cando estaba na escola, vestida de catalá.

Criou ás súas irmás, xa que a nai enfermou, e foi para un hospital, e ela tiña que ir gañar o diñeiro a Vigo con só doce anos. Cando comezou a ir a Vigo, traballar, pero tamén gañar diñeiro, xa puido comprar os seus primeiros modelos. Ía a Vigo nun coche de liña, e ao voltar de Vigo atendía o bar da Cultural, que era noso, tamén tivemos un restaurante e tamén foi ao serrido. Logo comezou a ir á lonxa, tamén traballou durante seis meses nunha fábrica de plásticos, a primeira de aquí.

En Cambados estaba a tía Raquel, o tío Antonio, a tía Soledad, as curmás Elucha e Raquel, o curmán Tucho, e tamén tiña amigas estranxeiras e moitas de Cambados. Vivían nas casas baratas… dúas traballaban de serventas, tamén tiña amigos… eran unha cuadrilla, as súas amigas colleron mozo e ela tamén, e cada unha xa ía polo seu lado. Así era naquel tempo. Aínda se leva ben levando con todas elas. As dúas serventas estranxeiras, volveron marchar, tamén estaban as súas irmás; a tía Elvira que foi quen axudou a crialas, e logo veu vivir con ela, cando casou, para a súa casa, non era unha familia moi grande, é bonito porque segue mantendo relación con case todos elas. Logo de adolescente, cando comezou a saír con Manuel Núñez Cores, o seu home, e o pai dos meus fillos, comezaron a ir á Cultural. Tamén se ía a romaría da Pastora.

Cando casou, aos dezaoito anos, aínda non había moitas cousas. Tivo catro fillos, o meu primeiro fillo, Anxo, aos 19; Mané, aos 22; logo unha nena que me morreu aos vinte e cinco anos e logo a María aos trinta e dous. Todos foron criados de maneira diferente, aínda que sempre intentou que todos estudaran e aprenderan, e fixeran todo o que ela non puidera facer, e así foi case sempre.

Nesa etapa tamén montou a súa propia gardería, antes era máis doado montar un negocio.

As tres palabras que mellor describirían a vida desta muller son: sacrificio, perseveranza e abnegación, porque foi o que lle inculcaron para conseguir as cousas. Non paraba, tiña ansia, e gustáballe moito aprender.

O momento mais feliz da súa vida foi o nacemento dos fillos e as fillas. O momento mais difícil cando non chegaba o diñeiro para manter os fillos; o mais triste cando morreu a filla.
Viaxou por España, Italia, Francia, Croacia, Hungría, Austria, Inglaterra, Irlanda, Grecia, Portugal, Tánxer, Alxeria e ao deserto do Sáhara, recunchos do mundo, que repetiu nalgún caso, gustaríalle moito seguir viaxando. Gustaríalle vivir para ver os seus netos e netas conseguiren todo... A súa vida non acaba, vai seguir acadando cousas e soñando… coma sempre fixo.
Gustaríalle ser lembrada como unha boa nai, e unha boa persoa. Na actualidade ve o positivo da vida, que estamos nun mundo marabilloso se o sabes aproveitar, a xente non valora o que ten hoxe en día na vida. Oxalá puidera ter estudado unha carreira, ter ido máis de viaxe, terlle dado máis cousas aos fillos… Na actualidade gústalle todo o que ten que ver coa arte, cociñar, nadar; non pode facer outros deportes polos problemas de saúde, pero vai indo.

O seu desexo é que os netos cumpran os seus soños, xa que os seus fillos xa os cumpriron. Gústalle probar todo, mesturarse con todo. Outro desexo sería o de ir a Pompeia, case todos os seus soños foron realizados, todo conseguido con moito esforzo e traballo.